Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mamasunción, segunda parte

A tenda ecolóxica de Silleda volve apenas dous meses despois con espazo para degustacións

Estefanía Fernández Míguez, na renovada tenda.

Estefanía Fernández Míguez, na renovada tenda. / Bernabé

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Silleda

Mamasunción reabre as súas portas apenas dous meses despois do seu peche. A tenda ecolóxica de Silleda volve cun novidoso enfoque no que teñen cabida as degustacións. Faino da man de Estefanía Fernández Míguez, cofundadora en 2020, xunto ao seu marido, Xosé Filloy González, que agora traballa na Viñoteca Ribeirao, de Melide, e que lle brindará asesoramento, sobre todo, en materia de viños.

Precisamente, a oferta vinícola é unha das apostas máis firmes do renovado negocio. «Ampliamos moito os viños, temos ao redor de cincuenta referencias máis das que tiñamos antes, tamén internacionais, de Portugal, Francia e Italia», comenta Fernández. Contan cunha estantería de Galicia, coas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras, e outra para os caldos do resto de España (O Bierzo, Ribera del Duero, Arribes de Duero, Rioja, Navarra, Valencia y Catatayud).

Os queixos tamén gañan presenza, incluídos algúns elaborados noutros países, e incorporan cárnicas e embutidos. Aumenta a variedade de aceites, conservas, patés e chocolates. E, por suposto, seguirá habendo pan de Paulino de Rellas ou leite e iogures de Kalekói.

Da nova Mamasunción desaparece o produto fresco de horta e todo o que había a granel (legumes, cereais, pasta, cafés, infusións...) pasa agora a estar empaquetado en plástico biodegradable. Tampouco conserva a sección de crianza natural. Si se manteñen os produtos de aseo persoal, droguería e cosmética orgánica, así como a sección de artesanía, xa das máis exitosas na primeira etapa.

«A tenda convértese en tenda-degustación», apunta Estefanía. Así, poderanse degustar viños, cafés, infusións ou conservas. No caso dos viños, por exemplo, a idea é ter sempre un branco e un tinto dispoñibles para a venta por copa. «O cliente vai poder degustar viños a prezo de supermercado, non de restaurante», indica a propietaria. «E o mesmo se quere acompañalo dunha lata de conservas», engade. En todo caso, a tenda agasallará con tapas de embutidos ou queixos ás persoas que vaian probar algunha das bebidas.

O negocio inspirado na película homónima do forcaricense Chano Piñeiro botou a rodar a segunda parte da súa historia onte cun convite de apertura. Inicialmente, abrirá de martes a venres en horario de mañá (de 10:30 a 14 horas) e de tarde (de 17:30 a 21), os luns pola tarde e os sábados pola mañá.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents