Balbino demostra que tén táboas
No décimo cabodano do pasamento de Xosé Neira Vilas, o Centro Dramático Galego inicia os ensaios de «Memorias dun neno labrego». A peza estrearase no Salón Teatro de Santiago o 8 de xaneiro.

Ensaio da adaptación teatral de "Memorias dun neno labrego". / Rocío Cibes

Balbino era un neno de aldea, de calquera aldea dos anos 40, por iso non tiña nin apelido, pero acabou converténdose no protagonista da novela máis traducida da literatura galega, Memorias dun neno labrego. O seu «pai», Xosé Neira Vilas, conseguiu dignificar a través de Balbino a vida no rural e a emigración. Este xoves, 27 de novembro, cumpríronse dez anos do seu pasamento. Pero o legado de Balbino e de Neira Vilas perdurarán sempre entre os seus lectores e os seus veciños de Gres. Moitos deles acudiron aos actos na fundación que leva o seu nome, e seguramente xa teñan mercada a entrada para ver a versión teatral de Memorias... A peza está dirixida por Cándido Pazó e poderá verse dende o 8 de xaneiro ata o 25 dese mesmo mes no Salón Teatro de Santiago.
Cándido Pazó asina ademais esta adaptación teatral para o Centro Dramático Galego, e comezou os ensaios cun elenco de actores no que figuran Xúlio Abonjo, Santi Romay, Manuel Cortés, Federico Pérez Rey, Iris Darriba, Mónica García e Ana Santos. Xuntos, darán vaida aos episodios máis representativos desta novela. A versión teatral quere ser a memoria colectiva «dunha Galicia rural que se foi diluindo ou transformando», pero tamén bota man do humor e dunha relación directa e amena co público, indican dende a Consellería de Cultura.
Para o deseño da proposta escénica, Cándido Pazó conta con Pablo Giráldez, O Pastor, na escenografía e atrezzo, así como con Martina Cambeiro no vestiario, Xosé Lois Romero na música, Afonso Castro na iluminación e Belén Pichel na axudantía de dirección. A venda anticipada de billetes para as distintas funcións está xa dispoñible na web entradas.ataquilla.com.
Cartas con Alonso Montero
Voltemos a Gres. Alí, a Fundación Xosé Neira Vilas pechou onte a súa programación de outono cunha ofrenda floral no cemiterio onde repousan Neira Vilas e a súa compañeira de vida, Anisia Miranda. O presidente da Fundación, Fernando Redondo, e o catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero estiveron arroupados por membros da entidade e, como dicíamos, por numerosos veciños e amigos da parella de literatos que sempre tiveron o seu fogar e a biblioteca abertos a todos.

Presentación en Gres do epistolario entre Neira Vilas e Alonso Montero. / Mari Luz Barreiro
Precisamente, na coñecida como Casa do Romano tivo lugar a presentación do volume Correspondencia 1965-2014, que recolle o intercambio epistolar durante case medio século entre Neira Vilas e Alonso Montero. Este libro que edita Galaxia xa se deu a coñecer a finais de outubro nun acto en Compostela. Dende a fundación indícase que ao longo deste epistolario «vai pasando un anaco de especial relevancia da historia da literatura galega contemporánea». Así, nas primeiras cartas que se intercambiaron, nun periodo que coincide coa estadía de Neira Vilas en Cuba, atopamos información sobre a edición de Memorias dun neno labrego e doutros libros destacados. As misivas tamén gardan «a rica rede de relacións que mantiveron en contacto a Galicia cultural do exilio e a emigración coa Galicia interior».
Un «xornaleiro da lingua»
Á presentación do epistolario entre Neira Vilas e Alonso Montero acudiu o secretariao xeral de Lingua, Valentín García, así como Xosé Manuel Soutullo, da editorial Galaxia. O estradense, durante a súa intervención, recalcou que coa difusión destas cartas colabórase na «posta en valor dun dos autores galegos máis universais». Valentín García quixo gabar «a importancia dun intelectual que contou a historia de Galicia desde a aldea e que se autodenominaba un xornaleiro da lingua».
Para o representante da Xunta, este prolongado epistolario entre os dous literatos dá conta «do compromiso dos escritores co galego no seu eido privado». Dende mediados de outubro, a Fundación Neira Vilas leva conmemorado este décimo cabodano co Día das Escritoras, un encontro entre poetas e un roteiro por Gres, dirixido pola profesora Mari Luz Barreiro. Reeditouse, ademais, a obra Castelao en Cuba, que Neira Vilas publicara no 1983.
- Revés para un desarrollo urbanístico clave en Vigo, al exigir la Xunta un examen ambiental más riguroso
- Hacienda tumba en masa las reclamaciones de marineros por la exención de IRPF
- Davila 12/12/2025
- Un muerto y tres heridos en una colisión frontal en Redondela
- El Celta cae por aplastamiento
- «Fóiseme a olla, prendinlle lume á miña exmoza»
- El BNG urge la compra de Povisa: «Cuando la sanidad se convierte en un negocio, las empresas ven clientes, no pacientes»
- Ordenan investigar la fuga de gases cancerígenos en el IEO de Vigo