Cando Codeseda estivo gobernada por mulleres
Luís Manuel Ferro Pego e José Manuel Bértolo Ballesteros falan na ‘Miscelánea’ da Estrada do mosteiro feminino de San Xurxo, ubicado nesta parroquia estradense durante a idade media, e do que agora tan só se conservan algunhas pedras, malia a súa importancia nunha época na que o poder era maioritariamente masculino.

A carballeira, centro neurálxico da parroquia. | Bernabé/ Cris M.V.
Queda moita da nosa historia por coñecer. A maior parte do que fomos continúa soterrado baixo as capas do tempo, agochado entre muros vellos, documentos esparexidos e tradicións que xa poucos lembran. Aínda que por fortuna, gracias á labor desinteresada de algúns veciños e asociacións, moitos relatos do pasado do noso pobo están á nosa disposición, mesmo se moitas veces non pensamos en buscalos. Por exemplo, cantos estradenses son coñecedores de que en Codeseda, alá pola idade media, existiu un dos poucos mosteiros femininos da zona?
O mosteiro de San Xurxo de Codeseda, foi un pequeno cenobio beneditino que, durante séculos, articulou a vida espiritual, económica e social da comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Hoxe apenas quedan algunhas pedras que falan dun pasado esquecido, pero grazas ao estudo de Luís Manuel Ferro Pego e José Manuel Bértolo Ballesteros publicado no volumen 27 da Miscelánea Histórica e Cultural da Estrada podemos reconstruír parte da súa fascinante historia e entender mellor a importancia que tivo este lugar no corazón da Galicia medieval.
A existencia do mosteiro está documentada xa no ano 1124, cando o rei Afonso Raimúndez o menciona e pouco despois o doa ao cabaleiro Munio Pérez Tacón. Nada sabemos da súa fundación exacta, pero todo apunta a que xurdiu seguindo o modelo dos antigos cenobios familiares visigóticos, nos que a vida comunitaria se organizaba arredor dunha figura feminina de autoridade, a abadesa. Co paso do tempo, a influencia da regra beneditina acabou definindo o ritmo diario das monxas, marcadas polos oficios litúrxicos desde o amencer ata o solpor e pola realización de tarefas agrícolas e domésticas que garantían a subsistencia da comunidade. A vida destas mulleres era intensa e disciplinada, combinando rezos, traballos manuais, lectura espiritual e unha laboriosa administración das propiedades que pertencían ao mosteiro.
E é que San Xurxo de Codeseda non era só un recinto relixioso: era tamén o centro dun territorio xurisdicional propio, coñecido como couto, no que a abadesa exercía autoridade plena. Este couto incluía a freguesía de Codeseda, a de Liripio e parte de Sabucedo, un espazo delimitado por marcos de pedra que definían a súa inmunidade fronte á autoridade dos meiriños e oficiais reais. Os habitantes deste territorio debían pagar rendas en especie, entregar décimos, fornecer carneiros, galiñas e pan branco, e atender determinadas obrigas tradicionais vinculadas ao señorío monástico. A abadesa actuaba, así, como señora feudal, resolvendo conflitos, administrando xustiza e organizando a explotación das terras. Nun tempo no que o poder das mulleres estaba severamente limitado, resulta sorprendente e revelador descubrir espazos como este, onde unha comunidade feminina exercía un control directo sobre o territorio e os seus recursos.
Ao longo dos séculos, a monarquía outorgou ao mosteiro numerosos privilexios. Reis como Fernando II ou Fernando III confirmaron doazóns e propiedades, e varias bulas papais recoñeceron a pertenza do cenobio á Igrexa de Santiago, situándoo baixo a súa protección. Grazas a estes apoios, o mosteiro conseguiu manter un papel destacado na zona durante boa parte da Idade Media, organizando a vida rural e garantindo unha certa estabilidade económica. Pero a historia do mosteiro non foi sempre tranquila. A partir do século XIV, coa chegada dos Trastámara ao poder tras unha guerra civil que sacudiu o reino, moitos nobres aproveitaron a debilidade das institucións eclesiásticas para apropiarse das súas rendas e dominar os seus territorios. En Codeseda esta presión manifestouse a través da denominada encomenda, un sistema polo cal un nobre se convertía en protector do mosteiro. Na práctica, esta protección acababa en abusos, ocupación de terras e usurpacións continuas. Os cabaleiros da torre da Barreira actuaron con especial contundencia, chegando a apropiarse de aldeas, colleitas e servizos que pertencían ás monxas, até o punto de poñer en risco a propia supervivencia do cenobio.
Nese contexto de tensións políticas e decadencia económica, o mosteiro foi perdendo vitalidade. A principios do século XV xa só quedaban dúas freiras, a abadesa Teresa Ares e Inés Rodríguez, incapaces de manter en pé a institución. En 1410, o arcebispo de Santiago decidiu incorporalo ao cabido compostelán, unha anexión que sería ratificada en 1411 polo papa Benedito XIII. A partir dese momento, o mosteiro deixou de existir como comunidade feminina e converteuse nunha tenza administrada por Santiago.
Hoxe, do antigo mosteiro só quedan a ábsida románica e varias pedras reutilizadas na igrexa e nos seus arredores, entre elas dous baldaquinos tardogóticos únicos e un tímpano co Agnus Dei, auténtico museo ao aire libre que corre risco pola intemperie. Codeseda, rodeada dunha paisaxe calma e atravesada polo Caminho da Geira e dos Arrieiros, convértese así nun exemplo de que incluso os lugares máis recónditos e aparentemente humildes, agochan un inmenso pasado por coñecer.
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Calamar, pota, potón: ¿Quién pesca el qué, dónde y en qué condiciones?
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- Una odontóloga venezolana y su marido ingeniero hacen cola en el comedor social de Vigo al no poder convalidar sus títulos
- Quiebra la excontrata gallega de centros logísticos de grupo Inditex
- El juez ordena cerrar un piso turístico en Vigo por estar «prohibido» en los estatutos
- Galicia, entre las comunidades que permiten a más alumnos de ESO graduarse con asignaturas no superadas
- El doctor Pintado Albo, el ginecólogo que trajo al mundo a miles de vigueses y al primer 'in vitro'