Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do clarinete á partitura de premio

Juan Núñez Seonae (54) recibe a mención especial na categoría de dificultade media do Concurso Galego de Composición, convocado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares. Unha distinción que consigue tan só cinco anos despois de comezar a formarse nesta complexa disciplina.

Núñez Seoane, posando co seu clarinete.

Núñez Seoane, posando co seu clarinete.

A Estrada

A Estrada volve destacar polo seu talento. Nesta ocasión, o recoñecemento chega da man do clarinetista Juan Núñez Seoane, que acaba de recibir a mención na categoría de dificultade media da décimo oitava edición do Concurso Galego de Composición, convocado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares. O estradense, coñecido por formar parte tanto da Banda Municipal da Estrada como do Big Band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, destacou coa súa peza ‘Camiño dos Arrieiros’, coa que soubo capturar o interese do xurado.

Esta é a segunda vez que Núñez, de 54 anos de idade, se presenta á convocatoria. Xa na edición pasada quedou segundo na mesma categoría do certame, mais nesta ocasión contou cun recoñecemento especial, se ben o gañador oficial foi Sergio Rodríguez Pena con ‘Metamorfose sinfónica’, sobre un tema de Andrés Gaos. A noticia chegoulle con moita alegría, como el mesmo comparte: «Isto supón unha motivación para continuar compoñendo».

De feito, malia que o clarinetista leva formándose dende os doce anos, cando comezou na escola da Banda Municipal, non foi ata o 2020, durante a pandemia e o confinamento, que decidiu dar o paso de aprender sobre composición. Para ser máis exactos, a súa rama é a composición clásica, para a que é preciso dominar a linguaxe musical, entre outros moitos factores.

«Comecei a tomar clases na pandemia, xa que era un momento no que non se podía tocar en directo, para min era un xeito de estar en contacto coa música», relata o premiado, e continúa: «Non levo máis que cinco anos, é moi pouco tempo, por iso resulta un empuxe moi grande recibir esta mención».

El é músico profesional, e integra a Banda Militar de Marín. Dende pequeno soubo que esta forma de arte era coa que quería gañarse a vida, aínda que se trata dun sector difícil de penetrar. «Cando eu iniciei as clases de clarinete a música non estaba tan especializada como agora, non había máis que dous mestres que che ensinaban un pouco de todo, pero sempre tiven esa inquietude, e sabía que quería ser músico profesional, vivir disto», conta Núñez Seoane.

Dende que pousou as mans por primeira vez no clarinete, non se volveu separar del, e agora, cunha longa traxectoria ás costas, fai balance dos cambios que foi vivindo, especialmente ao ter experiencia en diferentes tipos de formacións. «É moi distinta a vida dun músico da banda municipal que a dun profesional, na municipal tes unha axenda moi apertada, especialmente durante o verán, fas moitos quilómetros e actuacións seguidas, mentres que como profesional tes outra estabilidade», sinala.

Con todo, o que desfruta da música vívea dende calquera das súas formas. De feito, o estradense non abandonou nin a Banda Municipal nin a Big Band do OMM Carlos Barruso. E incluso formou parte de outros proxectos de menor calado. Por exemplo, integrou e compuxo o disco de Lucía Arzurmedi Grupo, no que musicalizaron varias composicións poéticas de diferentes autores locais.

Porén, o verdadeiro obxectivo de Juan Núñez é que algún día, as súas pezas para banda sexan interpretadas, xa que ata o momento non aconteceu. «Fixen algúns arranxos pero non se deu aínda o momento de que a banda interprete unha composición miña», expón, e engade: «Gustaríame moito que iso sucedera, e cara esa meta seguirei traballando».

Neste senso, o clarinetista estradense ten motivos para ser optimista, posto que aínda que leva pouco tempo formándose nunha disciplina tan complexa como a composición clásica, xa foi capaz de destacar neste certame organizado pola Federación de Bandas Galegas nas dúas ocasións nas que se presentou. En cinco anos, foi quen de demostrar talento nunha categoría de dificultade media, nunha convocatoria á que acoden profesionais non só de Galicia, senón tamén do ámbito nacional e internacional. Por iso, escoitar as súas pezas é só cuestión de tempo.

Tracking Pixel Contents