Entrevista | Josefina Campaña Palilleira e escritora
«Non fun consciente do meu camiño ata que o escribín»
Todos os relatos vitais son merecedores de protagonizar as páxinas dun libro, mais non todos nos atrevemos a escribilos. Josefina Campaña vai un paso máis alá, e vence o medo á exposición nun exercicio de escritura que foi para ela terapia

Campaña posa coa súa biografía no obradoiro da Estrada. / Bernabé/ Javier Lalín
Josefina Campaña ten 51 anos e é natural de Camariñas, pero leva más dunha década afincada en Santa Cruz de Ribadulla. Dende hai tres, rexenta un obradoiro de encaixe na rúa San Antón da Estrada. Aínda é xoven, pero xa publicou unha biografía, que se presenta hoxe ás 12.00 horas na Sala Abanca. Baixo o título de ‘De niña artesana a mujer’, en 71 páxinas a palilleira fai un recorrido pola súa traxectoria profesional
—Como xurdíu a idea de comezar a escribir a súa biografía?
Levaba tempo pensando en facelo, pero non me atrevía a dar o paso porque me parecía unha exposición moi grande. Principalmente quería plasmar a miña propia evolución profesional como palilleira, dende que comecei en Camariñas ata agora, que conto coa miña propia marca, pero había partes da miña vida persoal que non me sentía comoda compartindo, especialmente polo ben das miñas dúas fillas.
—Que foi o que a levou a tomar a decisión de facelo, finalmente?
Dinme conta de que podía ocultar esa parte ata que me sentise preparada para compartila. Esta é unha pequena biografía en todos os sentidos. A súa extensión é de tan só 71 páxinas, pero ademais hai episodios moi longos da miña vida que están completamente eliminados. Por exemplo, do meu matrimonio co pai das miñas fillas non hai nada. Fixen un repaso pola miña vida como artesá, sen adornar nada, dende que comecei sendo pequena, ata agora.
—Descarta publicar no futuro unha versión completa co lado máis persoal?
Non o descarto, en absoluto. Sobre todo gustaríame enviar a mensaxe de que por moitos tropezos que che poña a vida, sempre se sae adiante. Eu non o tiven doado, nin moito menos. Cando me separei, a miña vida cambiou drásticamente, e non tiña ninguén en quen apoiarme. Aínda así sempre mirei á fronte, e empuxei para conseguir o que me propoñía. Hoxe síntome moi agradecida, especialmente á miña familia –a miña parella Luis, as miñas fillas Carlota e Natalia, e o meu senro Juan– que se tornaron nesa rede de apoio que non sempre tiven e que tanta falta fai.
—Diría que foi terapéutico para vostede o escribir as súas memorias?
Dende logo que si. Un non sabe o moito que fai e o que vale ata que non o exterioriza. Escribir este libro serviume sobre todo para ver ata onde cheguei. Da nada, ata ter unha marca, dous talleres, dous grupos de alumnas que son unha extensión da miña familia, participar en desfiles, coleccións de vestidos... penso que ata que o vin no papel, non me dera conta do que fun gañando polo camiño.
—Como foi o proceso de escrita,tiña unha rutina ou cedía a momentos de inspiración?
Pódese dicir que tiña unha rutina ben marcada. Cada mañá chegaba á Estrada ás nove da mañá, sentábame no bar Central, da miña querida amiga Noe, cun café e unhas torradas, e poñíame a escribir. Era un momento para min, no que non pensaba en nada máis que na páxina que tiña diante.
—Como respondeu o seu entorno ao coñecer a noticia de que publicaba a sú biografía?
Todos me animaron moito. Na miña familia, por descontado, sempre están aí para impulsarme. Despois, as miñas alumnas métense conmigo e dinme que non as esqueza se me fago famosa. Pero todo son palabras de alento.
—Hoxe celebra a presentación e a firma de libros. Que nos pode contar do evento?
Así é. Será na Sala Abanca, e cos dez primeiros exemplares entregaranse uns marcapáxinas orixinais feitos por min –aínda que se vexo que hai xente que queda sen eles, farei máis para envialos posteriormente aos lectores–. A maiores terei unha exposición de varias pezas de encaixe que realicei recentemente, e que tamén estarán á venta.
—Para rematar, vostede tamén é coñecida por esmerarse co decorado de Nadal nos seus xardíns. Este ano repítese?
Por suposto, iso non pode faltar. De feito ando un pouco estresada entre a exposición, a presentación e dar os últimos retoques ao decorado. O encendido será o 6 de decembro, e este ano temos pezas novas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Beatriz Fernández (27 años): «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- Un ciclón llega a Vigo: vientos de más de 80 kilómetros por hora, lluvias fuertes y olas de hasta seis metros
- Retenciones en Vigo: varios autobuses de turistas portugueses complican el tránsito en Beiramar
- Estas son las tiendas y centros comerciales de Vigo que abren hoy, lunes 8 de diciembre
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Vigo sella el contrato que le permitirá ejecutar su plan masivo de «humanizaciones» en 300 calles de la ciudad
- Vecinos denuncian la conversión de una discoteca en after hours
- El Concello de Vigo desembolsa ya casi 1.000 euros por vecino para sostener los servicios públicos