O repentismo de Vila de Cruces dá o salto á gran pantalla
O cine Numax estrea o documental ‘Regueifando con pracer’, no que interveñen alumnas do Instituto Marco do Camballón

Gravacion do documental no instituto Marco do Camballón. / Cedida

Este sábado (18.45 horas) o cinema cooperativo Numax, en Santiago, acolle a estrea da peza documental Regueifando con pracer. Forma parte do proxecto Regueifando con pracer: tecendo redes feministas de improvisación e coidados. A iniciativa está promovida por Ao Paso e a Señora Placerful, e conta cunha axuda económica do Ministerio para la Igualdad. Ademais da peza audiovisual, a iniciativa inclúe obradoiros sobre repentismo e un evento con mulleres regueifeiras.
O documental explora o vínculo entre sexualidade e regueifa, a través das voces das mozas que forman parte do Club da Lingua do IES Marco do Camballón, así como das do colectivo Regueifa Tour, que integran adolescentes de Compostela e do Courel. Gravouse no instituto de Vila de Cruces pero tamén no transcurso do encontro Regueifa, sexualidade e comunidade, que tivo lugar no entorno do mosteiro de Carboeiro o pasado 30 de agosto, e en Compostela.
Cora Peña dirixe este documental no que as mozas protagonistas abordan, entre versos improvisados e reflexións compartidas, cuestións vinculadas á sexualidade. Un hábito, o de falar entre amigos, coa familia ou no centro educativo sobre o sexo, que debería terse abordado xa fai tempo para romper con tabúes e estar alertar ante malos tratos ou relacións tóxicas. Nos últimos tempos é certo que se deu un avance ao ‘sacar’ da privacidade outras cuestións como o corpo feminino e os seus cambios durante a menstruación ou a menopausia. A proxección do filme no cine Numax xa ten o aforo completo, pero haberá un segundo pase no instituto de Vila de Cruces o vindeiro 20 de decembro.
Non é a primera vez que as mozas regueifeiras de Cruces amosan o seu virtuosismo ante as cámaras. Semanas atrás, participaron en Portugal na gravación do espazo televisivo Domingo há desgarrada, da Rádio e Televisão de Portugal. As repentistas tiveron a oportunidade de coñecer a mitos lusos da improvisación, como Augusto Canário e Xico Malheiro.
As improvisadoras do Marco do Camballón son, dende hai anos, un referente no movemento de nova regueifa galega, e contribúen a recuperar un movemento que estaba a piques de desaparecer a finais do século pasado. Ademais de participar en programas, concursos ou neste documental, tamén imparten obradoiros para a súa aplicación na educación.
- Revés para un desarrollo urbanístico clave en Vigo, al exigir la Xunta un examen ambiental más riguroso
- Hacienda tumba en masa las reclamaciones de marineros por la exención de IRPF
- Davila 12/12/2025
- Un muerto y tres heridos en una colisión frontal en Redondela
- El Celta cae por aplastamiento
- «Fóiseme a olla, prendinlle lume á miña exmoza»
- El BNG urge la compra de Povisa: «Cuando la sanidad se convierte en un negocio, las empresas ven clientes, no pacientes»
- Ordenan investigar la fuga de gases cancerígenos en el IEO de Vigo