«Quería levar ao escenario un relato da separación diferente ao que coñecemos»
A compañía Verdeveras, que dirixe María Ángeles Iglesias, trae á Estrada este venres a obra ‘As formas do amor’, unha peza coproducida co Centro Dramático Galego e que promete afondar nas complexidades das relacións interpersonais, cada vez máis diversas nos tempos contemporáneos. Un relato sobre o afecto, a separación, e todo aquelo que pode interpoñerse na vida en común dunha parella.

Iglesias xunto a Sergio Zearreta, nunha das funcións da obra. | Rosa Taboada
As formas do amor. O título en si xa deixa entrever a temática da obra que a compañía Verdeverás presenta este venres no Teatro Principal da Estrada, ás 20.30 horas, con entrada de balde. Porén, este texto de María Ángeles Iglesias ten moitas máis capas das puideran desprenderse do seu nome, se ben algo podemos ler nas seguintes liñas.
Sen facernos ‘spoiler’, que nos pode adiantar desta obra?
É unha historia de amor sobre unha parella que se reencontra despois dun tempo separada. Aproveitando esta situación imos descubrir como foi que eles se atoparon por primeira vez, como foi crecendo ese amor, e cal foi o motivo de que finalmente colleran camiños diferentes. É unha excusa para falar do amor, revisar o concepto que temos del, ver se podemos atopar outros relatos que sexan máis reais, en consonancia cos tempos e co que desexamos.
Ademais de ser a protagonista feminina, vostede tamén é a escritora da obra. Cóntenos, que a levou a afondar nesta cuestión das relacións romáticas?
Efectivamente. Esta é unha peza de Verdeveras, unha compañía da que estou ao frente, polo que son escritora, coproductora xunto con Centro Dramático Galego. Eu adoito escribir obras diversas, e con esta xa levaba un tempo traballando. Escollín esta temática porque quería amosar no teatro un relato distinto ao que estamos acostumados sobre as separacións. Teño ao meu arredor xente que pasa por ese proceso de xeito diferente ao que se adoita ver, e quería darlle representación a esas testemuñas. Despois, a escrita ten moita maxia, e fun tirando doutros fíos.
Soubo escoller grandes profesionales para acompañala neste proxecto. Que nos pode dicir do resto do equipo?
Así é. Temos a Gena Baamonde na direción, unha profesional coa que temos moita sorte de contar aquí en Galicia. Ten moita rodaxe en temas de igualdade e xénero. O protagonista masculino é Sergio Zearreta, un gran actor con moitas táboas, e contamos coa música en directo de Tato López, que permite esas pausas que a historia precisa.
Como é interpretar o seu propio texto. Diría que esa doble identidade o fai máis sinxelo ou supón un reto?
É sempre un reto. Eu son dúas persoas distintas, a que escribe e a que interpreta. Ademais, quixen que Gena tivese total liberdade na direción, polo que a obra ten a súa impronta. As palabras sempre mudan cando pasan polo corpo, cobran outro sentido. Eu aprendín moito durante os ensaios e as sesión de improvisación, grazas a poñer en común o texto co resto do equipo.
Para rematar, como está acollendo o público a peza?
Levamos un ano de xira e estamos moi contentos. Dinnos que é unha obra que te deixa reflexionando, e que che fai pasar por moitos momentos, e para min iso é o máis satisfactorio.
«Eu son moi feliz facendo teatro»
Fáleme do sector do teatro. É doado facerse un oco?
Facer teatro é moi caro. Hai moitos profesionais que deben facer o seu traballo e cobrar debidamente por el. Eu tiven a sorte de contar co apoio do Centro Dramático Galego, algo que tamén supón un grande responsabilidade, pois é un selo de calidade e hai que estar á altura. Pero cando comecei tiven que deixar moitos CVs en compañías, sen recibir ningún traballo durante anos. Por fortuna, fun escribindo as miñas propias cousas, representando en pequenos bares, ata chegar aquí.
Diría que aínda é un sector precarizado?
Agora contamos cun convenio que regula a nosa actividade, pero é certo que sen axudas públicas é moi difícil saír adiante. Con todo, aos que nos gusta a sensación de estar no escenario, de recibir o agarimo do público e conseguir emocionalo, sempre vale a pena. Eu son moi feliz facendo teatro, todo o traballo é un premio, pero hai que creer moito no que se está a facer.
- Un grupo de turistas se monta un picnic bajo las luces de la Navidad de Vigo
- Encuentran el cadáver de la mujer desaparecida en Lalín
- Más de cien vigueses alquilan su coche particular para conseguir un ingreso extra
- Las excavaciones arqueológicas descubren la puerta de acceso a la torre medieval de Meira
- Desaparecida en Lalín una mujer de 58 años que padece alzhéimer
- Gadis abrirá un supermercado de casi 2.000 m2 en Policarpo Sanz
- La Firma Salvia: el innovador método patentado por el Cunqueiro para detectar el deterioro cognitivo años antes que los síntomas
- Sancionan a 21 empresas de Alsa y Monbus por falsear la competencia