Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cruceiros, camiños e pontes de Lalín

Viarum Dezae reedita as súas xornadas sobre arte sacro, con exposición no Café de Mili

Participantes nas xornadas no Café de 
Mili, que acolle a mostra de arte sacro.

Participantes nas xornadas no Café de Mili, que acolle a mostra de arte sacro.

josé luis rodríguez jácome

Lalín

O Café de Mili acolleu este venres a presentación das segundas xornadas culturais Lalín arte Sacro, organizadas pola Asociación Cultural Viarum Dezae. Se en 2024 se tratou «do castro á parroquia», agora o protagonismo vai para os camiños, cruceiros e pontes de Lalín. Inclúe exposición, visitas guiadas e un encontro co antropólogo Xoán Carlos García Porral.

A mostra comeza cun mapa dos camiños históricos de Lalín que pretende ser unha aproximación á situación previa á construción das estradas actuais a principios do século XX. As fontes son, principalmente, os mapas históricos de Galicia de Josef Cornide, Tomás López e Domingo Fontán. No mapa aparecen representados os dous Camiños de Santiago, varios de arrieiros, algún «real» e sendeiros interparroquiais. Aínda se conservan moitos tramos polos que pasan varios Roteiros de Lalín e que son un patrimonio etnográfico pendente de inventariar, como indica o Plan Xeral de Ordenación Municipa. Os camiños tradicionais veñen sendo un escaparate panorámico para contemplar o noso patrimonio natural e cultural que nos permite comprender o que somos como pobo.

Ao emprender unha viaxe, os camiñantes expoñíanse a perigos diversos. Por iso, era costume encomendarse á divina providencia para chegar con ben ao final e que tivese éxito o propósito da ruta. O culto aos deuses dos camiños pode remontarse a tempos megalíticos ou á época dos petróglifos.

Coa chegada da romanización veu a veneración aos deuses dos camiños, os lares viais, que substituirían cultos anteriores. Na comarca temos testemuña delo, pois en Graba (Silleda) apareceu un ara romana coa inscrición «ara adicada aos lares viais. Publio Octatio cumpriu o seu voto co ánimo compracido». As aras situábanse nas encrucilladas de camiños ou próximas ás pontes, e parece que con elas queríase invocar a protección dos deuses ou agasallalos por algún servizo prestado por librar dos perigos aos viaxeiros ou levalos polo bo camiño.

Posteriormente produciuse a cristianización dos camiños. As cruces foron superpoñéndose aos símbolos anteriores. Castelao, en As cruces de pedra na Galiza, analiza con mestría todos os aspectos destas obras artísticas. Di que «o espandimento dos cruceiros, a partir do século XVII, tivo por principal motor a devoción que o noso povo sentía polos mortos queridos, refulxindo agora en novas espranzas coa remisión das penas do purgatorio, que a Eirexa oferecía pola virtude das indulxencias e a práitica dos sufraxios». «As cruces outas de Galiza nasceron nas encrucilladas e propagáronse polos camiños, para cristianizaren os lugares medoñentos, onde a morte e o diaño axexan —afirma Castelao—. Onde hai un cruceiro cáseque sempre houbo un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo descer un perdón do ceo, polo arrepentimento de quén o pagou e polo sentimento de quén o fixo».

En Lalín temos arredor de oitenta cruceiros localizados tanto en espazos públicos coma privados. Moitos teñen unha alta calidade artística. Partimos dos traballos de Cecilia Doporto Regueira, que nos deixou consultar as fichas que elaborou de cada un. Na exposición puxemos só unha pequena mostra formada por seis cruceiros que consideramos representativos do conxunto, se ben hai outros moitos que intentaremos incluir en traballos posteriores.

Esperamos que estas xornadas culturais de divulgación sirvan para dar a coñecer e dinamizar o noso patrimonio artístico e contribuir a darlle a relevancia que merece.

Tracking Pixel Contents