Camiñando polo Sobreiral do Arnego
Sendeiros e camiños máis ou menos sinalizados e practicables agardan aos bos e xenerosos amantes e respectuosos do medio e dunha das paraxes máis sobranceiras da comarca

Vista do Sobreiral do Arnego, atravesado polo río que lle dá nome / Ángel Utrera
Ángel Utrera baza
Disposto ao longo do treito inferior do río Arnego ata a súa desembocadura no encoro de Portodemouros, entre os concellos de Vila de Cruces, Agolada e Lalín, atópase o que é o sobreiral máis grande do norte da Península Ibérica, cunha extensión de 1.537 hectáreas. Declarado LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) dende o ano 2004, forma parte da Rede Natura 2000 cunha masa forestal representativa da denominada como fraga atlántica e mesmo mediterránea. No seu interior atopamos en abundancia os carballos e as sobreiras, a carón do río abundan os ameneiros e abeleiras, todas especies protexidas e en claro retroceso e perigo de extinción ante o avance voraz das explotacións de carácter agroforestal, dos eucaliptos e piñeiros.
A orixe do sobreiral habería que buscala ao longo do curso natural do Arnego e o val que conforma dende a Ponte Vilariño, a carón das ruínas do seu carismático balneario, cara Carmoega e a desembocadura do río no encoro que inundan as augas do río Ulla, Portodemouros, xa que aquí dase un microclima específico con temperaturas mornas ao longo de todo o ano, que resulta ser un hábitat ideal para as sobreiras.
O progresivo deterioro do noso medio, o abandono do rural e as formas tradicionais de traballo, non so poñen en perigo a conservación deste entorno único, senón a vida de especies animais que ao día de hoxe están en retroceso e perigo de extinción, como son o mexillón de río, a babosa terrestre, o capricornio das sobreiras, a ra ibérica, aguiachos ou o morcego, sobre o que, precisamente, hai uns anos a asociación ecoloxista Adega realizara unhas xornadas de concienciación da súa necesidade e importancia para o ecosistema do sobreiral, coa colocación de niños de madeira.

Apertura de pistas no interior do Sobreiral. | Ángel Utrera
Afortunadamente cada vez máis, amantes do natural, camiñantes e sendeiristas buscan a paz, o silencio e a irmandade ao longo dos varios sendeiros que atravesan o sobreiral do norte ao sur. A importancia deste enclave natural foi tomando forma, conforme concellos como o de Lalín e Agolada trazaban e sinalizaban diferentes rutas polo seu interior, algunhas pouco respectuosas co medio, lamentablemente.
Por citar algunha no presente artigo, empezamos pola que ten como punto de inicio a igrexa de Vilariño (Agolada), aproximadamente a 2 km da desviación da estrada Agolada-Lalín, é punto de partida da procesión relixiosa coñecida como O Clamor, rogativa coa que os devotos piden á Virxe a chuvia nos veráns de seca. Descendendo pola beira do río Arnego toparémonos con varios muíños e comprobaremos como van aparecendo cada vez máis sobreiras até chegar á Zarra da Pena, onde se levan a cabo actuacións de «custodia do territorio» por parte de Adega. Nos últimos tempos foi reutilizada para o programa Goza do Ulla.
Logo de baixar á area recreativa da Ponte Carmoega, á beira mesmo do Arnego, a ruta continua polas inmediacións do castro homónimo, coñecido tamén como A Croa. Tras pasar preto do pazo de Barral, rematará na antiga taberna de Carmoega, hoxe pechada, no campo da feira nova de Brántega, populosa parroquia de Agolada.
Outro dos roteiros emblemáticos polo sobreiral é o que, saíndo dende a mencionada área de Carmoega, atravesa a nova ponte que substitúe a vella de Primo Castro, da que tan so queda un piar no medio do río, para continuar subindo pola marxe dereita do Arnego, onde imos atopar as ruínas de varios vellos muíños, entre ameneiros e salgueiros, antes de empezar a ver as primeiras sobreiras, carballos e algún que outro castiñeiro. Tras atravesar o arroio de Rego da Ponte do Frade, comezamos a gañar máis rapidamente altura deixando á nosa esquerda a aldea de Garlín e, un pouco máis adiante, a de Santán, collendo unha pista de terra que nos achega ata o cumio da Pena Maior, as antenas de telefonía e o vértice xeodésico. A vista dende aquí resulta realmente formidable, coa serra do Faro e o monte Farelo fronte a nós, e Bermés e Val do Carrio ás costas, así como a silueta da Pena Gundín, vixía impertérrito. Logo dun alto para tomar folgos, collemos cara abaixo ata alcanzar a feira nova de Brántega e dende alí retornar ao punto de partida, pasando pola devesa de Carmoega, o castro, a igrexa e o pazo.
Un dos roteiros, que eu no seu dia cualifiquei como «fantasma», porque nunca foi rematado, é o que o Concello de Agolada vendera a bombo e platillo hai anos e que en teoría ía transitar dende a área recreativa de Ponte Vilariño ata a de Carmoega, aproveitando sendeiros de pescadores antigos e novas pistas, que se ían trazar e sinalizar. Daquel proxecto non queda practicamente nada, xa que os postes e sinais desapareceron, as marcas borráronse, e o sendeiro de pescadores resulta impracticable e perigoso para os poucos aventureiros atrevidos que, cada vez menos, intentan facer a ruta. Sinais colocadas grazas a unha axuda de 19.900 euros que a Consellería de Medio Ambiente concedera no ano 2021 e que se antollaban máis que necesarias para as persoas que visitan este enclave.
Nun artigo de FARO DE VIGO, do 2 de xuño de 2016, deixábase claro que o roteiro tiña que estar rematado en agosto: «El Concello de Agolada lleva años inmerso en el acondicionamiento de una ruta de senderismo en la que disfrutar del Sobreiral do Arnego. Un sendero de cerca de 14 kilómetros que une Ponte Carmoega y Vilariño, en un recorrido ‘lo más próximo posible al río Arnego’, detalla el regidor, Ramiro Varela. (...) El Concello ha contado con fondos europeos, propios y de otras administraciones. Unas actuaciones que han sido también criticadas por la modificación de un espacio protegido como es el sobreiral. Ahora el ejecutivo local asume los trámites para finalizar este sendero. Destinará 58.000 euros comprometidos ya por el anterior gobierno de la Diputación.
Varela proyecta que la ruta esté finalizada y señalizada en agosto. También concreta que procederán a delimitar la entrada para evitar el tránsito de vehículos reduciéndolo solo a bicicletas y caminantes. ‘Colocaremos una cancilla que pueda abrirse para permitir el paso en caso de incendio’, puntualiza Varela. Además, la ruta atesora varios molinos. Aunque se trata de inmuebles de titularidad privada, el Concello valora posibles cesiones futuras con el fin de garantizar su conservación».

Sobreiras con parte da cortiza retirada. | Ángel Utrera
En decembro de 2014 noutro artigo do mesmo xornal recollíase: «Agolada aprobó la tramitación del expediente para la contratación de las obras de acondicionamiento de viales y caminos en el entorno del Sobreiral do Arnego. El plan, que cuenta con una partida de la Xunta (...) de cerca de 20.000 euros, se centra en la limpieza y adecuación de los viales y sendas».
Ao respecto deste roteiro fantasma, temos que citar a denuncia da asociación ecoloxista Naturviva, de Brántega, en xaneiro de 2007, na que deixa claro a desfeita dos traballos realizados pola empresa Tragsa como consecuencia da limpeza e acondicionamento do trazado: «Los ecologistas, a través de su presidente, Juan José López Pallares, expresaron su desacuerdo con la forma en la que la empresa, contratada por Medio Rural, operó en la zona del Sobreiral del Arnego, en Brántega. ‘Parécenos incrible o que fixeron. Entraron con maquinaria nunha zona que forma parte da Rede Natura 2000, e deixárono peor do que estaba».
Como remate, deixamos aquí constancia do roteiro que no 2016 trazaron dende Lalín, tampouco doado de realizar por falla de limpeza e mantemento. Con inicio na parroquia de Cercio (Lalín), é unha ruta circular duns 15 quilómetros que pasa pola parroquia de Cello, a igrexa de Montrigo, a fábrica de papel de Rodís, a súa igrexa románica e, logo de descender cara o Arnego, se achega ao interior do sobreiral, polo monte das Teixugueiras rematando na área de Carmoega. Unha variante de cinco quilómetros máis leva ata o mirador das Peniceiras e á capela prerrománica de Santa Baia de Palio.
Sen dúbida algunha, este é un dos roteiros de maior interese cultural que podemos realizar, ao engadir á beleza natural propia do sobreiral, o patrimonio e valor etnográfico das diferentes aldeas e parroquias que visitamos. Sexa como sexa, os diversos sendeiros, camiños e roteiros máis ou menos sinalizados e practicables chaman por nós e agardan aos camiñantes bos e xenerosos amantes e respectuosos do medio e dun dos paraxes máis sobranceiros da nosa comarca, o Sobreiral do Arnego.
Suscríbete para seguir leyendo
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El emblemático Hotel Bahía de Vigo renueva su imagen: adiós a los azulejos azules y más de 5,4 millones de inversión
- Retenciones en Vigo: varios autobuses de turistas portugueses complican el tránsito en Beiramar
- El ourensano Diego Fuentes, futuro 'copadre': «Pensé que no tenía por qué ser peor que otro sistema porque al final se trata de conocer a alguien con quien establezcas una afinidad»
- ¿Por qué conviven vecinos y huéspedes en el Hotel Bahía de Vigo?
- Villa Elisa ya es propiedad municipal
- Punto y final a la burla de Cerdedo