Entrevista | Xosé Antonio Touriñán Actor e humorista
«Despois destes anos aínda hai nervios, e penso que sempre hai que telos»
O que máis ou o que menos, na Estrada todo o mundo coñece o nome de Touriñán –ou Touri, para os que se senten con máis confianza–. Porén, malia a súa estreita relación coa vila e con algúns dos artistas que a habitan, o carralés coñecido pola súa participación en series como «Fariña» ou «Cuñados», aínda non presentara nunca o seu espectáculo «Aquí Tou» na localidade. Algo que cambiará este venres.

Xosé Antonio Touriñán no pregón da Festa do Salmón. / Bernabé / Javier Lalín
Este venres preséntase no Teatro Principal da Estrada o espectáculo ‘Aquí Tou’ do actor e humorista carralés Xosé Antonio Touriñán (45). O show, con entradas á venda por 12 euros no Concello e 18 en ataquilla.com comezará ás 20.30 horas, cunha extensión duns 70 minutos. Nas seguintes liñas, falamos co artista sobre este traballo, que chega por fin á localidade estradense despois de catro anos de xira por toda Galicia.
—Sen facer moito ‘spoiler’, pode adiantarnos algunhas pinceladas do espectáculo deste venres?
Pois é un final e un principio. Un espectáculo de comedia de Touriñán no que o que fago e ir contando a miña vida, presentando á miña xente e á miña familia, e explicando as miñas orixes: como nacín, como cheguei ata aquí e o porque. Trátase dun monólogo en clave humorística, e partindo desa premisa, botaremos unha hora e media de –esperemos– moitas risas.
—O título chama bastante a atención. Por que ‘Aquí Tou’? É unha declaración de intencións?
Pódese dicir que é unha declaración de intencións, si. Aínda que as intencións poden ser de moitos tipos e tirar por moitos camiños (risas). Digamos que é un xogo de palaras co meu apelido –Tou, de Touriñán–, e unha pequena broma de que ‘tou’, porque teño que estar, xa que se fose o público e non fose eu estaría complicado levar adiante o monólogo (risas). De feito, comezo o espectáculo afondando un pouco na cuestión do título.
—Comenta que o ‘show’ fala sobre a súa traxectoria vital. Hai algo que o inspirara para levalo a cabo?
Ningunha en particular. Comecei a traballar nel fará uns catro anos, falando dese lado máis persoal meu, pero non todo é biográfico, hai partes que son reais e partes que intercalo coa ficción.
—Di que leva uns catro anos achegando ‘Aquí Tou’ aos escenarios. Porén, esta é a primeira vez que o trae á Estrada. Que significa para vostede actuar ante o público deste concello?
Así é, non tiven oportunidade de levalo alá ata agora. Para min é toda unha alegría, xa que teño unha relación estreita coa Estrada e gárdolle un cariño especial. Hai moita xente á que lle teño grande aprecio que vive alí, como son Isi, David Amor, ou Marga Pazos, que é de preto. Ademais, sendo unha das principais vilas do centro de Galicia, como artista que está levando a cabo unha xira, sempre é importante presentar en lugares do nivel deste Concello.
—Vostede ademais foi o pregoeiro da Festa do Salmón do ano pasado. Tivo iso algo que ver coa contratación da data?
Dende logo. Foi xusto no Salmón cando comezamos a falar de que era unha mágoa que aínda non tivera ocasión de actuar no Teatro Principal, e a raíz diso comprometémonos a buscar unha data. Para min é unha das grandes capitais de Galicia, era unha das cousas que tiña pendentes, así que por fin estaremos alí.
—Nesta liña, vostede prepárase de xeito diferente dependendo do público ante o que vaia actuar? Por exemplo, é distinto ver ‘Aquí Tou’ na Estrada, fronte a outra localidade calquera?
Sempre é diferente. Eu non son deses artistas que recita o texto palabra por palabra en cada actuación. Ao revés, cada día ten cousas distintas. E incluso xente que o viu varias veces mo di. Ao final, si contas o mesmo, pero falo de xeito diverso, dependendo da espontaneidade do momento, e niso tamén consiste o espectáculo, que é un monólogo vivo. E, por suposto, tamén influe moito o lugar a onde vou, tanto á hora de falar como dende onde falo.
—Touriñán xa é un nome consagrado da escea galega. Nestes anos, nota vostede algún cambio á hora de construír e representar os seus traballos?
Nótanse os kilómetros e a veteranía. Sobre todo con espectáculos como este, que xa levo moito tempo facendo. Ves que xa hai unha tranquilidade, que está todo máis armado, e desfrutas moito máis. Ben é certo que algo de nervios sempre hai, e penso que ten que habelos, pero ao principio hai cousas que son difíciles de xestionar e que cos anos vas aprendendo a manexar. Tamén direi que cambiou todo moito, e que unha profesión como esta vaise construindo a base de moitas experiencias e de moitas táboas.
—Prefire o auditorio ou a cámara?
É unha pregunta moi recurrente, e sempre digo que non se debe escoller, pero para min o directo é outra cousa. Nun escenario non podes parar e repetir, ten que ir todo no momento, e a resposta do público é inmediata.
—Para rematar, en que outros proxectos anda agora Touriñán?
Pois estamos rematando agora o espectáculo ‘Amoriños’ con David Perdomo, que estrearemos en Noia e que agardo que algún día poidamos levar á Estrada. A nivel visual estréase o 1 de xaneiro a película de ‘Rondallas’, e tamén está pendente de saír ‘Clanes’ de Netflix.
Suscríbete para seguir leyendo
- Davila 12/12/2025
- Revés para un desarrollo urbanístico clave en Vigo, al exigir la Xunta un examen ambiental más riguroso
- El BNG urge la compra de Povisa: «Cuando la sanidad se convierte en un negocio, las empresas ven clientes, no pacientes»
- El hombre que intentó quemar viva a su expareja en Vigo: «Fóiseme a olla, prendinlle lume á miña exmoza»
- Davila 13/12/2025
- Salvador Beloso rescata la historia del tranvía de Vigo: «Nos lo arrebataron de manera injusta»
- Portugal se engalana de Natal: diez ciudades de cuento por Navidad
- Hacienda tumba en masa las reclamaciones de marineros por la exención de IRPF