Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

IN MEMORIAM

Grazas, Mariló. Por tanto, por todo

Paula Fernández Pena*

Silleda

Hai persoas que deixan pegada polo que fan, e outras que a deixan polo que son. Mariló Bueno fixo ambas: traballo e compromiso, carácter e humanidade. Quen a coñeceu sabe que a súa presenza transmitía forza, ilusión e unha fonda vontade de mellorar a vida da xente, sempre desde o respecto, o compromiso e a cercanía.

Como alcaldesa, sinto un profundo respecto polo que Mariló fixo polo noso pobo desde o tecido asociativo. En Xuntanza e na Asociación contra o Cancro estivo onde facía falta: organizando, acompañando e animando a participar. Soubo activar solidariedade e coidado, facer pobo e converter a implicación social nun hábito cotián en Silleda. Sempre cunha mirada violeta. Coas mulleres, coas súas mulleres, como ela dicía.

Pero, ademais, Mariló –a quen o luns despedimos en Siador– deixou outro legado, que seguramente non foi o máis reconfortante para ela, pero que cambiou o modo de pensar neste concello. Foi a primeira concelleira socialista de Silleda, unha pioneira que abriu camiño nun tempo no que soaba extrano imaxinar unha muller á fronte dunha candidatura e, moito menos, á fronte dun Concello.

Grazas a ela, as que viñemos despois camiñamos máis empoderadas, xa que, como candidata e concelleira, derrubou prexuízos con constancia e discreción, rompendo teitos de cristal que nos permitiron estar máis presentes na política local. Así que, non só como alcaldesa, senón tamén como secretaria xeral e como muller, agradezo o seu coraxe e o seu exemplo, que nos alenta a seguir abrindo espazos de igualdade.

Seguiremos o teu camiño, Mariló, co mesmo respecto, co mesmo compromiso e coa mesma cercanía. Sempre na lembranza de Silleda.

*Alcaldesa e secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Silleda

Tracking Pixel Contents