Lume na Lareira mantén prendida a chama do folk
O festival estradense, organizado polo músicoJuan Ruibal, celebra este domingo a súa edición 18 a partir das 18.00 horas no Teatro Principal, consolidándose como un referente do folclore en todo o país.

Juan Ruibal, nunha das súas actuacións. / Carlos Javier Serrano
O Teatro Principal da Estrada volverá converterse este 16 de novembro nunha auténtica festa da música folk coa celebración do XVIII Lume na Lareira. Este evento cultural é un dos máis consolidados do municipio, onde ao longo de dezaoito edicións, o festival ideado e dirixido polo músico estradense Juan Ruibal, encheu ano tras ano o auditorio local. Coa colaboración de diferentes artistas galegos xunto con grandes figuras doutros puntos de España , Portugal e outros países, este domingo a partires das 18.00 horas, o espectáculo estará asegurado.
Juan Ruibal, acordeonista e mestre de música tradicional, leva meses ultimando os detalles desta nova edición, que define como «a máis diversa e completa de todas. De principio a fin, non hai nada igual», asegura. «Empezamos cun grupo de baile tradicional puro e duro, As Campiñas, seguimos con Amoriños, un trío de guitarra, violín e voz que fan música para maiores espectacular, e despois chega Xirándola, que mestura canto popular e música tradicional», comenta Ruibal. Xunto a estes grupos, tamén estará o contacontos Julio González, e o grupo compostelán Black Mammy, que introducirá «un toque pop-rock para cambiar un pouco o aire do festival», explica o organizador.
Esa mestura de estilos e sensibilidades é, precisamente, unha das claves do éxito de Lume na Lareira. O propio músico subliña que a intención é ofrecer «un cambio de ritmo constante, con humor, baile, emoción e tamén sorpresa». Este ano, os asistentes poderán gozar, ademais, da presenza dun destacado elenco de acordeonistas procedentes do sur e do centro de España: «A familia andaluza Los Coloretes, chegados desde Granada, son tres xeracións de músicos xitanos, todos acordeonistas, e unha neta que toca o violín. Van deixar ao público coa boca aberta», asegura Ruibal. Tamén estarán Alonso, de Almería; José Vidal, de Toledo; e Kristo , de Madrid, tres acordeonistas de estilos moi distintos. «Teñen outra forma de tocar, outra expresión, e iso é precisamente o que queremos mostrar: distintas maneiras de entender o folk», sinala.

O Festival Lume na Lareira acolle agrupacións de diferentes puntos de España e Portugal. / Cedida
Para rematar e como xa ven sendo tradición, o festival pecharase coa actuación do propio grupo Lume na Lareira, liderado por Ruibal. «Sempre prometo que haberá unha peza nova e cúmproo. Este ano tamén teremos unha estrea especial, con sorpresa incluída», adianta. O grupo está formado por dez músicos, aínda que nesta edición serán oito sobre o escenario.
A cita mantén unha filosofía clara, que é que cada edición debe ser diferente. «Sempre intentamos innovar. Hai artistas que repiten porque lles gusta a experiencia e veñen de xeito desinteresado, pero cada ano buscamos xente nova e propostas distintas, aínda que é complicado», di o músico estradense.
Coa mente tamén posta no futuro, Ruibal pensa na vixésima edición do Lume na Lareira, prevista para 2027. «Xa lle estou dando voltas. Gustaríame traer un acordeonista italiano que foi cinco veces campión do mundo. É un soño persoal, pero prefiro non dicir o nome, por se logo non se pode facer realidade», confesa.
Este 2025, o músico quere tamén sorprender co seu propio instrumento: «Vou estrear un acordeón de madeira de caoba, feito a man, espectacular, que custou moitos cartos, pero merecerá a pena estrealo na Estrada», comenta.
Medio aforo completo
Este ano tamén haberá sorpresa para o público asistente co sorteo dunha cea para dúas persoas no Eureka, un dos establecementos colaboradores do evento. As entradas, cun prezo simbólico de 5 euros, poden mercarse no propio Mesón da Estrada, na Cafetería Eureka ou no Departamento de Cultura do Concello. O interese do público non decae, pois as entradas xa están a piques de esgotarse. «Agora mesmo quedan menos da metade, e calculamos que esta semana xa se poidan acabar. Iso demostra a fidelidade da xente coa nosa música», comenta agradecido.
O artista conclúe cunha mensaxe directa: «Que non o perdan, porque vale moitísimo a pena. Cada ano penso que facemos o mellor festival, e este ano estou seguro de que é o mellor de todos. Que se apuren, porque xa apenas quedan entradas», conclúe.
Suscríbete para seguir leyendo
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- La Clínica Pintado se despide tras 70 años dando a luz a miles de vigueses
- Una cuidadora que volvía de trabajar y un obrero jubilado: un mortal accidente de tráfico que consterna a todo un pueblo
- Calamar, pota, potón: ¿Quién pesca el qué, dónde y en qué condiciones?
- «A los niños ya no se le caen los dientes»
- Una odontóloga venezolana y su marido ingeniero hacen cola en el comedor social de Vigo al no poder convalidar sus títulos
- La rotura de un colector obliga a cerrar de forma urgente una calle del centro de Vigo durante 15 días