Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un domingo para desfrutar do outono nas comarcas

Lalín celebra un roteiro e 250 persoas asisten á Festa do Cogumelo

Solla ofrece unha ruta mitolóxica en Soutelo.

Solla ofrece unha ruta mitolóxica en Soutelo.

Forcarei/ Lalín

Hai quenes opinan que o outono, ao igual que o inverno, é unha época de recollemento, para escaparlle ao frío e as chuvias. En cambio, nas comarcas hai plans de abondo para demostrar que esta creenza non pode estar máis enganada, e que estes últimos meses do ano, cando os montes se tinguen de laranxa, sobran actividades para facer.

Participantes no roteiro de Lalín.

Participantes no roteiro de Lalín.

En Lalín, un amplo grupo de persoas participaron no Roteiro das Fragas de Catasós, unha andaina que partiu da Praza da Igrexa entre as 9.00 e as 9.30 horas e que percorreu os camiños da contorna ata Lagazós. Sobre as 13.00 horas, os participantes fixeron unha parada diante da fábrica de cervexa artesá Toupiña, onde puideron degustar produtos locais e compartir unhas horas de convivencia.

Mentres tanto, en Soutelo de Montes, dentro da Festa dos Cogomelos, a comunidade reuniuse para realizar unha ruta mitolóxica pola Serra da Muller e a Pena da Cruz da man de Calros Solla. A saída da andaina tivo lugar ás 9.00 horas, e ao longo da mañá celebráronse diversas actividades, como o mercado de artesanía, alimentación, produtos ecolóxicos e textil, así como o concurso de cestas de cogomelos e produtos da terra. A sesión vermú, animada por Dj Nuja, precedeu ao xantar popular, ao que se sumaron máis de 250 comensais. Pola tarde, entregáronse os premios dos concursos, incluído o Cogomelo de Ouro 2025, e finalizou a xornada coa actuación musical.

Un dos momentos máis emotivos do evento foi o recoñecemento á participación veciñal. As Anpas de Soutelo e Cerdedo conseguiron o primeiro premio na categoría de grupos cunha cesta que representaba un micromundo de seres minúsculos e, nunha macrolepiota, a mensaxe: «Profes para todos!», que simboliza o traballo das familias do rural para garantir unha educación pública de calidade.

Tracking Pixel Contents