Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG leva ao Parlamento galego o estado do Hórreo do Cura de Ribela

As deputadas Ariadna Fernández e Mercedes Queizas preguntan ao goberno da Xunta cales son os plans para protexer este BIC, un dos máis longos do mundo e en risco de derrube

Membros do BNG xunto a veciños da parroquia de Ribela ante o hórreo.

Membros do BNG xunto a veciños da parroquia de Ribela ante o hórreo.

A Estrada

O BNG levará ao Parlamento de Galicia a situación de ruína do Hórreo do Cura de Ribela. Concretamente, as deputadas Ariadna Fernández González e Mercedes Queixas Zas presentarán para resposta oral na Comisión 4ª varias preguntas, como se a Consellería de Cultura prevé actuar sobre esta construción, como solicitaba a propia veciñanza á Dirección Xeral de Patrimonio para non perder o que queda dela; que accións se levaron a cabo tras recibir o organismo dito escrito respecto do risco de derrube da edificación e, por último, se a Xunta valora manter contactos coa Igrexa —actual titular da propiedade— para aportar as solucións necesarias para a restauración do hórreo co obxecto de que non se perda.

O Hórreo de Ribela está catalogado como un dos máis longos do mundo, cuns 23 metros de extensión. Ademais, ao igual que o resto de construcións destas características vencelladas á vida agraria e rural da Galicia doutrora, tamén está declarado Ben de Interese Cultural, o máximo nivel de protección patrimonial a nivel autonómico. En cambio, o seu estado de precariedade non fai máis que empeorar, asumindo agora un elevado risco practicamente inevitable de derrube. De feito, este mesmo mes de agosto o canastro integrou a lista vermella de Hispania Nostra, onde figuran aqueles bens do patrimonio material español en peor estado de conservación.

Malia que os veciños e veciñas da parroquia estradense de Ribela tentaron, a través de diversos medios, conseguir os recursos e actuacións precisas para conservar un dos elementos máis destacados do seu entorno, tanto a entidade propietaria —a Igrexa— como as diversas administracións non tomaron ningún tipo de acción. Por isto, o BNG considera ao goberno da Xunta e á Consellería de Cultura «cómplices» da posible perda do Hórreo do Cura, e instará ao organismo autonómico durante a próxima sesión parlamentaria a ofrecer respostas acerca da súa postura.

As deputadas nacionalistas presentaron as preguntas pertinentes no rexistro do Parlamento de Galicia o pasado mes de setembro, un mes despois de que se coñecese a presenza deste inmoble na lista vermella de Hispania Nostra. Agora elevarase, unha vez máis, a cuestión do seu estado de ruína, á espera de medidas.

Preocupa o impacto de drenaxes nas brañas

Porén, esta non é a única loita en defensa do patrimonio estradense que ten aberta o BNG. De feito, a nivel local, o partido increpou ao goberno encabezado por Gonzalo Louzao debido ás actuacións recentes en brañas e ecosistemas húmidos do municipio. Concretamente, os nacionalistas consideran que «a defensa medioambiental debe ser a prioridade en calquera actuación pública» e advirten dos riscos que as obras de drenaxe e movemento de terras poden supoñer para estas zonas.Por iso, malia que consideran necesarias medidas para reducir o risco de incendios forestais, piden que se actúe noutras liñas, como, por exemplo: realizar un maior control das plantacións ilegais; mellorar as estradas e os accesos; medir os efectos das obras de drenaxe, evitando posibles danos a brañas e reservorios naturais de auga e cortalumes; ou realizar unha planificación integral en prevención de lumes. Nesta liña, o Bloque estradense pregunta ao goberno local se prevé paralizar as obras que poidan danar o patrimonio natural.

Tracking Pixel Contents