Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Xoán Antonio Cerviño Calvo Pintor e escultor

«A paisaxe sempre late en cada unha das miñas obras»

O artista estradense Xoán Cerviño volve ao Palacete das Mendoza, sala onde expuxo por primeira vez hai tres décadas, para inaugurar «12 pinturas e 12 poemas visuais», unha reflexión sobre a resiliencia da natureza. Agora comenta a influencia da paisaxe da Estrada na súa obra e fala de esta mirada ecoloxista.

Xoán Cerviño, ante as súas obras onte no Palacete das Mendoza. |  Gustavo Santos

Xoán Cerviño, ante as súas obras onte no Palacete das Mendoza. | Gustavo Santos

A Estrada

O Palacete das Mendoza de Pontevedra acolle estes días «12 pinturas e 12 poemas visuais», a nova proposta expositiva do artista de Couso, Xoán Cerviño. A mostra, que se poderá visitar ata o 16 de novembro, combina a pintura abstracta da paisaxe coa intervención mínima de obxectos atopados. O estradense, cunha longa traxectoria artística premiada en numerosas ocasións, volve trinta anos despois á sala que acolleu unha das súas primeiras exposicións.

-Como comezou a idea desta nova exposición?

-Naceu a partir das miñas viaxes pola natureza. Divídese en dúas partes: unha serie de pinturas baseadas na experiencia da paisaxe e uns pequenos traballos que chamo poemas visuais, feitos con obxectos atopados e apenas manipulados. Son restos de troncos, fragmentos de madeira que quedaron tirados nos montes e que, cunha mínima intervención, se converten noutra cousa: pequenas pezas poéticas que lembran canles, paisaxes ou formas orgánicas.

-En que consisten estes chamados «poemas visuais»?

-En «Os camiños da carcoma» utilizo troncos que presentan as marcas deixadas pola carcoma. Píntoas, resaltando ese trazo natural, como se fose un percorrido vital. É unha maneira de poñer en valor o traballo silencioso da natureza. En «Resiliencia da natureza», por exemplo, mostro un tronco de carballo que medrou a través dunha valla metálica, incorporándoa ao seu interior. Con iso ilústrase como a natureza se sobrepón ás invasións humanas.

-Transmite con isto unha clara intención ecolóxica ao longo das súas obras, claro.

-Si, hai un sentimento ecoloxista, sen dúbida. Estas pezas transmiten esa idea de respecto e de admiración por todo o natural. Son restos que, ao seren trasladados a un espazo expositivo, adquiren unha nova entidade e unha dimensión distinta.

-E que relación teñen estas coas pinturas?

-As pinturas son experiencias da presenza, viaxes que xorden dos lugares polos que paso. Sempre teñen a paisaxe de fondo, ás veces máis abstracta, ás veces máis recoñecible, pero a paisaxe sempre late en cada unha delas.

-E cal sería entón ese fío condutor que une todas as pezas?

-O fío condutor é, sen dúbida, a paisaxe. Nela está toda a esencia do que fago: o sentimento ecolóxico, o sentimento de pertenza, as emocións que esperta o territorio. A paisaxe é un termo moi amplo, climático, xeográfico, social, cultural... Pero para min o importante é que pase a través da emoción. Non é só o que ves, senón o que sentes ao miralo. Esas emocións acaban converténdose en pintura.

-Entendo tamén que lle inflúe o lugar onde vive, Couso, e a contorna da Estrada, na súa inspiración para crear isto?

-Por suposto. As paisaxes que me rodean están sempre na miña cabeza. Co cambio das estacións, todo se transforma, e eu recorro constantemente a esa memoria visual. Non preciso ter diante un paisaxe concreto para pintalo, todo vexo nos paseos, o que vivo, está na miña mente, de algunha maneira, e a hora de pintar, vai brotando pouco a pouco.

-Hai tamén un contrapunto entre esta arte ligada á natureza e o mundo contemporáneo, máis urbano e industrial?

-Si, de feito hai anos fixen unha exposición que trataba do «feísmo», o caos urbanístico nas aldeas, onde o ladrillo, as uralitas e as construcións rompían coa harmonía da paisaxe. En cambio, esta exposición céntrase máis na experiencia da paisaxe pura.

-Leva toda a vida vinculado á arte. Cando comezou a expoñer?

-Pois xusto a primeira exposición que fixen foi precisamente nesta mesma sala do Palacete das Mendoza, hai máis de trinta anos. Daquela tiña trinta e poucos anos. Teño moi bo recordo daquela mostra, veu xente importante da crítica da arte e fixérase un catálogo moi coidado, gustara moito.

-Como está sendo a recepción do público que visita a exposición nestes primeiros días?

-A maioría da xente recibe moi ben a mostra. Hai quen queda algo despistado, porque son pezas moi sinxelas, pero iso tamén provoca unha reacción. Algúns dixeron: «Nunca pensei que algo tan pequeno puidese ter outro sentido, outra dimensión»

-Canto tempo lle levou preparar esta exposición?

-Esta naceu despois da última mostra que fixen en Marín, hai un par de anos. As pezas foron xurdindo dende entón.

-E ten idea no futuro de amosar estas obras na Estrada?

-De momento non o pensei, pero é unha posibilidade. Na Estrada hai boa salas de exposicións, a da ABanca sería un espazo moi axeitado para mostrar todas estas obras. Agora teño bastante traballo, pero quizais máis adiante leve esta mostra tamén á casa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents