Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os títeres terán programación estable e periódica en Liñares

As compañías con obra cedida acordan ofrecer espectáculos no pazo para consolidalo como punto de encontro de profesionais e público

Begoña Blanco e Lucía Espiño, cos representantes das compañías de monicreques.

Begoña Blanco e Lucía Espiño, cos representantes das compañías de monicreques.

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Lalín

A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, mantivo esta semana unha xuntanza cos representantes das compañías de monicreques que teñen obra cedida para a exposición permanente do primeiro andar do Pazo de Liñares para agradecerlles a súa colaboración, pois son parte esencial do programa expositivo que ofrece alí o Concello de Lalín. Actualmente estanse a renovar os acordos de cesión por outros catro anos con cada compañía, que serán tramitados conxuntamente e aprobados proximamente na xunta de goberno local.

Nalgúns casos, as compañías van modificar os contidos das vitrinas, ofrecendo así unha experiencia renovada para as persoas visitantes. A mostra reúne pezas dunha vintena de compañías galegas, nun espazo singular e emblemático como é o Pazo de Liñares, ao que converte nunha aposta de gran interese para a veciñanza e para o turismo cultural. As compañías con obra presente na exposición son: Fantoches Baj, Teatro Os Quinquilláns, Títeres Avantar, Teatro Antroido, Títeres Cachirulo, Os Monicreques de Kukas, Faba na Ola, Artmonium, Spaguetti Títeres, Tanxarina Títeres, Teatro Kaos, Trompicallo, Pablísimo, Trécola Producións, Títeres Babaluva, A xanela do Maxín, NEG, Entroido da Cacharela, Títeres Alakrán e Asociación San Pedro de Botos.

A concelleira escoitou as achegas dos profesionais dos títeres. Propúxose o artellamento dunha programación periódica coa que contribuír a unha maior dinamización e visibilidade deste emblemático espazo. Nesta liña, avanzouse a intención de programar espectáculos tanto para público familiar como adulto, con formatos participativos que fomenten o diálogo entre compañías e público. Así mesmo, acordouse realizar unha primeira actividade para celebrar a renovación dos acordos e arrancar a nova tempada.

Todos os asistentes destacan a boa situación e a accesibilidade: bo aparcamento, zonas ao aire libre para descansos, outros puntos de interese próximos, tanto patrimoniais como de ocio ou naturais. E todos están de acordo en potenciar o centro, dotalo de programación estable de artes vivas, de actividades participativas e xerar un punto de encontro para o público xeral e tamén para os profesionais dos títeres. O propio pazo conta cun espazo escénico, con telón e equipamento para representacións, polo que se pretende realizar actividades periódicas que contribúan a consolidalo como unha referencia para as artes do monicreque.

Colección visitable

Blanco anunciou que se están a dar pasos para que o Museo da Marioneta poida ser declarado «colección visitable, e así conseguir unha entidade propia e diferenciada para este espazo tan singular e identitario. Actualmente recibe moitas visitas de centros educativos e de grupos que funcionan moi ben. A idea agora é incorporar contidos, mellorar a información que se ofrece sobre a exposición e organizar unha programación estable.

Na reunión participaron: Celia Figueras, de A xanela do maxín; Borxa Ínsua, de Títeres Alakrán; Mirari Urruzola, de Títeres Bavaluva; Isabel Rey e Marcelino de Santiago Viqueira (Monicreques Kukas); Marián González (Títeres Trompicallo); Inacio Vilariño, de Fantoches Bach; e a técnica municipal de Cultura, Lucía Espiño.

Tracking Pixel Contents