Pouco galego nas lápidas de Lalín
Dende que se puxo a primeira, en 1987, non chegan ao medio cento na actualidade

A primeira lápida en galego de Lalín foi a de Xosé Luís de Sieiro, en 1987 / Daniel G. Alén
Dende o século XVIII, en que os enterramentos comezaron a realizarse nos cemiterios, fóra do interior das igrexas, as tombas, primeiro, e os panteóns, despois, fóronse enchendo de inscricións na pedra granítica dos propios monumentos funerarios, ou en lápidas con placas de mármore ou metal, todas elas escritas en castelán, o idioma imperante dende aquel xa afastado século, que logo sería oficializado pola ditadura franquista e o clero cómplice, deixando ao galego proscrito, marxinal e case testemuñal en tódolos ámbitos. Co andar do tempo, e a partir do ultimo terzo do século XX, foron aparecendo as primeiras inscricións en galego nos cemiterios do municipio de Lalín, no resto da comarca e tamén de Galicia, o que fai que a escasa porcentaxe respecto das casteláns, vaia en aumento, dentro do que aínda pode considerarse mínimo e residual.
A primeira inscrición en galego, da que temos constancia, localizámola no vello cemiterio municipal. Está datada en 1987 e escrita sobre unha peza de granito no panteón da familia Sieiro, sinalando a tomba do que fora mestre e músico Xosé Luís Fernández Castro, finado prematuramente aos 40 anos, que contén a lenda, xa difícil de ler polo desgaste: «Galego bo e xeneroso en tempos escuros».
No mesmo cemiterio, construído a principios do século XX coa axuda dos nosos emigrantes en América, hai outros catro panteóns con epitafios en galego. O máis sobranceiro é o do canteiro e escultor Vidal Payo Fernández (2008), nun monumento funerario con tres estatuas, no que se pode ler: «Unha vida entregada a facer realidade a bondade da pedra». Outra inscrición en galego no panteón familiar, lembra a Alfonso Loño Couto (2013), e tamén hai inscricións no noso idioma no panteón da familia Riádigos Balado (2019). Atopamos outras tres lápidas con inscricións en galego, nos máis de trescentos panteóns e tombas deste camposanto, no que se contan preto das mil inscricións, pertencentes ás vellas familias lalinenses.

A primeira lápida en galego de Lalín foi a de Xosé Luís de Sieiro, en 1987 / Daniel G. Alén
No novo cemiterio municipal, coñecido pola Fraga do Alén, a porcentaxe de inscricións en galego non mellora os resultados do vello, malia que unha placa, posta polo Concello na entrada desta moderna e orixinal necrópole, enxalza o uso do galego: «Na memoria das persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu». Aquí son unha trintena de inscricións as que poden atoparse nos case mil panteóns e tombas existentes, que estimamos en preto das tres mil, as máis delas en placas de metal, con escasos caracteres. A destacar a do panteón do ilustre pintor Laxeiro (1996), con efixie, entre as das dúas mulleres da súa vida; a do músico Luís Areán Taboada (2000) e a do seu pai Gonzalo; as de Hugo Facal Goyanes (2021) e a súa esposa Esther; as de Luís Novoa García Pachín (2018) e a da súa dona Pepita, ambas con lenda, ou as do matrimonio lugués Vázquez Ceide (2013).
Varela Buxán en Cercio
Nas parroquias a situación é semellante, coa excepción do de Cercio, onde está soterrado o dramaturgo Manuel Daniel Varela Buxán (1986), que nela viviu boa parte da súa vida, e repousa na súa «cova», xunto á súa dona Luísa. O exemplo do patriarca do teatro galego espallouse entre os veciños e media ducia de panteóns teñen inscricións no noso idioma.

«Cova» de Varela Buxán e a súa dona en Cercio / Daniel G. Alén
Tamén poden ollarse lápidas con inscricións en galego nos camposantos de Vilatuxe, Botos, Santiso e Filgueira, e na comarca cómpre destacar a do insigne escritor Xosé Neira Vilas (2015) e a súa dona Anisia Miranda, en Gres das Cruces. Tamén hai algúns epitafios en galego noutros concellos, aos que habemos dedicar unha reportaxe para máis adiante.
As lápidas con inscrición en galego van en aumento nos últimos tempos, ao igual que as necrolóxicas e dedicatorias nos ramos e coroas de flores, que homenaxean e lembran aos nosos defuntos. As autoridades civís e relixiosas, as empresas funerarias, os marmoristas, canteiros e albaneis, poden e deben fomentar o seu uso e os paisanos pedir con orgullo que se lles recorde trala morte, no idioma que moitos deles usaron en vida.
Suscríbete para seguir leyendo
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- Detenido un vecino de Vigo que estaba lanzando botellas de cristal desde una planta de Vialia hacia la plaza de los cines
- Saca fotos «furtivas» para denunciar la casa de sus vecinos en Nigrán y acaba condenado por violar su intimidad
- Los últimos porteros de Vigo
- «No trato de ser espiritual, para eso ya hay grandes santos»
- La colosal Navidad de Vigo al desnudo: guía completa para disfrutar de sus 12 millones de luces
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- La Policía investiga si la agresión de un compañero de residencia causó la muerte de Encarnita Polo