Lalín activa ‘Fachadas Máxicas’ para a hostalaría dentro das Aldeas de Nadal
Quince establecementos están xa inscritos para esta exposición | O comercio escolle por unanimidade o cine como temática dos ‘Escaparates’ | O prazo remata o 14 de novembro

Os responsables do proxecto reuníronse con comerciantes e hostaleiros.

A Concellería de Aldeas de Nadal de Lalín confirma a posta en marcha de Fachadas Máxicas para a hostalaría e a continuidade de Escaparates Máxicos no comercio para a campaña 2025/26. O programa reforza a ambientación do Nadal máis alá das aldeas e integra establecementos de todo o termo municipal co que estende a animación a todo o casco urbano.
O pasado domingo celebrouse no edificio sociocultural Manuel Rivero unha xuntanza cunha vintena de comerciantes e unha pequena formación sobre o proxecto Escaparates Máxicos. Nese encontro recolléronse ideas e acordouse por unanimidade que a temática deste ano será o cine, avalada pola boa acollida e a valoración moi positiva da edición anterior.
En total 34 comercios están xa anotados, oito máis ca o ano pasado, e o prazo de inscrición permanece aberto ata o 14 de novembro. A organización propón manter a identidade de marca de Aldeas de Nadal nos escaparates, e programar o período de exposición entre o 5 de decembro e o 6 de xaneiro. Ademais, introduciranse melloras no sistema de votación: voto principal entre comerciantes en sobre pechado e voto popular con papeletas seladas no percorrido.
Rematado o encontro co comercio, a organización mantivo un co sector da hostalería para que se sumase ás actividades de Nadal. O proxecto foi ben acollido, con 15 hostaleiros xa anotados e asistentes equivalentes a unha ducia de establecementos, amais de varios avisos de interese por incompatibilidade horaria que non puideron estar presentes. As Fachadas Máxicas da hostalería desenvolveranse co mesmo espírito dos escaparates: decoración de fachadas, xanelas e elementos exteriores para estender a experiencia polo conxunto das zonas de lecer. A exposición de fachadas será do 5 de decembro ao 6 de xaneiro.
Mecánica e incentivos
O voto principal decidirano os propios locais participantes, en sobre pechado e con prohibición de votarse a si mesmos; a Asociación de Empresarios de Deza (AED) será a encargada de custodiar a urna. O premio para a fachada gañadora será de 500€. Mantense o voto popular cun sorteo dun vale de 300€ da AED para quen complete o percorrido. O local gañador lucirá un distintivo específico 25/26 na súa entrada.
Cada establecemento recibirá vinilo co logotipo de Aldeas de Nadal para reforzar a marca; publicarase cartalería co listado de participantes e especialidades; e recoméndanse solucións de iluminación eficiente, elementos protagonistas ben ancorados e uso de vexetación e retroiluminación para mellorar o impacto visual. Prevese un produto especial Aldeas (tapa, bebida, sobremesa) nos locais que o desexen.
Praza de Abastos
Como punto de partida das Fachadas, a organización prevé unha intervención piloto con estruturas de madeira retroiluminadas na Praza de Abastos, polo seu carácter de edificio público céntrico, chamada a actuar como reclamo para novas adhesións.
«Sumar comercio e hostalaría é clave para que Lalín viva un Nadal continuo nas rúas. As Fachadas Máxicas e os Escaparates Máxicos activan compras, amplían as estadías e melloran a experiencia de quen nos visita», valora a concelleira Karen Fernández Lamela. Puntualiza que «a unanimidade do sector no tema de cine e o crecemento de inscritos demostran que a fórmula funciona e que Lalín quere seguir sendo referente de Nadal en Galicia».
Por último, lembra que o proxecto conta co apoio da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e reitera que as inscricións permanecen abertas ata o 14 de novembro. O Concello publicará as bases e as indicacións operativas nos seus canais habituais.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- Toralla prohíbe los pisos turísticos antes de la apertura de la isla a Vigo
- Oceanográficos tiran «cientos de kilos» de pescado al mar por el veto al quiñón
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- El Concello de Vilagarcía cierra de manera cautelar un pub de la zona TIR
- La alta demanda para retirar el amianto de construcciones eleva meses la espera