A devoción ao San Xudas prendeu na parroquia de Botos
Centos de fieis encheron a igrexa nas tres misas que se celebraron o domingo

Estampas da celebración do San Xudas Tadeo en Botos, con procesión acompañada polo grupo de gaitas Repenicando de Gresande. | Daniel G. Alén
Non é unha celebración antiga e tradicional esta do San Xudas Tadeo que o domingo encheu a parroquial de Botos nas tres misas de mañá. Vai para cincuenta anos, o matrimonio formado por Amalia González Otero, de Agruchave, e Luís Villamarín Cuñarro, de Botos, daquela emigrantes en Venezuela, onde acadaron fortuna no eido empresarial e finados ambos en tempos recentes, mercou a imaxe, e logo dun acordo co daquela párroco, Francisco Lodeiro, tamén finado, comezou a celebración cunha misa solemne con procesión nun dos barracóns de mercadorías e a explanada da estación de ferrocarril de Botos.

A devoción ao San Xudas prendeu na parroquia de Botos
Daquela a asistencia era escasa, a familia e uns poucos amigos, pero cada ano ía en aumento e cando xa o improvisado templo non era dabondo, a principios do presente século, pasou a celebración á igrexa parroquial de Botos, cada ano con maior concorrencia dos veciños da parroquia e doutras da contorna e os máis da vila de Lalín.

A devoción ao San Xudas prendeu na parroquia de Botos
Nesta ocasión, nunha xornada solleira foron moitos os devotos que encheron a igrexa nas tres misas que se celebraron. Na solemne que se oficiou logo das dúas rezadas, misou o prezado sacerdote José Manuel Salgado Agromartín, axudado polo tamén cura xubilado Elías García Carmoega, poñéndolle música á celebración o grupo de gaitas Repenicando, que tamén acompañou a procesión ata o cruceiro, portando os máis devotos a imaxe do San Xudas e a notable cruz procesional e, antes e despois, prenderon candeas, tocaron o santo con panos e outros obxectos e deixaron esmolas ou pagaron misas.
Restos da igrexa románica
Boa ocasión para botarlle un ollo a esta igrexa que foi románica e, vai para dous séculos, reformada e ampliada no estilo barroco imperante, ficando da vella a pía bautismal con relevos, aproveitando tamén a antiga porta semicircular da entrada principal e as doelas do arco triunfal, agora cubertas de pintura. Destacan na nave dous fermosos retablos barrocos de finais do século XVIII, a xogo e con ornato de acios, dedicados á Virxe do Rosario, con imaxe das de vestir, e o Santo Antonio, que aquí tivo dende o século XVIII a súa capelanía, o mesmo ca San Ildefonso, da que xa non hai imaxe, esta fundada pola familia Silva.
Unha interesante cruz con Cristo, barroca, colga dunha parede lateral no presbiterio. O retablo principal, feito por un ebanista da zona cando o último arranxo da igrexa, substituíu a un máis antigo barroco que non se sabe onde foi parar, e nel vese a imaxe do San Xoán Bautista, o patrón da parroquia, que séculos atrás tiña unha capela propia coñecida pola capela de San Xoán da Fontesanta, da que pouco sabemos. Tamén está neste altar maior, unha vella imaxe do San Bartolomeu, que ten boa festa en agosto e xa no século XVIII unha importante confradía, ao igual ca o Santísimo; e as novas do Sagrado Corazón, San Xosé co Neno e a Inmaculada. En repisas da nave, hai imaxes da Virxe de Fátima, da do Rosario e a da Ascensión e outra imaxe de vestir da Peregrina, que se restaurou en tempos recentes, así como unha nova do Sagrado Corazón, que se garda na sancristía, substituída no templo pola do San Xudas Tadeo, o apóstolo curmán de Cristo –non confundir co traidor Xudas Iscariote–, a quen se lle dedicou esta celebración, á que nos últimos tempos acoden os fieis para pedir axuda nas causas desesperadas, que agora tanto abondan e que fan que nesta freguesía de Botos aumente a concorrencia de xeito notable ano tras ano.
A celebración rematou cunha sesión vermú onda o centro social, coa música do grupo de gaitas Repenicando, de Gresande.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- El transporte escolar en Galicia, bajo vigilancia especial desde este lunes
- Las cofradías retiran lotes de almeja de las lonjas por la caída de precios
- Vecinos de Vigo denuncian destrozos en sus viviendas por obras ajenas: «Quieren sacarme de mi casa»
- La nueva hucha de pensiones se llena en Galicia a tres millones por semana
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito
- Cuarentones que consumen ‘coca’: el perfil del infractor al volante en Vigo