Silleda homenaxeará a Víctor Fraiz Villanueva e Arturo Pérez Lázara o venres 7 de novembro
A lembranza ao mestre e o reloxeiro represaliados polo franquismo enmárcase na programación local do Día da Memoria Democrática

Arturo Pérez Lázara (i.) y Víctor M. Fraiz Villanueva (d.).

O Concello de Silleda celebrará o venres 7 de novembro unha xornada de Memoria Democrática con homenaxes a dous veciños fusilados en 1936 e 1937: o mestre Víctor Manuel Fraiz Villanueva e o reloxeiro Arturo Pérez Lázara.
Os actos consistirán na colocación das placas identificativas das rúas que levan os seus nomes, denominadas xa en 2009. O primeiro celebrarase pola mañá na Bandeira, fronte ao CEIP Ramón de Valenzuela, na rúa Víctor Manuel Fraiz Villanueva. Xa pola tarde, terá lugar en Silleda, diante do campo de fútbol municipal, a lembranza e colocación da placa dedicada a Arturo Pérez Lázara.
A xornada pecharase coa proxección do filme Consello de Galiza, dirixido por Xan Leira, ás 20:30 horas na Casa da Xuventude de Silleda. O documental, que forma parte do programa FalaRedes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, aborda a historia do goberno galego no exilio. Seguirá un coloquio co propio director.
Víctor Manuel Fraiz Villanueva, mestre e sindicalista, naceu una Bandeira en 1887. Foi un dos docentes máis destacados da comarca na defensa da escola pública e galeguizadora durante a Segunda República. Pasou unha longa tempada en Cuba co seu tío Salustiano, tamén mestre e, ao regreso a Galicia, estudou Maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela. Exerceu como mestre nas escolas de Ponte Caldelas, onde fundou e dirixiu o periódico El Heraldo de Puente-Caldelas, entre outros. Foi, ademais, secretario fundador de FETE-UGT. Dirixiu a revista Nueva Galicia de Vigo (1927) e colaborou en publicacións como Escuela Vivida, Escuela del Trabajo de Ourense e El Pueblo Gallego.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 tivo que fuxir ao monte, e pasou a Portugal. En represalia detiveron o seu fillo Víctor, e internárono no campo de concentración de San Simón, pero foi finalmente asasinado en novembro de 1936. Os seus fillos Vicente e Ramón tamén foron detidos. Víctor Fraiz decidiu entregarse a cambio de que os liberaran e dun xuízo xusto. Pero foi encarcerado, xulgado en Vigo por rebelión militar e condenado a pena de morte. Foi executado no monte do Castro o 14 de setembro de 1937.
Arturo Pérez Lázara (1910–1936) naceu en San Fernando, Bos Aires, fillo de emigrantes silledenses. Reloxeiro de oficio, regresou a Silleda coa súa nai e axiña destacou pola súa actividade sindical, sendo secretario da Unión Obreira de Ponte, o principal sindicato da zona. Rexentaba unha xoiería en Silleda e outra en Lalín. Participou na vida social e política local, ademais de doar o primeiro equipamento do club de fútbol da localidade.
Tralo golpe militar de xullo de 1936, Pérez Lázara integrouse no Comité de Defensa da República en Trasdeza. Foi detido cando trataba de marchar a Bos Aires e fusilado o 21 de outubro de 1936, con tan só 26 anos.
«Estes actos de recoñecemento representan un compromiso firme coa verdade, a xustiza e a reparación moral –subliña a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena–. Recuperar a memoria destas persoas é un deber democrático e humano que nos obriga a mirar ao pasado con respecto e ao futuro con dignidade». «A memoria non é mirar atrás, senón mirar con dignidade cara ao futuro, porque un pobo que non lembra está condenado a repetir os erros do pasado», engade.
Coincidindo co Día da Memoria Democrática, que se conmemora oficialmente o 31 de outubro, Fernández Pena destaca «a importancia de manter viva a lembranza das vítimas do franquismo e de poñer en valor o seu exemplo de compromiso, solidariedade e valentía fronte á intolerancia». Dende o Concello de Silleda, amais de colocar as placas cos nome dos homenaxeados, tamén se incluirán códigos QR nos que poder descargar a biografía destes dous veciños represaliados e asasinados durante a Guerra Civil.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- Toralla prohíbe los pisos turísticos antes de la apertura de la isla a Vigo
- Oceanográficos tiran «cientos de kilos» de pescado al mar por el veto al quiñón
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- El Concello de Vilagarcía cierra de manera cautelar un pub de la zona TIR
- La alta demanda para retirar el amianto de construcciones eleva meses la espera