Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O galego en Lalín cócese en forno de cerámica

O obradoiro «Creando linguaxe de barro» celébrase os días 19 e 26 de novembro

Gloria García e Begoña Blanco mostran o cartel do obradoiro.

Gloria García e Begoña Blanco mostran o cartel do obradoiro.

REDACCIÓN

Lalín

A Concellería de Política Lingüística, Cultura e Educación de Lalín, que dirixe Begoña Blanco, pon en marcha o obradoiro de cerámica Creando linguaxe de barro, unha proposta que busca asociar a lingua galega con valores positivos de modernidade e lecer. A iniciativa, con carácter gratuíto, ofrece un formato lúdico de iniciación á cerámica, achegando a artesanía á veciñanza mediante un taller que combina arte e lingua.

O obradoiro estrutúrase en dúas sesións. Na primeira, o 19 de novembro, realizaranse pezas sinxelas e utilitarias, como cuncas ou placas, incorporando palabras en galego ou elementos visuais inspirados no Laboratorio de Formas de Isaac Díaz Pardo, figura homenaxeada este ano polo Día das Artes Galegas. Logo da sesión, as pezas levaranse a cocer a un obradoiro local con forno cerámico. Na segunda cita, o 26 de novembro, realizarase a decoración final e o esmaltado, que implicará unha segunda cocción.

A actividade será impartida por Gloria García, licenciada en Belas Artes e artista especializada en cerámica, con obradoiro en Lalín. Terá lugar no hall do Auditorio Municipal os días 19 e 26 de novembro, de 18:00 a 19:30 horas. Está dirixida a persoas adultas e non se requiren coñecementos previos. O aforo é de 15 prazas e a inscrición realizarase mediante correo electrónico a museo@lalin.gal, cubrindo un formulario que se porá á disposición. Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Lalín e as prazas cubriranse por orde rigorosa de inscrición.

Programa Ronsel

Este obradoiro forma parte do programa Ronsel Lalín, que inclúe actividades arredor das figuras culturais homenaxeadas en 2025: as Cantareiras (Día das Letras Galegas), Castelao (75ª aniversario do seu pasamento) e Isaac Díaz Pardo (Día das Artes). Conta cunha subvención do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra para accións de dinamización da lingua galega.

Tracking Pixel Contents