Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Seminario de Estudos de Deza incorpora a Daniel García Coego

O autor, de orixe dezaos, é colaborador do «Descubrindo» | Este anuario recibe quince artigos, tres desbotados, para a 18ª edición

Reunión do Seminario de Estudos de Deza.

Reunión do Seminario de Estudos de Deza.

REDACCIÓN

Lalín

O grupo de coordinación do Seminario de Estudos de Deza (SED) mantivo unha reunión o venres na súa sede do Pazo de Liñares. Revisou os artigos recibidos para a próxima publicación do anuario Descubrindo, abordou unha vindeira saída cultural a Mondoñedo e o comezo da planificación dos vindeiros Premios do SED; valorou a próxima edición dun Deza Básicos; e deulle a benvida a un novo membro. Trátase de Daniel García Coego, autor nos catro últimos números do anuario e tamén nesta convocatoria. Ten orixes dezaos por parte de nai e de pai, estudou Enxeñería de Telecomunicacións e actualmente é director de Sistemas Intelixentes en Gradiant.

En canto á 18ª edición do Descubrindo, chegaron quince artigos e unha comunicación. Tras seren revisados, tres dos artigos non se axustan ás bases: dous por ter sido publicados noutros medios e o terceiro por presentar extensión excesiva e demasiadas citas de fontes, xunto coa necesidade de mellora na redacción e contidos. «A partir de agora entramos na fase de corrección dos textos seleccionados, no deseño da imaxe de cuberta e na planificación da presentación, que se tentará que sexa en xaneiro de 2026», apunta a concelleira de Cultura, Begoña Blanco. Anuncia a próxima edición dun Deza Básicos, ao ser a única proposta adaptada ás bases desta colección.

Tamén se trataron os Premios do SED e, tras valorar diferentes opcións, acordaron manter o formato das últimas edicións. As bases están elaboradas e serán remitidas ao Padroado Cultural para a súa aprobación.

Parte do encontro estivo centrado na organización da saída cultural a Mondoñedo, o sábado 15 de novembro, aberta a todas as persoas participantes e colaboradoras. Incluirá un roteiro polo Mondoñedo literario a cargo do escritor e crítico literario Armando Requeixo, con visita guiada aos principais enclaves cunqueirianos e remate na Casa-Museo Álvaro Cunqueiro; saúdo institucional da corporación municipal. Logo do xantar no Seminario de Santa Catarina, haberá visita ao Museo da Imprenta, á Ponte do Pasatempo e ao cemiterio vello. Estanse a valorar opcións de transporte, segundo o número de inscricións.

Tracking Pixel Contents