Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Carlos Henrique Fernández Coto Presidente de Apatrigal

«Galicia debería adoptar o fuso Greenwich, ao igual que as Canarias»

En pleno debate sobre a adopción do horario de inverno de xeito permanente en España, Apatrigal foi un dos colectivos máis involucrados na difusión das consecuencias deste cambio para Galicia. Neste contexto, e tras retrasar unha hora os reloxos este pasado sábado, o estradense Carlos Coto, presidente da asociación, fala con nós sobre as idiosincrasias da comunidade galega e os ciclos solares.

Carlos Coto, na Cidade da Cultura.

Carlos Coto, na Cidade da Cultura.

A Estrada

Este sábada España, e con ela Galicia, volveu ao horario de inverno, en pleno debate sobre se se debe adoptar este de xeito permanente. Carlos Henrique Fernández Coto, de Apatrigal, achega nas seguintes liñas o seu punto de vista.

Galicia atópase no extremo máis occidental da Península Ibérica, pero comparte fuso horario con países como Alemaña ou Italia. Que consecuencias directas ten para a comunidade manter este desfasamento horario?

Galicia está situada nunha posición xeográfica que correspondería ao fuso horario de Portugal, Reino Unido ou das Illas Canarias (UTC), pero comparte o fuso centroeuropeo (UTC+1) con países moito máis ao leste, como Alemaña ou Italia. Esta situación mantense dende hai cen anos, aínda que durante séculos o territorio rexiuse máis polo sol ca polos reloxos: mesmo hai cincuenta anos, labregos e mariñeiros seguían os ciclos solares para traballar, sen atender ás agullas do reloxo. A normalización da hora legal chegou coa educación, as fábricas e as oficinas, onde as quendas se marcan por horario fixo, e é entón cando se nota que moitas veces se traballa ou se estuda de noite, o que repercute no descanso, na conciliación e na saúde, ao aumentar o desaxuste entre o reloxo social e o biolóxico. Pola contra, tamén hai efectos positivos nas relacións económicas e sociais, pois cando no centro de Europa están ceando, en Galicia aínda se pode gozar do día, das compras ou da hostalería.

Se España –e en particular Galicia– decidise manter o horario de inverno de forma permanente, como afectaría iso á vida cotiá dos galegos en termos de luz solar, descanso e produtividade?

Se Galicia mantivese o horario de inverno de forma permanente (UTC), o sol sairía e poríase unha hora. Isto permitiría máis luz pola mañá, facilitando o espertar natural e mellorando o descanso e os ritmos biolóxicos. Pola contra, anoitecería antes, o que podería reducir o tempo de lecer ao aire libre pola tarde. En conxunto, esta medida podería favorecer a produtividade e a conciliación familiar, aínda que obrigaría a adaptar os nosos costumes sociais.

Que impacto podería ter esta medida na saúde da poboación, especialmente en aspectos como o sono, o estado de ánimo ou o rendemento escolar e laboral?

Amencería máis cedo, o que axudaría a sincronizar o sono co reloxo biolóxico, mellorando o descanso e o estado de ánimo. Tamén favorecería a atención e o rendemento escolar pola mañá e aumentaría a produtividade laboral, aínda que anoitecería antes, reducindo un pouco o tempo de lecer pola tarde.

Desde o punto de vista enerxético, supoñería algún aforro real manter o horario de inverno permanente?

O aforro enerxético sería moi pequeno, porque aínda que habería luz pola mañá, anoitecería antes e aumentaríase o consumo pola tarde.

Podería o mantemento do horario de inverno acentuar a sensación de illamento co resto de España ou de Europa?

Penso que non. De igual xeito que cando cruzamos a Portugal ou viaxamos ás illas Canarias, o cambio de hora é un asunto puramente mecánico, que hoxe coas tecnoloxías que temos, nin o notariamos, porque todos os dispositivos electrónicos cambiarían automaticamente a hora.

Habería que adoptar o fuso de Greenwich para aliñarse coa súa posición natural e co seu ritmo solar?

Si, desde un punto de vista xeográfico e de saúde, sería lóxico que Galicia adoptase o fuso de Greenwich. Isto permitiría que os ritmos de sono e de actividade coincidisen mellor co ciclo solar, mellorando o descanso, o estado de ánimo e a produtividade. Non obstante, hai que ter en conta o impacto económico e social, xa que a sincronía con España e co resto de Europa se vería alterada. Sería un triunfo da lóxica solar sobre os imperativos legais. Penso que deberíamos ter a mesma hora que Portugal, aínda que nos custaría adaptarnos a outro estilo de vida.

Afectaría isto á coordinación co resto de España e de Europa?

De igual xeito que España se relaciona coas Illas Canarias. Sería cuestión de adaptar a linguaxe e os modos de compartir información, incluíndo a Galicia no paquete das illas.

Ve con bos ollos a idea de manter o horario de inverno en Galicia ou cre que sería un erro?

Na miña opinión, débese manter o cambio de hora dúas veces por ano para coordinar as actividades co ciclo solar. Pero mantendo a hora portuguesa na nosa área xeográfica, e seguindo os cambios de hora que Portugal tamén fai.

Por último, por que é este un tema tan relevante?

Ao falar do fuso horario e dos ritmos de vida, cómpre ter en conta tamén a espiritualidade e a paisaxe única de Galicia, onde a luz e o sol poñente marcaron costumes e carácter. Fisterra e San Andrés de Teixido foron lugares de peregrinación e renovación espiritual moito antes do Camiño de Santiago, símbolos dun pobo conectado coa natureza e co paso do tempo. O horario e a luz son, así, parte da identidade galega, non só unha cuestión técnica. Un cambio de hora non alterará a paisaxe, pero si a maneira de vivila, de comer, de relacionarse e de gozar dela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents