Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O rural estradense abre as portas ao Samaín

O rural estradense prántalle cara á asimilación de celebracións e tradicións foráneas como o Halloween e pon en valor o propio. Sabucedo y Santo Tomé de Ancorados apostan pola recuperación e a reivindicación do Samaín, unha tradición secular galega que colle cada ano máis forza, reunindo a centos de asistentes.

Integrantes da organización do MUSA de Sabucedo e do Samaín de Ancorados, xunto a Gonzalo Louzao e Óscar Durán, onte.

Integrantes da organización do MUSA de Sabucedo e do Samaín de Ancorados, xunto a Gonzalo Louzao e Óscar Durán, onte.

A Estrada

O próximo sábado 1 de novembro, A Estrada abriralle as portas ao Samaín con dúas programacións centrais, ambas no rural e que buscan revivir esta tradición secular.

En Sabucedo, chega a undécima edición do MUSA, un evento que organizan a Asociación de Veciños e o colectivo Pau de Moca, e que une nunha xornada tres tradicións da cultura galega: a Muiñada, o Magosto e o Samaín. A programación comeza ás 9.45 horas coa tradicional andaina comentada pola nova ruta interactiva de Sabucedo, un percorrido de 10 quilómetros que parte do «curro novo». Ao longo do camiño, os participantes poderán recoller castañas e setas e acceder a información sobre o patrimonio local mediante códigos QR, coñecendo aspectos como a ruta dos muiños ou curiosidades relacionadas coa Rapa de Sabucedo.

A partir das 12.00 horas, no «Muiño do Mestre», comezan as actividades culturais e lúdicas: un mercadillo de produtos de artesanía e proximidade, un obradoiro de pan e un concurso de preguntas para os máis pequenos, no que os rapaces se dividen en tres grupos e deben recoller información dos veciños maiores para gañar premios. «O Samaín de Sabucedo busca ser un punto de encontro para os veciños, un xeito de recuperar as tradicións e transmitilas aos máis novos», sinalan desde a organización.

Ás 14.30 horas terá lugar a comida popular, para a que será necesaria reserva. A xornada continuará ás 17.30 horas cos obradoiros de Samaín, destinados a nenos «de ata 90 anos», e ás 19.15 horas dará comezo a procesión da Santa Compaña. A partir das 20.00 horas celebrarase o Magosto do Samaín, seguido dunha sesión de contacontos ás 21.00 horas e, finalmente, o concerto de Gato Piolloso desde as 23.30 horas.

En Santo Tomé de Ancorados, a celebración cumpre catro anos e aposta por unha experiencia interactiva e espectacular. O veciño Luis Louzao leva meses preparando os decorados, que inclúen un laberinto no baixo da casa escola e un cemiterio cun cruceiro a escala real, sendo o primeiro de paso obrigado para acceder ao recinto cuberto por unha carpa de 15x40 metros. Este ano, grazas á colaboración con ACOE, celebrarase tamén un concurso de disfraces con dúas categorías: individual e grupal, con premios que van desde televisores ata vales e ceas.

O Samaín de Santo Tomé celebrarase o 1 de novembro desde as 21.00 horas. Para acceder ao campo será necesario atravesar o laberinto do terror do teleclub. Unha vez dentro, ás 22.00 horas ofrecerase un tributo a Manolo Escobar, seguido dunha exhibición de baile a cargo de Stradanza. Á medianoite terá lugar a tradicional procesión da Santa Compaña e, desde as 00.30, música con Son das Tabernas. Ademais, o evento contará cun pulpeiro con racións a 12 euros, barra con prezos populares e degustación gratuíta de porco á brasa e castañas.

Dende a organización explican que a festa comezou como unha iniciativa para recadar fondos para a patronal de San Mauro, pero que a súa boa acollida a converteu nun evento de referencia no municipio. O ano pasado participaron máis de 700 persoas, e este ano esperan superar esa cifra. Tal é a sona da cita que algúns veciños residentes en Alemaña planifican as súas vacacións en función do evento.

No acto de presentación estivo presente o alcalde, Gonzalo Louzao, que destacou o valor da iniciativa: «Agradecemos a ambas agrupacións a súa labor altruista que repercute na revitalización do rural estradense, así como na recuperación, posta en valor e transmisión da súa cultura». O Concello subliña a importancia destas actividades como motor de dinamización social e cultural, promovendo a participación de todas as idades e a conservación das tradicións locais.

O Samaín en Sabucedo e Santo Tomé pon en valor elementos da cultura rural galega que van máis aló do ocio. A ruta interactiva de Sabucedo permite que os participantes coñezan a historia do pobo, os seus muíños e as singularidades da Rapa. De xeito semellante, en Santo Tomé, o laberinto, o cemiterio e o tributo musical achegan aos máis novos ás tradicións, facendo que a celebración sexa tamén unha oportunidade para aprender e transmitir o patrimonio cultural.

Ademais, ambas as citas incorporan elementos participativos que fomentan a convivencia interxeracional. Os obradoiros, os concursos, o tributo musical e a procesión da Santa Compaña implican activamente aos veciños, facendo que a festa sexa unha experiencia compartida e única para toda a parroquia.

Tracking Pixel Contents