Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O colexio de Agolada reabre a biblioteca a toda a veciñanza

O centro pretende por en marcha un clube de lectura familiar

Acto de reapertura da biblioteca do CEIP Plurilingüe de Agolada.

Acto de reapertura da biblioteca do CEIP Plurilingüe de Agolada.

Á. G.

Agolada

Coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas Escolares, o pasado venres 24 de outubro celebrouse a reapertura da biblioteca do CEIP Plurilingüe de Agolada, despois dun tempo pechada pola súa restauración.

Foi un acto moi especial e cheo de simbolismo, que contou coa presenza de gran parte da comunidade educativa, xunto con Luis Calvo, alcalde de Agolada; a antiga mestra Doña Pilar; o escritor Manuel Busto; Paula Coego, en representación da ANPA; o artista Miguel Ángel Ayude; e a asesora do CRF de Lalín, Silvia Peña Mejomín. O evento estivo conducido polo director do centro, Santiago Gómez Fuentes, e contou coa implicación e colaboración de todo o profesorado, que fixo posible este momento de reencontro e celebración no colexio público.

Durante os últimos meses realizouse un acondicionamento integral da biblioteca agoladea, cunha renovación do mobiliario e a creación de espazos máis acolledores, accesibles e dinámicos. O novo deseño integra zonas de lectura, investigación, innovación, xogos e construción, dentro dos programas de Bibliotecas Creativas.

Este curso, o proxecto do centro leva por título «Vai de parroquias», unha iniciativa que busca poñer en valor o rural, a identidade local e as raíces do municipio, convidando a toda a comunidade educativa a «redescubrir o que nos fai únicos» segundo Santiago Gómez.

Ademais, o colexio pretende abrir este espazo á veciñanza de Agolada, ofrecendo un punto de encontro para pequenos e maiores, e impulsar novas iniciativas como un club de lectura familiar e a continuidade do proxecto «Radio na Biblio».

Con esta reapertura, a biblioteca do CEIP Plurilingüe de Agolada renace como un lugar vivo, participativo e aberto á comunidade, no que a lectura, a creatividade e o amor polo rural se unen para seguir facendo escola.

Tracking Pixel Contents