Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Gran acollida en Lalín do clube de lectura que promove a biblioteca

A instalación abriu todos os días do 31 de maio ao 15 de xuño durante 12 horas

REDACCIÓN

Lalín

A Biblioteca Municipal Varela Jácome continúa a consolidarse como un espazo de referencia cultural e educativa en Lalín, cunha programación estable, diversa e adaptada aos intereses da veciñanza, vivindo un 2025 especialmente activo. Entre as principais novidades correspondentes aos dez primeiros meses de ano, destaca a apertura ininterrompida das instalacións entre o 31 de maio e o 15 de xuño, de 9 da mañá a 9 da noite todos os días, incluíndo sábados e domingos, e colaboración desde a biblioteca na posta en marcha do Club de Lectura municipal, que está a converterse nun dos proxectos máis participativos.

O Clube de Lectura, promovido pola Concellería de Cultura, en colaboración coa Biblioteca Municipal Varela Jácome, comezou a súa andaina en maio e reúne mensualmente a unha vintena de participantes, ademais de realizar actividades complementarias, a máis recente a celebración do Día das Escritoras. Desenvolveuse ademais unha completa programación con actividades de dinamización lectora, meses temáticos na Biblioteca, «Maletas Viaxeiras», «Recuncho LalínLe» ou con distintas exposicións monográficas como as dedicadas a Rosalía ou Laxeiro.

No caso do clube de lectura, o grupo, composto por arredor de vinte persoas lectoras, reúne cada mes a amantes da literatura de diferentes idades para compartir lecturas e reflexións arredor dos libros. Hai que indicar, non obstante, que o grupo de participantes é vivo, xa que hai moitas das persoas que son fixas desde a primeira xuntanza e despois parte do grupo vai variando en función do movemento da listaxe de agarda, incorporándose cada vez máis persoas mozas ao Club. Todas elas destacan pola súa ampla bagaxe lectora e pola sensibilidade que amosan nas súas intervencións.

A biblioteca realiza unha labor continua de formación de usuarios desde o momento en que se fan socios, explicando como buscar libros, renovar préstamos en liña ou utilizar os recursos dispoñibles. O salón de actos acolle todo tipo de charlas e reunións durante todo o ano. Desde o 23 de outubro realízanse todos os xoves un taller emocional para persoas maiores nas instalacións.

Tracking Pixel Contents