Un facho de luz na estrada da vida

Un facho de luz na estrada da vida
Charo Golmar
Hai persoas que deixan pegadas luminosas alí por onde pasan. Unha delas é Xosé Luna Sanmartín, mestre, historiador, escritor e poeta, que acaba de iniciar unha nova singradura tras a súa xubilación. Mais o seu paso polas aulas e polos camiños da vida deixa un ronsel de luz e afecto que permanecerá en todos nós.
Coñecino hai arredor de trinta anos no Colexio de Bandeira, onde tamén foi profesor da miña filla Antía. Dende entón, puiden admirar o seu compromiso co ensino entendido como ferramenta de liberdade, xustiza e fraternidade. Fiel á máxima de Varela Buxán — «O mellor faro para impedir que os pobos tropecen é unha escola»—, fixo da docencia unha vocación e un modo de estar no mundo.
Polas escolas nas que traballou, Xosé Luna foi moito máis ca un profesor: foi un axente dinamizador, un tecedor de ilusións. Coordinou proxectos de normalización lingüística, animación á lectura, creación literaria e educación física, sempre coa paixón de quen cre que ensinar é compartir a vida. A súa capacidade para unir equipos e xerar entusiasmo fixo del unha referencia dentro e fóra das aulas.
Especialista en Educación Física, concibe esta materia non como simple exercicio senón como celebración da vida. Para el, o corpo e o pensamento son dúas caras da mesma realidade, e así o transmitiu ao alumnado: aprendendo a moverse tamén se aprende a pensar, a sentir e a convivir. Foi esixente e rigoroso, mais tamén próximo e agarimoso, educando dende o respecto, a alegría e a empatía.
É un deses mestres que constrúen comunidade. A súa entrega silenciosa e o seu amor pola palabra deixaron fonda pegada en compañeiros e alumnos. Nas escolas por onde pasou sementou amizade, confianza e compromiso.
O seu labor cultural vai máis alá das aulas. Participou activamente na proposta de que o colexio Comarcal de Lalín levase o nome de Xesús Golmar, mestre exemplar e referente da educación galega, contribuíndo así a perpetuar o seu legado. Ademais, como editor, facilitou a publicación da biografía de Xesús Golmar escrita por Manuel Igrexas, un xesto de sensibilidade e respecto cara á nosa memoria educativa.
Natural da Estrada, fillo da terra e da palabra, Xosé é ese pereiriño de Bedelle que soñaba con ser mestre mentres izaba cometas baixo un sol rebulideiro. Aquel neno curioso que se adentrou no mundo da fantasía da man de Xulio Verne converteuse en temonel que goberna embarcacións-escola con verdes ás de bolboreta, en mago que con palabras acende fogueiras alén da escuridade, en poeta que fía letras e bicos, en soñador que fai das palabras pontes e dos soños camiños. Évos como o manancial da Pinguela, inxel fío de auga, arteria que se converte en fervenza para fertilizar o chan que decorre á súa beira. Unha persoa admirable, boa e xenerosa, que dende a humildade e a bonhomía loita por mellorar e poñer en valor o mundo. Un amigo leal e incondicional que pon luz nos nosos corazóns.
Leva A Estrada por bandeira. Aquí, no seu fogar, no seu particular paraíso “no lugar máis fermoso do mundo” séntese feliz, querido e respectado. Dende o seu barrio natal de Bedelle ata o Camiño da Congostra onde reside, percorreu milleiros de quilómetros de humanidade, sementando coñecemento, afecto e esperanza. Camiñando por escolas e vieiros, palabra a palabra, paso a paso, foi construíndo sendas de luz, de sol e sombra, de pedra e papel, de amor e paz.
Agora, cando pecha a porta do Colexio do Foxo, sabemos que non se despide: simplemente abre outra ventá para seguir creando e iluminando. Porque quen foi mestre de vida nunca deixa de selo.
Así é e será sempre Xosé Luna: un facho de luz na estrada da vida.
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- Detenido un vecino de Vigo que estaba lanzando botellas de cristal desde una planta de Vialia hacia la plaza de los cines
- Saca fotos «furtivas» para denunciar la casa de sus vecinos en Nigrán y acaba condenado por violar su intimidad
- Los últimos porteros de Vigo
- «No trato de ser espiritual, para eso ya hay grandes santos»
- La colosal Navidad de Vigo al desnudo: guía completa para disfrutar de sus 12 millones de luces
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- La Policía investiga si la agresión de un compañero de residencia causó la muerte de Encarnita Polo