Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tras as pegadas de Neira Vilas

Guiado por María Luz Barreiro e organizado pola Asociación Mestre Gacio, do concello de Boqueixón, hoxe terá lugar un roteiro especial polo Gres de Neira Vilas. Trátase dunha experiencia única de literatura, historia e paisaxe que se enmarca na programación de outono da fundación.

Un dos habituais encontros literarios na sede da Fundación Xosé Neira Vilas de Gres.

Un dos habituais encontros literarios na sede da Fundación Xosé Neira Vilas de Gres.

REDACCión

Vila de Cruces

A Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Boqueixón e a Fundación Xosé Neira Vilas organizan hoxe o primeiro roteiro a pé que leva por título «Seguindo os pasos de Xosé Neira Vilas en Gres». A actividade, dirixida a todos os públicos e con libre admisión, fará un percorrido polos lugares vencellados á vida e á obra do autor de Memorias dun neno labrego. A saída será ás 16.30 horas na Casa do Romano, sede da Fundación en Gres, no concello de Cruces.

O percorrido foi deseñado e será guiado pola profesora de Lingua e Literatura Galegas e veciña de Gres, María Luz Barreiro. Os asistentes percorrerán os distintos emprazamentos que aparecen mencionados nas súas obras ou que inspiraron determinados espazos nas súas novelas e relatos. Trátase dunha oportunidade única para descubrir espazos emblemáticos como a Casa do Romano, a escola de Granxa, o serradoiro de Pardo, a ponte románica de Ledesma, as Insuas de Gres ou a propia Fundación Neira Vilas. O percorrido definitivo é o seguinte: A Casa do Romano, A escola (Casa de Granxa/Pazo de Algara), O serradoiro de Pardo, A casa nova, O resío e o río Ulla, A ponte románica de Ponte Ledesma, A casa de Castelo, As Insuas de Gres, O lugar da Capela, A igrexa e o cemiterio de Gres e a Fundación Neira Vilas.

Ademais do roteiro, a Fundación Xosé Neira Vilas ten previstas máis actividades para este outono. A seguinte será o Día de Neira Vilas, o vindeiro 3 de novembro ás 17.00 horas, na sede da fundación en Gres. A Libraría Pedreira, en Santiago de Compostela, acollerá o 5 de novembro ás 19.30 horas a presentación de Castelao en Cuba, libro reeditado pola Editorial Galaxia. Por último, o 27 de novembro ás 19.00 horas, coincidindo co décimo aniversario do pasamento de Neira Vilas, a fundación celebra un encontro literario na sede da Casa do Romano. Desta volta, asistirá Xesús Alonso Montero para presentar Correspondencia 1965-2014, un bo feixe de cartas que intercambiaron Neira Vilas e o citado Alonso e que está agora a disposición do público lector grazas ao volume publicado por Galaxia. Tamén está previsto que interveña Víctor Freixanes.

Tracking Pixel Contents