A Bienal Laxeiro organiza talleres para colexios e asociacións e o 7 de novembro presenta o catálogo
A mesma xornada da estrea da publicación tamén haberá unha mesa redonda con artistas para descubrir este proceso creativo

Asistentes á inauguración da mostra observan un par de obras. | Bernabé

O programa didáctico da Bienal quere achegar a arte a todos os públicos, dende o alumnado dos centros educativos ata as familias e persoas adultas, cun amplo abano de visitas guiadas, obradoiros creativos e experiencias participativas arredor das obras de artistas como Alfonso Galván, Mónica Alonso, Bosco Caride, Francisco Leiro, Concha Martínez Barreto, Teresa Moro, Jorge Martins, Quintana Martelo, Carmen Van den Eynde, Susanne Themlitz, Elena Colmeiro e Laxeiro.
A actividade central será a mesa redonda e presentación do catálogo oficial da XVII Bienal, o venres 7 de novembro ás 19 horas, coa participación do comisario Manuel Quintana Martelo, o director do MARCO de Vigo Miguel Fernández-Cid e unha das artistas participantes na XVII Bienal, Mónica Alonso. Esta mesa redonda é encontro idóneo para descubrir de primeira man o proceso creativo, e o contexto teórico que dá forma a esta edición. Ás 20.00 horas será a presentación do catálogo.
Os centros educativos e outros colectivos poden concertar visitas de martes a venres, de mañá e tarde. O obxectivo é crear experiencias adaptadas, que conecten coa sensibilidade de cada participante e permitan explorar as emocións que esperta a exposición. Para os centros educativos, deseñáronse oito propostas de obradoiros participativos gratuítos, ao redor da temática da Bienal, centrándose nas propostas dos creadores. Para familias e grupos de particulares, será posible celebralos os sábados ás 11:00 horas, con inscrición previa, prazas limitadas e sempre que haxa un mínimo de inscritos.
Os obradoiros os seguintes: Psicoespazo (Mónica Alonso). Transforma a cor nun espello das emocións. Os nenos experimentan un espazo coloreado e reflexionan sobre como os tons inflúen no seu estado de ánimo. Cada un debuxa o seu lugar de cor, un refuxio emocional que combina arte e autocoñecemento. Corpo e volume (Francisco Leiro) A escultura convértese en xogo corporal: o alumnado imita posturas inspiradas nas obras de Leiro e observa como o corpo e a sombra dialogan. Sobre un gran papel continuo, cadaquén debuxa a súa silueta proxectada, tomando conciencia do volume, da presenza, do movemento e do espazo común. Memoria e obxectos (Concha Martínez Barreto e Teresa Moro). Cada un escolle un obxecto que garde unha historia persoal. Debúxano e engaden unha sombra que conta o recordo que o acompaña. Combina arte e emoción, convertendo a lembranza nunha peza de creación íntima e simbólica. Luz e cor (Carmen Van den Eynde e Susanne Themlitz). Con papeis translúcidos e lanternas, os nenos crean paisaxes colectivas de luz, cor e transparencia. É unha experiencia poética e colaborativa, onde o grupo constrúe unha paisaxe que cambia coa mirada de cada un. Negativos do cotián (Bosco Caride e Alfonso Galván) Un xogo visual para adolescentes: debuxar en branco sobre fondo negro obxectos da vida diaria, invertendo a relación entre luz e sombra. E mirar o cotián doutro xeito, descubrir a beleza do negativo, con protagonismo ao invisible.
En Paisaxe aberta (Jorge Martins e Quintana Martelo). A partir do entorno máis próximo –o barrio, a vila, o lugar que habitamos– os rapaces e rapazas crean mapas de luces e sombras. Combina observación, debuxo e reflexión colectiva sobre o espazo compartido e a identidade do territorio. Laboratorio de sombras (Elena Colmeiro e Laxeiro) Lanternas, fotografías e obxectos cotiáns convértense en ferramentas para contar historias. O grupo crea escenas efémeras, xogando co movemento e coa luz. Estimula a imaxinación e a cooperación..
Psicoespazo avanzado (Mónica Alonso). Un paso máis na reflexión sobre o espazo e a emoción. Nesta versión para mozos, analízase como as cores e as formas condicionan o espectador. Remata cun mural que transforma a experiencia persoal en creación colectiva.
Reservas de grupos ou de axencias de viaxes
Os sábados ás 12:30 h continúan as visitas guiadas abertas ao público, sen necesidade de inscrición. Ademais, nos vindeiros días están programadas visitas guiadas. Así, o luns 27 asistirán alumnos de 1º e 2º do CEIP Manuel Rivero, que participarán tamén no obradoiro que trata sobre Laxeiro e Elena Colmeiro. O día 1 de novembro tocaralle a quenda a un grupo reservado por unha axencia de viaxes da Coruña e o 25 dese mes acudirá o grupo das aulas de Ategal da modalidade de Historia da Arte. Ao mesmo tempo o Concello sinala que xa pasou polo museo municipal o alumnado do IES Ramón María Aller. Ademais de varios centros educativos do Concello de Lalín, xa se interesaron por traer grupos á XVII Bienal varias axencias de viaxes, e outros grupos de diversa índole.
Ata o 29 de novembro
Dende o departamento unicipal de Cultura, Begoña Blanco resalta que a XVII Bienal é unha ocasión única de ollar obras de gran relevancia no ámbito internacional ao noso carón, nun proxecto feito expresamente para Lalín, e que permite o contacto coa plástica contemporánea co fío condutor da paisaxe e as sombras, nun percorrido moi completo e atraínte, no que se explora multiplicidade de técnicas: dende a pintura, a escultura, a instalación, a fotografía ou o debuxo. A coletiva foi inaugurad o pasado día 3 e permancerá aberta ata o 29 de novembro no museo municipal Ramón María Aller.
- «Sin calefacción estamos todo el año a 21 ºC»
- Descarrila un tren de mercancías cargado de toneladas de acero en As Neves
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- El primer ‘coliving’ de la ciudad estará en Bouzas y tendrá gimnasio y piscina
- ¿Cuál es el mejor día para ver las luces de Navidad de Vigo? Estos son los de mayor y menor afluencia
- La seta que quería ser sombrero mexicano
- Mueren en la misma semana los padres de Mari Carmen, la tripulante desaparecida en el “García del Cid”