Empoderamento en branco e negro
O IES Pintor Colmeiro recolle nun libro un cento de fotos coa muller de aldea como protagonista

Presentación do libro, onte á noite, no salón de actos do consistorio. | Bernabé/Javier Lalín

No marco de actividades que ofrece Silleda durante esta semana para celebrar o Día da Muller Rural (foi este mércores), o instituto Pintor Colmeiro presentou onte no consistorio o volume Mulleres do Deza. Haberá unha nova difusión o día 23 no centro cultural Vista Alegre, da Bandeira, e o libro estará á venta dende finais deste mes por 18 euros coa finalidade de sufragar unha nova edición.
Mulleres do Deza recolle un cento de fotografías, moitas delas aportadas dende hai uns anos polo alumnado do instituto, dentro dunha iniciativa máis ampla levada a cabo entre a biblioteca, con Norma Rodríguez á fronte, e o equipo de dinamización lingüística que coordina Alexandre Pereira. Esa iniciativa é unha editorial propia, Calami, que xa ten publicado microrrelatos de estudantes con motivo do 25-N. «Retomamos un traballo de recollida de fotos a partir do proxecto Club de Letras, do departamento de Lingua Castelá» e que pretendía dar máis visualización á muller, explica Rodríguez.
Cada alumno e alumna aportaron unha foto dalgunha muller da súa familia, co requisito de que as retratadas debían ser da comarca dezá. Moitas das imaxes amosan veciñas en momentos de celebracións familiares ou de festa, pero noutras pódense ver mulleres en profesións habituais no noso xénero, como comadronas, pero tamén noutras «vetadas» antano, no caso das ferreiras ou das bombeiras forestais. Xurdiu a idea de montar unha exposición, pero ao non ter material de abondo os dous departamentos contactaron coa empresa de fotografía Bernabé, co etnógrafo ourensán afincado no Deza Emilio Araúxo e co coordinador do centro cultural Vista Alegre, Alfredo López. Foi así como se superou o cento de fotos nun libro «que é moi agardado polas avoas», apunta a docente. E é lóxica esta ansia pola publicación, porque esas imaxes dan unha idea do empoderamento (moitas veces silencioso ou silenciado) que foron construindo as mulleres dezás ao longo dos anos.
Calami, a editoril do instituto, conta para esta edición coa colaboración económica do Concello de Silleda e da Fundación Roberto Rivas. Haberá novas publicacións, «porque a intención é sacar un proxecto cada ano» e, sobre todo, porque a intención do centro é aplicar os coñecementos que vai adquirindo o seu estudantado ao entorno no que naceu e vive. É curioso que un centro educativo teña imprenta propia, pero non é nada novo. A película «El maestro que prometió el mar»,estreada en 2023, recolle a historia de Antoni Benaiges, un mestre republicano asasinado durante a Guerra Civil e que durante a súa etapa docente chegou a ter unha pequena editorial no colexio onde impartía clase. Está claro que este tipo de aprendizaxe activa funciona nas aulas: na editorial Calami están traballando estudantes de distintos cursos e incluso unha antiga alumna.
Danza e nomeamentos
Trala presentación de onte, as actividades do Día da Muller Rural continuarán hoxe ás 20.30 horas na Praza Siñor Afranio, co nomeamento de Tamara Blanco como (in) Visiblle 15-O. A continuación, a compañía Máisquedanza ofrecerá o seu espectáculo «Fume». Tamara Blanco é enxeñeira forestal (un sector que por tradición está moi masculinizado) e na actualidade traballa en Tragsatec.
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- Detenido un vecino de Vigo que estaba lanzando botellas de cristal desde una planta de Vialia hacia la plaza de los cines
- Saca fotos «furtivas» para denunciar la casa de sus vecinos en Nigrán y acaba condenado por violar su intimidad
- Los últimos porteros de Vigo
- «No trato de ser espiritual, para eso ya hay grandes santos»
- La colosal Navidad de Vigo al desnudo: guía completa para disfrutar de sus 12 millones de luces
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- La Policía investiga si la agresión de un compañero de residencia causó la muerte de Encarnita Polo