Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rodeiría de Outono

Camba celebra a cuarta edición cunha andaina pola Ruta dos Muiños e visitas á planta de electricidade e os petróglifos de Río

Os participantes 
na andaina 
diante da típica
casa de Augusto 
Vence, en Río. 
|  Manuel Seixas

Os participantes na andaina diante da típica casa de Augusto Vence, en Río. | Manuel Seixas

Rodeiro

Organizada pola Asociación Cultural O Falar das Pedras, coa colaboración do Concello de Rodeiro, os veciños das terras de Camba celebraron o pasado sábado a súa IV Rodeiría de Outono, cun programa repleto de actividades culturais e recreativas.

Visita á planta eléctrica de 
Horacio Ferradás. | Manuel Seixas

Visita á planta eléctrica de Horacio Ferradás. | Manuel Seixas

A xornada comezou cunha andaina pola la Ruta dos Muíños, na que participaron medio centenar de camiñantes, que se pararon a ollar a vella planta eléctrica de Xerardo, a primeira que deu luz á vila de Rodeiro a mediados do século pasado e que aínda funciona nos nosos días, atendida polo seu actual propietario, o profesor Horacio Ferradás, quen explicou con detalle o seu funcionamento. O mesmo Horacio e a concelleira Xulia Dacal fixeron de guías pola ribeira do río Rodeiro, que neste traxecto move ata sete muíños de unha e dúas moas, de entre os que destacan polas súas dimensións o de Vicente e do Botixo, este último pertencente á casa señorial do mesmo nome, que tamén foi obxecto de visita polo seu exterior, onde tivernos ocasión de versar sobre este típico conxunto de casa grande con solaina, capela, hórreo e dependencias anexas, e tamén do castro de Vence, que dende aquí se divisa.

O muiño de Vicente, na ribeira 
do río Rodeiro |  Manuel Seixas

O muiño de Vicente, na ribeira do río Rodeiro | Manuel Seixas

Seguindo pola parroquia de Río, os asistentes á andaina visitaron a casa de Augusto Vence, na que os seus propietarios mostraron o ben conservado pombal, o hórreo de cinco claros e o pozo que ten de pía para o bebedeiro do gando. Así como un sartego procedente da antiga igrexa de Río que estaba entre a casa do Botixo e o río local, de onde foi cambiada para o actual emprazamento no século XVIII, e da que aínda se poden ollar os alicerces. No interior desta casa de labregos podentes, os visitantes ollaron o grande curro con balconada, o forno e tamén un pequeno museo etnográfico privado, con útiles da labranza tradicional, dos oficios desaparecidos e outros típicos aparellos e obxectos.

Na xornada non faltou 
o xantar. | Manuel Seixas

Na xornada non faltou o xantar. | Manuel Seixas

A ruta rematou na estación rupestre de Barbeitos, recentemente descuberta polo colectivo A Tulla de Fafián, na que poden ollarse gravados prehistóricos de entre os que destaca unha combinación de círculos concéntricos con radio, semellante á que localizamos nós hai cinco anos nas Mamoelas de Guillar, que figura no emblema da Asociación Cultural O Falar das Pedras de Rodeiro.

Xa na carpa instalada na praza pública do centro da vila, incrementouse a participación por riba dos douscentos veciños, que ao compás da música do dúo Arco Iris, deron conta do vermú e dun xantar, pagado a escote, que serviu o Mesón A Roda de Adelán. Despois houbo campionato de tute, karaoke, inchables e atraccións para os máis pequenos, e a xornada rematou con verbena a cargo do grupo Louband e o DJ Marcos Fernández, nunha calorosa noite de outono que máis parecía do verán.

Tracking Pixel Contents