«Resulta emotivo volver noutra etapa da miña vida»
Mariña tivo o seu primeiro contacto coas táboas do teatro a través das clases da EMAE. Agora, volve ao auditorio no que comezou a súa andaina profesional para estrear a obra «Boa sorte, mala fama», producida pola compañía Tarabela Creativa.

A estradense, nunha sesión da obra.
Mañá estréase no Teatro Principal da Estrada a obra Boa sorte, mala fama de Tarabela Creativa, cunha función ás 20.30 horas e entrada a cinco euros. Entre o elenco atópase a actriz Mariña Pena Blanco (26), natural do pobo, coa que falamos nas seguintes liñas.
Para comezar, Mariña, cónteme un pouco sobre este proxecto. É a primeira vez que se representa na Estrada?
Así é. Non só estreamos por primeira vez Boa sorte, mala fama na miña alma mater, senón que tamén para a propia compañía, Tarabela Creativa.
Sen desvelarnos demasiado, que nos pode adiantar da trama?
A obra nace dun proxecto de investigación que fixo Carmen Conde, unha das integrantes de Avelaíña Creativa, sobre os testemuños da emigración. Non só fala das persoas que marcharon hai cincuenta ou sesenta anos, senón tamén de quen emigrou no século XIX ou a comezos do XX. É unha visión máis persoal e humana da emigración, que vai máis alá dos relatos de éxito. Tamén se recollen as historias duras, de quen non conseguiu o que buscaba ou non chegou a volver. É un retrato máis real e emocional do que supuxo para moitos facer a maleta e marchar da casa.
Como acabou formando parte de Boa sorte, mala fama?
Coñecín a Carmen cando dirixía a Compañía de Teatro da USC en Lugo, no curso 2020–2021. Pouco despois ela comezou co proxecto, xusto cando eu quedara sen traballo, e cando me propuxo participar, metinme de cabeza.
Fáleme agora de vostede. Cando comezou a interesarse polo teatro?
Empecei na Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada, alá polo 2008 ou 2009. Primeiro con María, que era a profesora daquela, e despois con Lueiro. Estiven alí case dez anos, ata 2018, participando en moitos proxectos e producións. Por iso agora é moi emocionante volver ao teatro da Estrada, onde pasei tantísimas horas, pero xa con outra compañía e desde outra etapa da miña vida.
A súa carreira está tamén enfocada á educación. No futuro desexa seguir compaxinando ambas facetas?
Dende logo. Non penso que fose capaz de renunciar ao teatro. É algo que me enche moitísimo, que me permite coñecer xente, aprender, e desenvolver ferramentas que logo tamén aplico a outros ámbitos da vida.
Para rematar, que lle diría ao público estradense para que se anime a ir mañá ao Principal a ver a estrea?
Pois que é un exercicio moi bonito de recoñecerse un mesmo. En Galicia todos temos relación coa emigración, directa ou indirectamente, e é difícil que alguén do público non se sinta identificado. Fala de marchar, de buscarse a vida noutro sitio… Son temas moi nosos. E, por suposto, encantaríame que viñesen os veciños e veciñas da Estrada a acompañarnos.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- Una pareja crea el primer local de alquiler de trasteros de Vilagarcía
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito