A nova cara do rural estradense, en feminino
No imaxinario colectivo existe unha imaxe relativamente estandarizada da muller rural galega: un pano cubrindo a cabeza, un feixe de herba seca, un mandil de cadros... Porén, segue sendo este un retrato fiel das que hoxe sosteñen a vida nas aldeas?

De izda. a dcha., Isabel Neira, Flavia Castro y Mar Brea. / FDV
Durante séculos, o rostro do rural galego foi o dunha muller. Mulleres que traballaron a terra coas mans e coa alma, que criaron fillos e fillas, que fixeron medrar as aldeas cando moitos homes tiveron que marchar a buscar sustento lonxe. Mulleres que transmitiron de xeración en xeración a lingua, o saber popular e unha maneira de entender o mundo que só se comprende dende o campo galego. Elas foron o fío que mantivo unida a vida, o soporte das casas e das leiras, as gardiás da cultura máis esencial.
Mais o tempo pasa e con el tamén muda o papel feminino no territorio. A nova muller rural é distinta, aínda que conserve a mesma forza das anteriores. É consciente do seu valor, das oportunidades que ofrece o medio e da posibilidade de vivir no campo sen renunciar á innovación. Dende o lugar máis recóndito pode chegar alén de calquera fronteira: conecta, vende, comunica, crea marca e tece rede. É empresaria, emprendedora, artesá, creadora. E sobre todo, é libre.
Na Estrada, tres mulleres dan exemplo desta transformación. Mulleres que decidiron quedar, apostar polo territorio e converter o seu traballo nun proxecto vital.
A primeira é Isabel Neira, torneira de Berres e fundadora da marca Atalanta. No seu taller dá vida a pezas únicas, traballadas coa calma e o respecto que o rural lle ensina cada día. Isabel defende con paixón o seu oficio e tamén a súa maneira de vivir. «O rural permíteche marcar os tempos de xeito máis libre», explica. «Pero a falla de servizos públicos de calidade, como o transporte, obrígate a ser autónoma para desprazarte e dificulta o acceso a moitos servizos».
Para ela, a localización non é un obstáculo, senón parte da identidade da súa obra: «O meu taller só ten sentido na súa ubicación actual». Entre o son da madeira e o silencio do campo, Isabel atopou un equilibrio que lle permite crear sen présas, conectada coa natureza e co tempo propio. E lembra tamén a necesidade de que as administracións acompañen este tipo de proxectos: «Os concellos deberían apoiar máis o tecido económico da súa contorna, non só para emprender, senón tamén para manter un entorno vivo e dinámico».
Uns quilómetros máis adiante, entre hortas e prados, Flavia Castro cultiva o futuro dende A Horta de Flavia, tamén en Berres. A súa historia é unha liña continua que une tres xeracións: «No meu caso, a agricultura empezou co meu avó, seguiu coa miña nai e continúo eu. Xa somos a terceira xeración nesta casa dedicada á horta e á gandaría».
Flavia fala cun sorriso tranquilo, deses que nacen da seguridade de saber quen se é. «Traballar no campo é liberdade e paz. Para min é o mellor traballo que pode haber. Hai días malos, claro, pero a tranquilidade que me dá o campo non ma dá ningún outro traballo».
A súa conexión coa terra é fonda. Coñece cada recuncho da zona, cada prado, cada estación. «A miña zona é perfecta, estou nun val, sen o frío da montaña nin as néboas do río. Iso facilita moito o cultivo e a cría dos animais». E remata cunha frase que resume o seu espírito: «Estou encantadísima aquí. É a miña zona de toda a vida, e non a cambiaría por nada».
Tamén Mar Brea, apicultora en Pardemarín e responsable da marca O Mel de Brea, representa esta nova xeración de mulleres que fan do rural o seu camiño. A súa historia é un exemplo de continuidade, amor pola tradición e superación. Tras o falecemento do seu pai, Mar tomou o relevo da pequena explotación familiar e transformouna nun proxecto profesional recoñecido internacionalmente.
«Crieime no rural, vendo á miña nai e a todas as mulleres da aldea traballando nel», lembra. «Para min non era nada novo. Vivino dende pequena: as mulleres eran a maioría das que traballaban o campo». Agora é ela quen colle o testigo e quen lle dá á apicultura galega un novo impulso, con premios que cruzan fronteiras.
Non é un camiño doado. O clima, as pragas e a falta de recursos poñen a proba ao negocio. «Dependemos moito das condicións climáticas, tanto para traballar coas abellas como para a produción da colleita. Contra iso non podemos facer outra cousa que adaptarnos. O futuro da apicultura, se non se poñen máis recursos contra as velutinas e outros avespóns que veñen de fóra, é complicado. É unha loita constante».
Mais Mar non perde o optimismo nin a paixón polo seu oficio. «Se fas as cousas con paixón e porque che gustan, todo vai xurdindo», di cun sorriso sereno. E lanza un consello que é tamén unha chamada á esperanza: «Se realmente che gusta e che apaixona o que fas, nin o dubides. Para adiante! Querer é poder. Pódese vivir do rural, como o fixeron as nosas nais e antes, as nosas avoas».
O que comparten Isabel, Flavia e Mar é moito máis que o territorio: é unha maneira de entender a vida. Todas elas representan unha xeración que non quixo marchar, que escolleu reinventar o rural dende dentro, dándolle valor ao traballo artesanal, á produción sostible e á economía de proximidade. Son mulleres que tecen rede entre elas, que se apoian e que serven de inspiración a outras que soñan con emprender dende a súa aldea. Porque o futuro do campo galego non é un regreso ao pasado, senón unha nova forma de mirar o que sempre estivo aí.
As súas voces compoñen un retrato coral dun rural que muda e se reafirma. Mulleres que crean, producen e sosteñen o territorio con talento e convicción.
- El primer ‘coliving’ de Vigo estará en Bouzas y tendrá gimnasio y piscina
- Lorena, madre de prematuras: «En Vigo tenemos una unidad de neonatología top; sienten a los bebés como propios»
- Mueren en la misma semana los padres de Mari Carmen, la tripulante desaparecida en el “García del Cid”
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Un autobús se hunde en plena avenida de Madrid tras ceder el asfalto
- Lalín estrena curas
- Revolución urbana en la Plaza de España: acelerón a los cambios en la puerta de bienvenida a Vigo
- La avanzadilla turística, inmune a la borrasca: «Escuchamos tanto hablar de la Navidad de Vigo que teníamos que venir a verla»