Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tamara Blanco, rostro silledense da «muller rural»

O Concello elixe a esta enxeñeira forestal como ‘(in)Visible’ do seu día internacional

Tamara «Tatty» Blanco Calviño.

Tamara «Tatty» Blanco Calviño.

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Silleda

Tamara Blanco Calviño pon cara ao Día Internacional da Muller Rural en Silleda, que se conmemora cada 15 de outubro. Recibirá a homenaxe do Concello como (in)Visible 15-O no marco dos actos programados para este venres pola Concellería de Igualdade.

Tatty –como é máis coñecida– Blanco Calviño, de 36 anos, é lalinense de nacemento, pero reside en Silleda desde hai anos e está fondamente vencellada ao municipio trasdezao, onde ten raíces familiares e unha traxectoria vital marcada pola relación co medio rural. Criada entre o pobo e a aldea, viviu de preto a realidade das explotacións gandeiras e leiteiras, experiencia que lle espertou a curiosidade polas plantas e a vocación por coidar da natureza.

Esa paixón levouna a cursar o Ciclo Superior de Forestais en A Granxa (Ponteareas) e, posteriormente, a converterse en enxeñeira técnica forestal, formándose entre a Escola Politécnica Superior de Lugo e a Universidade Federal de Santa María, en Rio Grande do Sul (Brasil).

O seu percorrido profesional no sector forestal comezou como peón de incendios, asumindo con dedicación todas as categorías: condutora especialista, xefa de brigada e técnica de maquinaria pesada nos distritos forestais XVI e XVIII (Deza-Tabeirós e Vigo-Baixo Miño). Tamén percorreu Galicia facendo sinalamentos de madeira en pé e exerceu como inspectora técnica no Banco de Terras de Galicia e nas Aldeas Modelo.

Ademais, imparte cursos de formación a brigadas de incendios forestais, transmitindo coñecementos e experiencia a novas xeracións de profesionais. Actualmente traballa en Tragsatec, dentro da encomenda de actualización da base de datos da xestión de augas da Confederación Hidrolóxica Miño-Sil, no marco do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).

O seu exemplo simboliza a presenza crecente das mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado: «O sector forestal segue a ser minoritario en mulleres, pero cada vez somos máis as que deixamos pegada como enxeñeiras, axentes forestais, bombeiras ou motoserristas, grazas ás compañeiras que abriron camiño e aos compañeiros que nos respectaron por igual», sinala Tatty Blanco.

O acto de recoñecemento terá lugar o venres 17 de outubro ás 20:30 horas na Praza Siñor Afranio, no marco da celebración do Día da Muller Rural, que inclúe o espectáculo Fume, da compañía Máisquedanza. «Con esta homenaxe queremos poñer en valor o traballo das mulleres que, como Tamara, coidan, producen e fan medrar o rural galego, sendo referentes para as novas xeracións», engade a rexedora, Paula Fernández Pena.

Tracking Pixel Contents