Entrevista | Xosé Álvarez Castro Historiador e divulgador
«Despois destes anos, o que máis me impresiona é a extensión da represión»
O vindeiro sábado 18 de outubro, o Colectivo Capitán Gosende fará entrega do 4º Salvoconduto de Honra a Xosé Álvarez Castro (Pepe Álvarez), en recoñecemento á súa incansable labor a prol de Galicia, da memoria histórica e da galeguidade. O acto, aberto ao público, celebrarase ás 12.00 horas no Campo das Laudas de Meilide (Cerdedo), seguido dun xantar de confraternidade en Forcarei.

O galardoado. | Rafa Vázquez
Tras unha vida dedicada á investigación, divulgación e defensa da memoria histórica do pobo galego, Xosé Álvarez recibe este destacamento, sobre o que nos fala, entre outras cousas, nas seguintes liñas.
Como recibiu a nova de ser distinguido co IV Salvoconduto de Honra por parte do Colectivo Capitán Gosende?
Recibín a nova nun acto que se celebrou na honra dun dos membros de Capitán Gosende, o amigo e compañeiro Soto pero non se fixo pública ata agora. Ten un valor moi grande para min porque son campos de traballo nos que traballei durante toda a vida e, ademais, síntome moi xunguido ás tarefas deste grupo co que teño moita relación dende sempre e unha grande admiración polo incansable traballo de investigación e divulgación que realizan nestes campos.
Cal é a súa valoración do traballo que vén desenvolvendo o Colectivo Capitán Gosende nestes anos?
É moi alta; por varias razóns: o seu compromiso coa divulgación, a diversidade de aspectos cos que traballan, a autoría dun proxecto que é referencia a nivel estatal do tratamento da memoria das vítimas como é a iniciativa pioneira do Campo das Laudas, a súa independencia tanto nos enfoques do traballo como na base económica, non dependentes de administracións ou grupos que puidesen condicionalos.
Que importancia ten, ao seu ver, que existan colectivos como este nas vilas e comarcas galegas?
As iniciativas deste tipo, a pesar de que neste caso xa trascende o local, son moi importantes porque achegan estes coñecementos e experiencias máis próximas á poboación que, deste xeito, poden facelas súas e aprender a valorar o seu contorno, tanto ambiental, patrimonial como histórico e facelo seu e defendelo.
Sentíase dalgún modo vinculado a Capitán Gosende antes deste nomeamento?
Dende a súa fundación e tamén en iniciativas anteriores de distinto tipo, coincidín co grupo dos Gosende; úneme ademais relación de amizade con eles, de compartir labores de investigación e intercambio de documentación. Nada de Capitán Gosende considero alleo e síntome moi a gusto de participar en moitas das súas actividades.
O seu labor está moi ligado á recuperación da memoria histórica. Que foi o que o levou a centrarse neste ámbito?
O meu interese sobre todo o relacionado co período da 2ª República e franquismo ven de lonxe; coido que influíron as conversas na familia pois sempre me falaron destes temas e . aínda que a miña formación levoume polo terreo das ciencias, anos despois cursei tamén a licenciatura en xeografía e historia que me dou unha base metodolóxica para este traballo e acabei especializándome neste tema, aínda que sen descoidar os outros.
Que descubriu ou que o impresionou máis durante o proceso de investigación sobre a represión franquista en Pontevedra?
A extensión da represión, que abarcou todas as facetas: física, económica, psicolóxica...e o oculta que estaba (e está) para gran parte da sociedade. De xeito persoal o que máis me impresiona son as cartas que escribiron os fusilados cando estaban en capela e dirixidas aos seus familiares, en especial ás nais. Cartas como a de Jacobo Zbarsky ou Segundo Abal, son imposibles de ler sen estremecerse.
O seu blog Pontevedra nos anos do medo leva xa moitos anos activo. Que papel cre que teñen os blogs e as redes na divulgación histórica hoxe?
Os blogs e redes teñen un papel fundamental na divulgación pois achegan inmediatez, acceso a públicos que non utilizan publicacións escritas, posibilitan interacción coas persoas lectoras, que poden achegar información, críticas, etc. Ofrecen tamén un número de lectores ao longo do tempo mkoi superior ao das publicacións escritas.
Que dificultades atopou ao longo da súa traxectoria para investigar e divulgar temas tan sensibles como a represión?
As dificultades máis grandes coas que nos atopamos son de tipo acceso a determinados arquivos debido a trabas legais ou a falla de medios nos propios arquivos. En canto a dificultades no referido a relacións con familias de vitimarios nunca tiven o menor problema e teño boa relación con moitas delas pois eles non son responsables do que fixeron os seus antepasados. Sempre tiven presente que se debe ser rigoroso no tratamento dos temas e saber que a historia non é de brancos e negros pois o que predominan son os grises e as circunstancias do momento son moi determinantes.
Que papel considera que debería xogar o ensino na transmisión da memoria histórica ás novas xeracións?
Un papel fundamental de cara a comprender o pasado para poder interpretar os tempos actuais e como será o futuro.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- Una pareja crea el primer local de alquiler de trasteros de Vilagarcía
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito