Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Loita Amada presenta o seu terceiro disco «Resistir é vencer»

Dará un dobre concerto hoxe e mañá na Gentalha do Pichel de Santiago

Imaxe promocional do novo disco de Loita Amada.

Imaxe promocional do novo disco de Loita Amada.

REDACCIÓN

A Estrada

Loita Amada publicou en todas as plataformas o seu terceiro disco baixo o título «Resistir é vencer». Gravado nos Estudos Garate de Andoain (Guipuzkoa) en abril deste ano 2025, novamente baixo a produción de Kaki Arkarazo, a banda deléitanos co seu son máis pulido ata o momento e perfecciona a fórmula que os fixo xirar nos últimos tempos polos festivais e salas de Galiza, Euskadi e Cataluña.

Pablo Carracedo, Jásper; Amós Varela; Xiana Naval; Alberte Fernández; Davide Salgado e Ana Novo compoñen unha formación que publica desta maneira o seu terceiro disco en tres anos. Para o estradense Jásper este é sen embargo o primeiro desde que Loita Amada conformou o «grupo musical que queriamos», un entendemento que quixeron plasmar nun disco no que todos aportaron na súa creación.

Once son os cortes nos que se plasma a súa poesía revolucionaria sobre unha base de rock duro con variadas influencias como punk, folk, metal, reggae, ska, pop, tradicional... A temática tratada amosa desde «a pasividade de Europa fronte ao xenocidio do pobo palestino, a impotencia experimentada no activismo político e musical ata a dignificación do legado dos nosos avós e avoas sempre deixando espazo para o amor ben sexa platónico ou o que se sinte por unha irmá». «A base segue sendo o noso característico rock duro pero cheo de matices e cores», afirma Jásper.

Este disco será presentado hoxe e maña na Gentalha do Pichel. Será nunha dobre xornada que comeza hoxe cun concerto. Para mañá está previsto un xantar –xa pechado para 40 persoas– seguido de foliada e dunha rolda de conversas coa participación de diversos amigos da banda. A xornada finaliza cun segundo concerto ás 21.30 horas. Salvo os concertos, o resto de actividades son de balde.

Tracking Pixel Contents