Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Curro, un porquiño de premio

A Estrada entrega a Macarena García e Iria Rodríguez o galardón Alberte Quiñoi de álbum ilustrado

De esquerda a dereita,
Valcárcel, Seoane, García
e Rodríguez, onte.

De esquerda a dereita, Valcárcel, Seoane, García e Rodríguez, onte.

A Estrada

A sala de xuntas do Concello da Estrada acolleu este xoves ao mediodía o acto de entrega do V Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, un galardón convocado polo Concello coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e da Editorial Galaxia. Nesta edición, as gañadoras foron a escritora Macarena García Vicente e a ilustradora Iria Bermúdez Rozas, ambas procedentes da docencia na primeira etapa educativa, o que lles permite coñecer de preto o público ao que se dirixen: os lectores máis novos. A súa obra, Un porquiño polo San Martiño, foi presentada baixo o pseudónimo «Lacón e grelos» e destacou entre as 13 propostas concorrentes.

O acto estivo presidido pola concelleira de Cultura, Lucía Seoane, acompañada por Sara Valcárcel, en representación da Editorial Galaxia, e polas propias premiadas. Seoane subliñou o carácter consolidado do certame: «Hoxe é un día deses felices, non podía ser doutro xeito, xa que entregamos un ano máis este consolidado galardón literario». Engadiu que, malia ser un premio relativamente recente, «cada vez colle máis forza» e sumouse «ao aplauso que emitiu o xurado ás gañadoras desta edición, que presentaron unha magnífica obra onde narración e ilustración van ben collidiñas da man e á que lle auguro unha moi boa acollida».

Pola súa banda, Sara Valcárcel quixo destacar a relevancia do formato: «Hai que poñer en valor o álbum ilustrado, que é capaz de contarnos historias que nos cheguen á alma, como é a de Curro, un porquiño feliz, ata que un día escoita algo que fai que cambie o seu ollar». Engadiu que se trata dunha obra que «mestura comedia cunha mensaxe moi importante: a do respecto pola vida», e louvou o traballo conxunto das creadoras: «Tanto Macarena como Iria fixeron un moi bo traballo, cada unha dende o seu lugar, xa que non é doado que narración e ilustración falen o mesmo idioma, como acontece neste caso».

As premiadas amosaron a súa emoción ao ver o seu proxecto convertido xa nun libro físico, dispoñible nas librarías. Explicaron que o idearon especificamente para presentalo ao Alberte Quiñoi e que desde o inicio tiveron claro o enfoque: «Sabiamos que queriamos unha temática de aquí, da terra. E nada hai máis propio que o refraneiro», sinalaron, en alusión ao dito popular que inspira o título.

O fallo emitiuse en maio deste ano, e xa daquela, o xurao, composto por Sandra López Díaz, Sara Valcárcel Maceira, José Tomás Díaz Teijo, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, destacou a coidada estética do álbum, a integración entre texto e ilustración e o seu tratamento sensible e honesto do respecto animal. Por outra banda, ademais da publicación da obra, as grañadoras recibiron tamén unha dotación económica de 4.000 euros.

Tracking Pixel Contents