Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha zarzuela con ADN estradense

Os próximos 25 e 26 deste mes, o Teatro Principal acolle as funcións da Zarzuela de Montelongo, un clásico que chega ao escenario estradense da man dunha nova colaboración entre diferentes formacións da Fundación Cultural, como son a EMAE, a Banda Municipal, a Coral Polifónica e Tequexetéldere.

Representantes das diferentes agrupacións xunto a Lucía Seoane durante a presentación.

Representantes das diferentes agrupacións xunto a Lucía Seoane durante a presentación.

A Estrada

A Estrada prepárase para vivir unha cita cultural con sabor histórico. O vindeiro 25 e 26 de outubro, o Teatro Principal acollerá a estrea da Zarzuela de Montelongo, unha obra con raíces fondas na identidade galega que segue vixente incluso un século despois da súa creación. As funcións serán ás 20.00 horas o venres e ás 19.00 horas o sábado, con entradas a 5 euros dispoñibles dende hoxe no departamento de Cultura da Casa Consistorial.

Pero esta non é unha zarzuela calquera: é unha zarzuela con ADN galego e da Estrada, como subliñou con orgullo a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, durante o acto de presentación. «É un orgullo poder traer esta peza. Unha zarzuela con ADN galego, e ademais das poucas que existen na nosa lingua», afirmou, destacando tamén as «sinerxias creadas baixo o paraugas da Fundación Cultural», que permiten unir esforzos de catro agrupacións locais: a Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE), a Coral Polifónica de A Estrada, o Conservatorio de Música e o grupo de baile Tequexetéldere.

Un cartel de luxo para un proxecto con selo estradense, que ademais conta coa ilustradora local Sara Valcárcel no deseño dos escenarios e da imaxe gráfica promocional da montaxe, facendo deste un traballo coral no sentido máis literal da palabra.

Unha peza pioneira

O director teatral Julio Cores, encargado de guiar o elenco nesta aventura, explicou a orixe desta zarzuela galega, asinada en 1924 por Bernardo del Río, e que chega agora reinterpretada con novas voces, novas caras e o mesmo espírito reivindicativo. «Foi estreada nun tempo no que o galego apenas tiña presenza fóra do folclore. Era unha forma de resistencia cultural, de darlle vida e dignidade á nosa lingua», relatou Cores, acompañado no acto por Javier Comesaña, director da Banda e da Coral, e por José Garrido, responsable dos bailaríns de Tequexetéldere.

A trama é sinxela pero universal: dous labregos mozos namorados, un entorno rural, e unha sucesión de enredos cheos de humor, emoción e tamén conflito. A linguaxe popular, o retrato das costumes e o toque de ironía converten Montelongo nun documento cultural tanto como nun espectáculo musical.

Os solistas Jacobo Rubidles e Indra Sesti encarnarán á parella protagonista, mentres que Gonzalo Valcárcel e Chus Sánchez completan o elenco principal. «É unha obra que chega a todos os públicos, porque fala da nosa xente, da nosa fala e das nosas emocións», subliñou Cores.

Do pasado ao presente

O director da Banda de profesores do Conservatorio e da Coral Polifónica, Javier Comesaña, definiu a peza como «moi ben escrita técnicamente, pero tamén moi intuitiva, que reflicte á perfección a cultura popular galega». Porén, a súa readaptación non estivo exenta de desafíos. Un deles, as limitacións técnicas do auditorio estradense: «Ante a falta de foso, tivemos que reducir o número de músicos. A partitura orixinal estaba escrita para 50 instrumentos, e agora contamos con só 10, o que nos obrigou a unha transcrición minuciosa», explicou Comesaña.

Para facer sitio aos músicos, as dúas primeiras filas do patio de butacas retiraranse, o que reducirá lixeiramente o aforo pero permitirá que a sonoridade e a visibilidade sexan óptimas. «Queremos que o público viva a experiencia sen perder detalle, cunha posta en escena coidada e próxima», engadiu.

Unión e identidade

Dende o colectivo Tequexetéldere, José Garrido expresou o seu agradecemento por formar parte dunha iniciativa destas características. «Xa participamos nas representacións levadas a cabo noutras localidades, e candos nos ofreceron voltar na Estrada, aceptamos sen pensalo», compartiu.

A concelleira Lucía Seoane pechou o acto animando aos veciños e veciñas a asistir a este acontecemento. «Agardamos esgotar entradas. Será un éxito, non só pola calidade artística, senón polo sentimento compartido que hai detrás. É unha homenaxe á nosa lingua, á nosa música e á nosa xente», afirmou.

E é que A Zarzuela de Montelongo promete ser moito máis que unha representación teatral: é unha viaxe no tempo, unha celebración da identidade e unha mostra de orgullo polo propio. Un século despois da súa creación, esta obra segue voltando á escena para lembrar que, cando a cultura se fai en galego e dende o corazón, o resultado fala por si só.

Tracking Pixel Contents