Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xosé Luna, un profeta lonxe da súa terra

O mestre e escritor foi homenaxeado en Berres, parroquia coa que mantén unha especial relación dende hai anos

Luna recibe un agasallo de
 mans de Manuel Villar.

Luna recibe un agasallo de mans de Manuel Villar.

A Estrada

O escritor e mestre estradense Xosé Luna naceu na Estrada, concretamente no número 86 da rúa Bedelle –para os máis novos, a rúa Serafín Pazo–. Esa circunstancia, porén, non lle impediu facer amigos alá por onde chegou. Un bo exemplo é a especial relación que mantén con Berres, terra de escritores e dunha coral que xa cumpriu 25 anos de vida. Esa agrupación quixo renderlle homenaxe nun acto organizado na igrexa parroquial e contou coa presencia de numerosos amigos e autoridades.

Dende a coral destacaron a «íntima relación literaria e musical» que ambos manteñen dende a súa fundación no ano 1999. Case tres décadas nas que a Coral de Berres participou poñendo a súa voz en multitude de presentacións de libros do autor. Asemade, a formación musical ten participado no ano 2009 na inauguración da Biblioteca Xosé Luna de Guimarei; no libro disco A Estrada da Vida, facendo os coros ao cantautor Manoele de Felisa e, máis recentemente, nun concerto mesturado cun recital poético do propio Xosé Luna Sanmartín. Por outra banda o escritor ten impartido charlas sobre Avelina Valladares no marco das Semana Cultural de Berres e ten actuado de presentador en múltiples eventos organizados pola Coral Polifónica de Berres.

A homenaxe tivo lugar o sábado á noitiña no transcurso do Concerto de Outono organizado polo conxunto vocal na igrexa parroquial de San Vicente de Berres. No recital participaron, amais da agrupación anfitriona, as corais San Telmo de Tui e La Moraña de Arévalo (Ávila), e mailo Coro Urepel Abesbatza de Sopelana (Biscaia).

«Na nosa agrupación coral; ademais dos integrantes que participan activamente cantando; hai persoas que colaboran e están ao noso lado, apoiando as nosas iniciativas e acordándose de nós para poñer banda sonora ás súas historias de vida. Unha desas persoas é Xosé Luna, un mestre e escritor ao que, desde fai anos, consideramos amigo e ao que debemos a honra e o orgullo de deixarnos participar no seu camiñar pola súa estrada da vida, nos seus momentos máis especiais. Ese é Xosé Luna, unha persoa á que lle gusta camiñar pola vida sen facer ruído, sen molestar...pero deixando unha forte pegada de emoción e paixón aló por onde pasa. Esa persoa que fai da natureza un poema, do silencio un verso e das palabras música recitada . Por todo iso, moitas gracias Xosé», relataron desde a coral polifónica no marco deste acto.

Luna Sanmartín, pola súa banda, recitou dous poemas compostos en homenaxe á coral e a toda a parroquia de Berres e as súas xentes. «Se algo sei de música de corais é grazas a esta xente que sempre me acompañou no meu camiño», afirmou tralo recoñecemento. Asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Política Lingüística, José López Campos, e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao.

Tracking Pixel Contents