Entrevista | Jose Carlos López Campos Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e exalcalde da Estrada
«Toca renovar o partido con caras novas e con Gonzalo Louzao como líder»
José López Campos abandonou a presidencia do PP da Estrada. Fíxoo quince anos despois de tomar las rendas dun partido en crise e dividido despois da derrota nas eleccións de 2007. Finalizado o seu ciclo para converterse en conselleiro, López Campos analiza o camiño recorrido e tamén a renovación de caras que se levará a cabo no próximo congreso. O exalcalde defende o traballo de Gonzalo Louzao, quen asumirá plenos poderes para levar a cabo esa reforma.

López Campos entregará o testigo como presidente do PP da Estrada a Gonzalo Louzao despois de quince anos. | Bernabé/Ángel Abeledo
-Recordo cando, alá polo como comezo dos anos 2.000 escoitei que se ía meter en política. Bo traballo, familia, deportista de éxito... pensei que estaba tolo e que se acabaría arrepentindo. Que foi o que o levou a meterse neste mundo e, o que máis me intriga, xa se arrepentiu?
-Un nunca sabe por onde o vai levar a vida. Naquela época eu tiña un local na zona dos viños e aquelo era un fervedoiro de xente. Alí falábase moito de política e de temas de actualidade. Por alí viñan Maceira, Reboredo, Constenla... e sempre lambéndonos as feridas do mal que estaba A Estrada, que se quedaba un pouco atrás mentres outros concellos medraban. Sabiamos que había que cambiar cousas e así foi como rematei dando un paso á fronte e ofrecinme a entrar no partido. Eu non tiña ningunha vinculación política pero si tiña inquietude por colaborar. Disto fai 23 ou 24 anos. Foi no 2003 cando entrei nas listas de Ramón Campos. Botando a vista atrás diría que foi un orgullo e aprendín moito daquela etapa. Foi algo que me marcou persoalmente. Sentinme útil.
-Entra moi novo como concelleiro de Industria, un cargo importante, e rodeado de políticos curtidos e de peso. Que aprendeu daqueles anos?
-Houbo dúas persoas das que eu aprendín moito neste mundo. Un deles estaba no noso equipo, Reboredo. Era e sigue sendo unha persoa cun carácter propio. Catro anos despois el remataría tomando a decisión de dar un paso á fronte cun proxecto arriscado. A outra persoa da que aprendín moito foi con Espiño. Era un rival político e eu enfrontábame a el en moitos plenos. Sendo tan novo tiña ese ardor guerreiro e discutiamos moito. El sen embargo era capaz de collerme polo brazo ao saír de alí e levarme a tomar un viño para falar. Era una persoa cunha retórica e un debate fantástico. Iso esixíache ir aos plenos moi ben preparado. Aprendín moito dos dous, especialmente nos catro anos de oposición nos que tiven que entrar como portavoz. Era un momento complicado, no que tiña diante a Dono, un político dun nivel moi alto, cunha bagaxe política importante e con moita carga ideolóxica. Era un candidato moi potente. Os anos de oposición foron como un máster, intentando recompoñer o partido, apagando lumes e tentando construír un novo futuro para o partido. Foi un gran reto.
-Estamos a falar do ano 2007, no que pode considerarse o peor momento da historia do seu partido na Estrada. Poñámonos en situación. Marcha Ramón Campos e a súa sucesión atragántase. De la Calle, Maceira, Reboredo… e o resultado? Derrota nas eleccións municipais. Agora que xa se pode falar deses convulsos meses, como o viviu?
-Era a típica situación de fin de ciclo. Ramón levaba quince anos de alcalde e non había un relevo natural dentro. Era difícil atopar alguén que aglutinase a todo o partido. Todos notábamos que tocaba transición e que ía ser unha transición complicada. Miguel de la Calle foi unha persoa que eu admirei nese momento. El vía as cousas desde fora do partido e estaba moi ilusionado pero non saíu ben. Esa derrota serviu sen embargo para poder levar a cabo unha reciclaxe total dentro do partido. Unha catarse drásticas. Eses procesos nunca sabes como van saír. Había a sensación de que había que tocar fondo para volver a levantarse. Aí, unha das persoas claves foi Reboredo. Eu falaba moito con el e con Juan Torres. Sabía que para volver gobernar na Estrada so había un camiño. Non podiamos presentarnos ás eleccións por separado. Aínda que houbese boa sintonía, ir separados era algo que nos ía penalizar electoralmente. Así pasou nas eleccións do 2011, onde necesitamos ata o último voto para gañar. Reboredo tivo nese momento a intelixencia de dar un paso a un lado. Foi unha persoa que o dou todo a cambio de nada. É algo que sempre llo recordo. El confiou nese momento en min e nesa pequena oportunidade que tiñamos diante.
-Tras ese momento de crise interna é cando vostede precisamente asume a presidencia do PP na Estrada.
-O partido soubo entender nese momento que había que cerrar filas en torno a unha persoa que naquel momento era bastante nova. Todo o mundo, incluso aquela famosa infantería de alcaldes de barrio de Ramón Campos, me apoiou e xerouse unha ilusión en torno a min. Vendo agora con perspectivas creo que naquelas eleccións de 2011 tiñamos unha oportunidade entre dez de gañar e saíu ben.
-Cando vostede asume a presidencia asume una reforma interna do partido, creando un equipo e unha lista con moitas caras novas, incluso con xente que non estaba no PP. Hai que dicir que ese equipo mantense con poucos cambios quince anos despois. Entendo que esa estabilidade foi importante para o partido.
-Tiña claro que había que romper co anterior e por iso apostei por meter xente nova, algún dos cales nunca tiña pensado meterse en política. Creo que atopamos diferentes perfiles que foron encaixando no proxecto. É paradóxico sen embargo que despois desa renovación pasamos catro mandatos e non renovamos case nada ata agora. Eu son unha persoa que cree na xente e nos equipos. Cando tes un grupo que funciona é bo mantelo. Na política local tes que xestionar problemas pero tamén equipos e persoas. Iso non é fácil. Cada persoa pode ter as súas expectativas e a política local é sacrificada. Manter unido o grupo e cun proxecto claro era clave. Neste equipo nótase por exemplo o sesgo xurídico, con Berto e Amalia. Iso respondía a ao noso gran obxectivo cando chegamos, que era aprobar o PXOM. Foi un tema duro a nivel xurídico, que coleou durante anos. Sen esa xente no equipo ao mellor non o teriamos logrado. A aprobación dese plan xeral e o que vivimos desde dentro foi unha das cousas máis duras que pasei.
-Ese PXOM foi sen dúbida un apoio importante para os seus anos de mandato, permitíndolle sacar adiante un gran número de proxectos. Con cal se queda?
-O PXOM permitiunos soñar. A Estrada sen plan non tiña futuro. Xa con el, necesitábamos solo e a nosa opción foi A Baiuca. Era un tema que xa viña da época de Reboredo, que xa plantexara no seu momento a idea de converter A Baiuca nunha zona de servizos públicos. Era unha idea que moitas veces barallamos cando pensábamos nun futuro para Estrada. Non foi sinxelo. Ver ao final como ese proxecto se materializou é moi satisfactorio. Na política local poden pasar anos e non dar levado a cabo os teus proxectos. Nós sen embargo logramos sacar adiante moitas das cousas que imaxinamos. Pasamos daquel pesimismo co que mirábamos A Estrada no 2003 a unha dinámica hoxe día na que falas dunha autovía que é una realidade, dun polígono industrial cun proxecto potente ou de peatonalizacións.
-Non se pode negar que antes de irse deixou os deberes feitos e todo atado, non como Campos no seu día. Gonzalo Louzao foi o escollido, sen debates nin rupturas. Agora comeza o seu camiño. Alcalde, presidente do partido, eleccións á volta da esquina… Como está vendo ao seu relevo?
-Gonzalo é unha persoa cunha capacidade de traballo enorme e un político coas ideas moi claras e cun bo proxecto para á Estrada. Poder cederlle o testigo a unha persoa así é un éxito. Na política hai que saber chegar e saber marcharse. Eu cheguei, fíxeno o mellor que puiden e agora voume con dignidade. Que o presidente pensase en min para unha consellería é un orgullo. Para min Rueda é un referente no persoal e no político. Poder compartir este reto con el era algo que me atraía moito. Facelo sabendo que isto quedaba nas mellores é moito máis sinxelo. Se chego a ter dúbidas sobre este relevo sería máis complicado dar este paso. Cando xurdiu esta posibilidade eu falei co equipo e dixen que Gonzalo era a persoa axeitada pensando no futuro e todos o entenderon. Non estaba pensado pero era o lóxico. A partir de aí, o comportamento do equipo foi de dez. Todos están empuxando aínda máis do que o estaban facendo antes. Ver o seu nivel de compromiso e traballo é moi satisfactorio.
-Non lle quedou unha espiña cravada pola súa forma de marchar, a medio mandato?
-A miña sensación realmente é que nunca marchei. Sigo estando no mesmo equipo pero noutra posición. É certo que estar la Xunta require moita dedicación e horas de traballo e preparación. Xogas noutra división e ás veces dá certo vertixe. Iso sen embargo non me impide ser un gregario máis no partido a nivel local. A partir de agora son un máis do equipo. Na política e a nivel xeral é importante ser una persoa útil. Todos temos as nosas virtudes e defectos pero todos debemos entender o lugar que nos toca en cada momento. O equipo e o proxecto son sempre o máis importante. Agora o PP ten un líder incuestionable que é Gonzalo, que ten que tomar as súas decisións. Sempre lle digo que é importante ser humilde e escoitar á xente. Se fas iso e dás o mellor de ti mesmo tes moito camiño feito. Gonzalo ten ademais moi claro o seu proxecto.
-Seguro que o chama as veces para pedirlle consello.
-É certo que falamos moitísimo. Ao mellor non de chamadas pero si con mensaxes. Non para darlle consellos. Máis ben para resolver algunha cuestión ou temas que veñen de atrás. Temos unha relación saudable porque a experiencia que che aportan os anos tamén é importante tela en conta. As veces aprendes máis do fracaso que dos acertos. Eu pasei anos duros na oposición e iso sirve para ver as cousas desde outra perspectiva.
«Se fose hoxe seguramente tería feito unha cousa distinta coa reforma da alameda»

O conselleiro, durante a entrevista concedida a FARO.| / Bernabé/Ángel Abeledo
-Unha pregunta tópica, se puidese volver atrás tería cambiado algo do que fixo nestes quince anos?
-Si. Recordo por exemplo as críticas polo tema da alameda e do formigón. Eu estiven 30 anos da miña vida escoitando que a alameda non se podía ampliar. Sabíamos que era algo importante para o pobo, así que se expropiouse e ampliouse. A gran vantaxe é que agora está feito. Quen a queira modificar e facer un proxecto distinto pode facelo. Sobre o proxecto, se fose agora seguramente tería feito unha cousa distinta. O que teño claro é que a ampliación tiña que facerse. Tamén foi duro en moitos momentos o tema da xestión do persoal, co tema da RPT. Moitas veces tomas decisións nun momento coa información que tes. Falo pensando que é o mellor. Co tempo sen embargo dáste conta que a decisión podería ter sido distinta. Cando tomas centos de decisións cada día é normal que algunha vez non tomes a máis correcta. Creo sen embargo que o balance de todos estes anos foi, humildemente, moi positivo.
-Vese vostede ben na súa mudanza a Santiago. Era algo que necesitaba a nivel persoal?
-Todo ten un ciclo e as alcaldías teñen un nivel de dedicación e de esixencia altísimo. Tes que ser ademais capaz de manter ese nivel para que a xente manteña a túa confianza en ti. Es a cara visible dun partido e preséntaste ás eleccións cada catro anos. Detrás de cada voto que recibes hai a historia dunha persoa que ten as súas necesidades. Iso crea un vínculo pero tamén é unha carga pesada. Méteste moito nos problemas da xente, nas situacións diarias e en situacións complicadas. Iso fai que a mochila pese cada día máis. É importante estar ao cen por cen cando estás. O traxe de alcalde non o quitas nunca. Es alcalde as 24 horas do día. Da igual se estás no súper ou vendo un partido. Ten que ser así. A política local é a política da inmediatez, da axilidade máxima. Require una dedicación absoluta e tamén un ciclo. Os cambios, se os fas ben, son positivos para o pobo. Neste caso o partido ten unha base sólida e agora ten diante un home con toda la ilusión do mundo. Gonzalo ten as ideas claras e contará cun equipo renovado. O congreso que temos o día 19 vainos permitir facer unha transformación e unha actualización e reseteo do goberno. Temos que darlle a oportunidade a unha nova xeración. Xa dicíamos que este goberno non cambiou en quince anos, con xente de 50 para arriba. Hai moita xente por abaixo que quere participar no proxecto. Xente nova con moitas gañas e forza. Ese e o futuro, non do partido, senón da Estrada. Ten que haber cambios. O liderazgo agora é de Gonzalo. Todo ten que confluír nel e ten a capacidade total para tomar decisións nese sentido. Toca renovar o partido e facer un proxecto novo, con caras novas, encabezado por Gonzalo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Homicidio en la estación de autobuses de Vigo: «Llama a la Policía que mataron a Roberto, está lleno de sangre»
- Pide ayuda para encontrar un sobre con dinero que perdió en Cambados
- La Xunta niega la jubilación a un profesor de Vigo con una depresión «irreversible» diagnosticada por tres especialistas
- Las gallinas de los corrales de 40 concellos de Galicia, confinadas para frenar la gripe aviar
- Declarar las capturas de recreo, obligatorio hasta si no se pesca
- Cinco familias demandan por acoso escolar al Compañía de María de Cangas
- Pesar en Silleda por la muerte de Vicente Dacosta a los 41 años
- El hostelero investigado por el caso del agua contaminada con sosa cáustica: «El problema vino de la botella»