Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lalín celebra o día 19 o primeiro Encontro adicado á Muller Rural

Organizado polo colectivo Piares Lalín, inclúe un faladoiro de mulleres referentes no vestíbulo municipal, seguido dun xantar-festa no Arena

Mª Eva González Brea, Raquel González González e Eva Fuentes Senra mostran o cartel da cita, flanqueadas polas emprendedoras Beatriz Rodríguez e Teresa Mouriño.

Mª Eva González Brea, Raquel González González e Eva Fuentes Senra mostran o cartel da cita, flanqueadas polas emprendedoras Beatriz Rodríguez e Teresa Mouriño.

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Lalín

Lalín celebrará o domingo 19 de outubro o I Encontro adicado á Muller Rural. Promovida por un grupo de mulleres comprometidas co territorio, coa igualdade e coa dinamización social, organizadas no Colectivo Piares Lalín, a iniciativa busca recoñecer e visibilizar o papel esencial das mulleres no rural. O encontro inclúe un faladoiro con mulleres referentes, a entrega de recoñecementos, un xantar de confraternidade no Lalín Arena e unha actuación musical de peche de celebración.

«Esta xornada nace como recoñecemento á forza, á intelixencia e á capacidade transformadora das mulleres que viven e traballan no rural e, que son, sen dúbida, columna vertebral da nosa sociedade», explica Mª Eva González Brea, en representación de Piares Lalín, do que tamén forman parte Eva Fuentes Senra, Elena Fernández López, Raquel González González e Patricia Pájaro Lamas. «Mulleres que manteñen vivo o territorio, que emprenden, que coidan, que innovan e que lideran o desenvolvemento das nosas comunidades, a maioría das veces, en silencio», afirma.

Será un acto conmemorativo do Día Internacional da Muller Rural, fixado polas Nacións Unidas o 15 de outubro, no que se poñerá en valor o papel feminino tanto nas explotacións agrogandeiras como en cooperativas e en empresas. «Sempre foi esencial no medio rural da nosa comarca e ségueo sendo hoxe en día, aínda que moitas veces se realice desde a invisibilidade», indica González Brea. A finalidade é consolidar a proposta como unha cita anual.

O programa inclúe un faladoiro con mulleres referentes galegas, con voces diversas e inspiradoras, que dará comezo a partir das 12:00 horas no hall do Concello de Lalín, tras a benvida ás persoas participantes cunha actuación de baile e música tradicional protagonizada por mulleres do rural. Tomarán parte: María Jesús Vilanova, de Viveiros Agra, Premio Maruja Gutiérrez 2025 por máis de 30 anos de compromiso co medio rural; Esther Fernández, rexente de Cárnicas Anzo, negocio que naceu no rural; Beatriz Rodríguez, de Aer Farm, Premio Maruja Gutiérrez Xove Empresaria 2025; Teresa Mouriño, de Ganadería Sampaio de Soutullo (Anseán); Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e vicepresidenta de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas); e Mónica Landeira, vicepresidenta de Mulleres de Seu.

Así mesmo, participarán as coñecidas influencers Nuska Chousa e Laura Vallejo, que «están a transformar desde as redes a imaxe do rural, construíndo unha narrativa orgullosa do rural galego». Nuska destaca polo seu compromiso coa terra, dando visibilidade ás distintas tradicións galegas, achegando consellos sobre a horta, valores que transmite a través das redes sociais, sobre todo en Instagram e TikTok, con máis de 250.000 seguidores. Laura é motoserrista e operaria forestal de profesión e conseguiu facerse un oco nun sector tradicionalmente masculinizado grazas á súa autenticidade e divulgación do traballo no monte a través das redes. Conta con máis de 130.000 seguidores en Instagram e case 130.000 en TikTok, onde comparte vídeos e imaxes do seu día a día entre árbores, maquinaria forestal e paisaxes rurais.

Estas dúas recoñecidas creadoras de contidos de orgullo do rural desde as redes ocuparanse de guiar un faladoiro no que as invitadas emprendedoras contarán a súa historia dun xeito dinámico e sen que falte o humor. «Será unha oportunidade para conectar xeracións e realidades distintas, para escoitar e aprender, e para poñer en valor a pluralidade de voces femininas que constrúen o rural desde múltiples ámbitos», apuntan desde Piares.

«Temos poderío, temos talento e temos futuro»

Ao remate do faladoiro faráselles entrega dun recoñecemento institucional ás participantes, antes de dar comezo o xantar de confraternidade, ás 14 horas no Lalín Arena, pensado como espazo de encontro, convivencia e festa.

O xantar estará composto por empanada, merluza rechea, xarrete estofado, sobremesas variadas e bebidas. As persoas interesadas en asistir deberán adquirir previamente as entradas chamando aos teléfonos 677212306 (Eva González) ou 660396771 (Eva Fuentes), abonando o importe de 30 euros, no caso de persoas adultas, e de 15€ se son nenos/as de ata 12 anos. Amenizarase a celebración coa actuación do grupo de acordeóns Os Lóstregos da Estrada.Desde Piares convidan a toda a veciñanza a participar nestes actos, a acompañar e a celebrar. «Queremos que o Día da Muller Rural sexa unha celebración da forza das nosas raíces, da terra e da vida, da tradición e do futuro», insisten. O colectivo agarda que esta «festa da amizade, da identidade e do orgullo de vivir no rural teña un bo resultado e se consolide como unha celebración estable no calendario lalinense». «Temos poderío, temos talento e temos futuro, e esta xornada é unha mostra de todo iso –subliña González Brea–. É tempo de recoñecer, de visibilizar e de celebrar o que tantas mulleres fan cada día».Piares da as grazas a todas as persoas implicadas, especialmente ás mulleres que lideran esta iniciativa e que «nos lembran, cada día, que o rural ten alma, ten voz e ten futuro», así como ao Concello de Lalín, á Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia pola súa colaboración. En definitiva, este primeiro encontro, ao que están convidadas diversas autoridades (tanto locais, autonómicas como provinciais), será unha celebración da forza colectiva que representa ser muller e ser rural.

Tracking Pixel Contents