Hoxe a clase é na eira

Durante o mes de xullo, os ensaios do grupo de pandeireta de Orazo trasládanse ás eiras das casas do alumnado.Esta iniciativa, impulsada por Xosé Martíns, combina música, tradición e veciñanza nun ambiente festivo. E así, entre pezas e merendas, recuperan o espírito das antigas foliadas galegas.

O primeiro ensaio itinerante deste ano.

O primeiro ensaio itinerante deste ano.

A Estrada

Os xoves de xullo en Orazo xa non se entenden sen o repenicar das pandeiretas, as voces entrelazadas e o arrecendo a empanada e rosquillas. A música tradicional cobra vida nas eiras, igual ca antes, pero con novo fol. A iniciativa, bautizada como Ensaios Itinerantes, xurdiu o pasado verán da man de Xosé Martíns, mestre de pandeireta da Escola de Gaitas de Barbude, e xa se consolidou como unha das propostas culturais máis singulares da contorna.

«A primeira vez que o fixemos xurdiu de xeito moi natural», lembra Martíns. «Alguén suxeriu ensaiar na eira da súa casa e pareceume boa idea. Fixémolo, pasámolo moi ben, e decidimos repetilo». Desde entón, cada semana de xullo celébrase un ensaio diferente en casa dun alumno distinto. A música sae así do local social e ocupa de novo espazos que, durante xeracións, foron o centro da vida rural: as eiras.

A proposta é sinxela e poderosa. Música tradicional en directo, en comunidade, e sen escenario. Non hai focos, pero si solpor. Non hai cadeiras de plástico, pero si bancos de madeira ou herba onde sentar. Entre peza e peza, merenda: cada anfitrión ofrece algo para picar, e a comida convértese en parte do ensaio. «É un xeito de facer comunidade, e a verdade é que todos o pasamos moi ben», asegura o mestre. Non faltan risos, contos e mesmo algunha improvisación coas cunchas ou os pés no chan.

A experiencia atrae a unhas quince persoas por sesión, e non todas pertencen ao grupo de pandeireta de Orazo. Hai veciños que se achegan por curiosidade, familiares que se suman, e mesmo membros doutras asociacións musicais da comarca que piden permiso para participar. A acollida foi tan entusiasta que, segundo Martíns, o maior problema é elixir quen será o seguinte en poñer a súa eira como aula ao aire libre. «Incluso hai certo pique san, porque todos queren acoller os ensaios nas súas casas», di, entre risas.

Pero o espírito dos Ensaios Itinerantes vai máis alá da música. É unha forma de recuperar a Galicia que moitos dos asistentes lembran da infancia: festas feitas na casa, músicas sen escenario, e veciñanza que se xunta polo pracer de estar. «Por Entroido, por exemplo, temos feito as clases nunha lareira, con filloas e chourizo. Para os máis maiores foi moi nostálxico. Así é como se celebraban as foliadas na Galicia da súa infancia», conta Martíns. E engade: «Ese tipo de conexión emocional non se consegue nunha aula convencional».

O mestre, que tamén imparte clases noutras parroquias da Estrada e da súa contorna, non ten intención de replicar a experiencia noutros lugares. «Non me gusta facer as cousas con pretensións. Prefiro que xurdan de xeito espontáneo, como pasou aquí. De momento, é algo que só facemos en Orazo, porque aquí naceu e aquí medra», explica.

Mentres soa unha muiñeira ou unha alborada, mentres as mans repenican pandeiretas e os pés marcan o ritmo, a música tradicional galega revive con forza, nun escenario de pedra, herba e amizade. A eira, que foi espazo de traballo e de celebración, recobra o seu papel central. Os Ensaios Itinerantes son, en realidade, moito máis ca un ensaio: son unha festa viva da cultura galega. Un xeito de transmitir memoria sen manual, só coas mans, a voz e a veciñanza.

Tracking Pixel Contents