Homenaxe ao fotoxornalista Manolo Seixas en Madrid

Na Casa de Galicia inaugurouse unha exposición de fotos súas con motivo dos 25 anos da doazón das campás da catedral da Almudena

Seixas, cunha placa nas mans, e o resto dos convidados. |  Lalín Press

Seixas, cunha placa nas mans, e o resto dos convidados. | Lalín Press

daniel gonzález alén

Madrid

Na Casa de Galicia en Madrid inaugurouse o pasado mércores a exposición fotográfica Soan Campás-Galicia, do fotoxornalista lalinense Manolo Seixas para conmemorar o 25 aniversario da doazón das campás da catedral de Santa María La Real de la Almudena, por parte da colectividade galega en Madrid, saídas do obradoiro Ocampo en Caldas de Reis, cun orzamento de máis de sesenta millóns de pesetas, que dende entón soan na torre-campanario deste templo, coñecida dende aquela como a Torre dos Galegos.

O acto serviu tamén para homenaxear e recoñecer ao fotoperiodista lalinense Manolo Seixas, polo seu labor durante máis de 50 anos ao servizo da colectividade galega en Madrid colaborando de xeito notable coas institucións públicas e privadas, asociacións, colectivos de diversa índole e mesmo particulares, deixando memoria gráfica de milleiros de actividades levadas a cabo na capital de España.

O director da Casa de Galicia, Luís E. Ramos, logo da inauguración da exposición do medio centenar de fotos que rememoran aquela xenerosa doazón da colectividade galega en Madrid para coa cidade que os acolleu, foi o encargado de facerlle entrega ao fotoxornalista lalinense dunha placa por parte da Xunta de Galicia, co seguinte texto: En agradecemento a Manolo Seixas Calviño, fundador de Lalín Press, pola súa relevante achega á memoria gráfica da galeguidade en Madrid.

No acto estiveron presentes o exalcalde de Madrid José Álvarez del Manzano e o cardeal Antonio Rouco Varela, que no ano 1999 participaran con Manuel Fraga na inauguración das campás da catedral e agora mantiveron un parladoiro público xunto ao exconselleiro, Xesús Palmou, versando sobre aquela efeméride, acto que foi presentado polo sacerdote lalinense Andrés Ramos Castro.

Moitos convidados

No salón de actos da Casa de Galicia, abarrotado de público, tamén estiveron presentes o deputado galego, Paco Conde; o presidente do Centro Galego de Madrid, Fernando Rey Paz e os doutros centros galegos nesta Comunidade; da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, Carlos Lema Devesa; do Club de Periodistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón; en representación dos Empresarios Galegos en Madrid, Julio Lage; dos Médicos Galegos en Madrid, Roberto Conde; e tamén houbo representantes da Agencia EFE, dos medios escritos ABC, Hola e Pronto, nos que colaborou Seixas; así como xente do espectáculo como a cantante Olga Ramos e o humorista Toni Antonio, todos eles amigos do homenaxeado, que quixeron estar presentes neste merecido recoñecemento, xunto a familiares e compañeiros chegados dende Galicia e doutros puntos de España.

Tracking Pixel Contents