Merza Mural volve conxugar arte, natureza e comunidade
O campamento arranca o 21 deste mes con 40 nenos e nenas inscritos

Deseño de camisetas na edición do Merza Mural do ano pasado. | Bernabé/Javier Lalín

Merza Mural leva xa 13 anos, con este, celebrando un campamento infantil e xuvenil na parroquia cruceña onde pón en valor a súa riqueza natural pero tamén a importancia de que nenos e maiores aprendan uns dos outros, sexa cal sexa a idade. Lembremos que Dióxenes, o filósofo que lle pediu a Alexandre Magno que se apartase porque lle tapaba o sol, aprendeu dun neno a beber auga empregando só as mans en forma de cunca.
En Merza, do 21 ao 24 deste mes os 40 nenos e nenas inscritos van colaborar coas 12 Mulleres do Batallón de Ganchillo para seguir traballando nunha manta á que comezaron a darlle forma o verán pasado. Os máis pequenos terán un labor máis sinxelo, pois está previsto que aprendan a elaborar pompóns, pero os nenos e adolescentes de máis idade terán a ocasión de collerlle gosto a calcetar. E isto é moi importante nun mundo no que estamos tamén desaprendendo a consumir roupa nova, por exemplo. Por iso, as compoñentes de ‘A que garda sempre tén’ viaxarán de Lalín a Merza para explicar no campamento cómo se fai un tapiz comunitario, a base da roupa en desuso que aporten os nenos e nenas participantes. Tamén explicarán cómo deseñar, xa empregando unha máquina de coser, un portalápices e un cubrelibros elaborados con teas.
Estas actividades terán lugar na casa de titulariedade municipal da área recreativa da Carixa, da man dun elenco de docentes que completan Leonor Boix Gende; Cristina Salvado Fortes; Irene Varela Pérez; Coral Vázquez Villanueva; Manuel Varela Pereira e Carlota Salgado Leal. O inmoble dispón dun xardín pechado e ubícase, sobra dicilo, nun dos entornos paisaxísticos de máis valor tanto de Vila de Cruces como da comarca do Deza. Por iso, Merza Mural vai dar clases prácticas de arte e de comunidade, pero tamén de natureza e de conciencia ambiental. Así, Fernando Anido impartirá unha sesión sobre a fauna e a flora do entorno do Deza e porá en marcha un obradoiro no que repasar estes contidos que, de seguro, non van esquecer os nenos e nenas nos futuros paseos pola contorna. Un equipo de media ducia de docentes porá así en marcha catro días de campamento que rematarán cunha festa, na xornada do 24, coa música a cargo de Cé Orquestra Pantasma e con xogos tradicionais que ofrece SororAs.
Para sufragar os custos deste campamento, Merza Mural tén á venta camisetas deseñadas de forma artesanal, que poden adquirirse por 10 euros no sitio web https://forms.gle/W6WW1A74B44txAHa8. Tamén estarán dispoñibles durante a xornada da festa final. Nestes 13 anos, Merza Mural contou co apoio da asociación Vello dos Cornos para poñer en marcha o campamento, que se desenvolveu incluso durante a crise do coronavirus. Dende a organización, lembran neste sentido que a veciñanza doou durante a edición dos anos do Covid desinfectantes e outro material para que tanto a rapazada como a xente maior de Merza e de parroquias veciñas puidesen compartir tempo, sabedoría e interese polo entorno.
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Olvídate de Samil: esta es la playa con el agua más caliente de Galicia (y está casi vacía)
- De Gustavo López a Jennifer López: las manos gallegas que en su día cuidaron al Celta trataron a la diva del Bronx en Pontevedra
- Turistas maleducados
- Un empresario de Santiago detenido por pertenecer a una organización criminal que defraudó 69 millones de euros con bebidas alcohólicas
- La estafa de la academia Vive Formación supera los 300.000 euros y el centenar de afectados
- El restaurante flotante de Roberto Vilar en Silgar
- Hosteleros divididos por la actitud de los peregrinos