Doade celebrou a festa de San Pedro

O Museo Etnográfico Casa do Patrón é un dos referentes culturais do municipio de Lalín

Daniel González Alén

Lalín

A pasada fin de semana, a parroquia de San Pedro de Doade celebrou a festa do seu patrón con misas cantadas, procesións coas imaxes do San Pedro e a Virxe das Dores, que os devotos levaron ata o cruceiro do campo da festa e o acompañamento musical do grupo Os Trasnos de Doade. O mesmo grupo ofreceu senllos concertos nas sesións vermús do sábado e do domingo; e na primeira xornada houbo verbena nocturna a cargo do Dúo Cristina e Lucía.

A igrexa parroquial encheuse de fieis nas misas que oficiou o sacerdote José Manuel Salgado Agromartín. É un templo que mestura os estilos barroco e neoclásico, modificado e ampliado de xeito notable no século XIX e construído sobre unha antiga igrexa románica, da que hai constancia nos documentos do século XII. Preside a fachada unha imaxe pétrea do San Pedro, que xunto coa espadana de boa cantería, son os elementos máis destacados no exterior. No interior poden verse dous retablos neoclásicos da mesma época ca igrexa, un deles dedicado á Virxe das Dores, que ten imaxe das de vestir, no que poden ollarse os símbolos da paixón de Cristo, coroado pola escena do Desencravo; o outro retablo neoclásico, coa imaxe de Cristo Crucificado de grande tamaño e con pinturas da Virxe e María Madalena a cada lado. Máis recente é o altar principal, de primeiros do século XX, que preside o patrón San Pedro, con San Roque e a Virxe María a cada lado e tamén dúas pequenas tallas do Santo Antonio e a Santa Lucía.

Ademais da igrexa, na parroquia hai unha capela no lugar do San Martiño, dedicada a este santo con festa anual que chega aos nosos días, e devoción á Virxe dos Desamparados e á Santa Isabel. Tamén no lugar de Codeseda houbo unha capela dedicada á Sagrada Familia, propiedade da familia Ramos, que actualmente reside en Lalín, onde gardan as imaxes. No Museo Casa do Patrón, hai unha réplica desa capela, na que se expoñen obxectos das distintas relixións e crenzas populares.

A Casa do Patrón

Dende hai varias décadas, o Museo Etnográfico Casa do Patrón, en Codeseda, vén sendo un dos referentes culturais e mesmo turísticos do municipio de Lalín. As súas exposicións, con milleiros de obxectos de grande valor etnográfico, convérteno nun dos máis importantes de Galicia e aínda de España no seu xénero, sendo visitado por milleiros de persoas, as máis delas escolares, ao longo do ano, que mesmo dispoñen de restaurante para degustar o cocido de Lalín.

O museo garda miles de variadas pezas etnográficas e tamén arqueolóxicas, procedentes do veciño castro da Aurela que, tras varias campañas de escavacións, ofrece a posibilidade de ollar con detalle onde e como vivían os habitantes castrexos. Tamén garda pezas e fotos das mámoas, dos petróglifos e pedrafitas que se localizaron nesta parroquia, na que se teñen sinaladas varias rutas, para visitar o amplo patrimonio civil, relixioso e paisaxístico que ofrece esta zona que se atopa nas ribeiras do Asneiro.

Nas numerosas publicacións que edita o propio museo, así como nas que aparecen en distintos medios escritos e audiovisuais, pode atopar o lector información das moitas actividades desta institución lalinense que, pola súa amplitude, sería imposible ofrecer aquí.

Tracking Pixel Contents