Lalín e Silleda camiñan por Palestina

Lalín e Silleda unidas en protesta polo xenocidio en Gaza. É o obxectivo simbólico que persegue o Roteiro do Deza por Palestina, que terá lugar o vindeiro domingo, 6 de xullo. Das dúas vilas partirán senllas columnas pola mañá para encontrarse ao mediodía xunto á ponte da N-525 en Taboada.

Concentración a favor do pobo palestino en Silleda no outono de 2023. |  Bernabé/Javier Lalín

Concentración a favor do pobo palestino en Silleda no outono de 2023. | Bernabé/Javier Lalín

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Silleda

Unha marcha reivindicativa a favor do pobo palestino unirá simbolicamente as vilas de Lalín e Silleda o vindeiro domingo, 6 de xullo. A diferencia das concentracións dos luns en localidades de toda Galicia, o Roteiro do Deza por Palestina é unha actividade única da comarca, organizada pola veciñanza de Lalín e Silleda. A idea é «formarmos dúas columnas» que partirán das dúas vilas para unírense en Ponte Taboada, á altura do restaurante do mesmo nome «e, deste xeito, seguirmos a dar visibilidade ao xenocidio palestino», apunta Xosé González Filloy.

Coa idea de chegar ao punto de encontro ao mesmo tempo e dado que Lalín está máis lonxe ca Silleda, a saída desde Praza da Igrexa da capital dezá terá lugar ás 10:00 horas, en tanto que desde a Praza do Siñor Afranio da vila trasdezá queda fixada para as 10:40. Desde a organización levarán coches ao punto de encontro para non ter que volver andando ás vilas de partida, así que «a marcha será un percorrido non demasiado longo nin con moita dificultade, apto para todos os perfís de camiñantes», subliñan os promotores.

Vestimenta

A organización considera importante que, ademais das pancartas e bandeiras palestinas que levarán e coa idea de que as marchas se fagan aínda máis visibles coas cores da bandeira palestina, as persoas participantes vistan as cores da bandeira: negro, vermello, verde ou branco. «Non é que teñamos que levar todos as catro cores combinadas –aclaran–, senón que cada un de nós, na medida das nosas posibilidades, vistamos totalmente nunha desas catro cores (o ideal sería irmos falando entre nós durante esta semana para que estean todas representadas)». Nese sentido, «tamén sería desexable que todas as bandeiras que portemos fosen palestinas e non houbese na marcha ningunha outra simboloxía ou cor, amais das mencionadas. Loxicamente, desde a organización non imos prohibirlle a ninguén que se manifeste libremente como queira, como sempre fixemos, faltaría máis, pero si que sería desexable que, polo menos nesta marcha, nos cingamos á simboloxía palestina», pregan.

Esta actividade non conta cos mesmos medios de difusión que outras nacionais e por iso demandan axuda para difundir a convocatoria entre as persoas coñecidas e toda aquela xente sensibilizada coa causa palestina que podería estar interesada en asistir á marcha. Todas aquelas que queiran apuntarse o recibir máis información, poden contactar en Lalín con Pablo (630710710) e en Silleda con Xosé (604082463). Rematan o chamamento á participación co lema Desde o río ata o mar, Palestina vencerá!.

Tracking Pixel Contents