«Confío no equipo porque levo anos escoitándoos»

O cuntiense Damían Cortés volta á que nun tempo fora a súa casa, desta vez como novo director de Radio Estrada, con moitas propostas e metas

Damián Cortés, novo director de Radio Estrada. |  S. P.

Damián Cortés, novo director de Radio Estrada. | S. P.

A Estrada

A Estrada abre hoxe unha nova páxina na súa historia radiofónica coa presentación oficial de Damián Cortés, natural de Cuntis e estreitamente vencellado á vila, como novo director de Radio Estrada. A súa chegada prodúcese tras a xubilación de Pepe Rodríguez, histórico responsable da emisora municipal durante case tres décadas.

A presentación celebrouse no Concello da Estrada, onde o todo o equipo da radio, xunto ao alcalde, Gonzalo Louzao, máis o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, deron a benvida ao novo director ao tempo que se despedían de Pepe. O cuntiense comezou agradecendo o recibimento do equipo da emisora: «A pasada semana, cando se fixo pública a noticia, todos me recibiron moi ben. Confío plenamente no equipo de Radio Estrada porque sei como son e como traballan, levo anos escoitándoos a diario», asegurou.

Un dos momentos máis emotivos da intervención foi a lembranza e agradecemento a un dos seus mentores, Pepe Rodríguez, a quen Cortés definiu como o seu pai radiofónico. «No seu momento permitiume cambiar o meu horario para poder estudar en Pontevedra. Grazas a el puiden estudar e traballar ao mesmo tempo», recordou. «Díxome ‘fásme unha putada, pero alégrome un montón’, e quero agradecerllo públicamente», engadiu cun sorriso.

A súa proposta de futuro é clara: abrir a radio á rúa e reforzar a súa presenza na vida social da vila. «Temos que volver estar presentes no deporte, na cultura... xa estamos, pero hai que facer un pouquiño máis de esforzo», sinalou. Tamén recoñeceu o reto de traballar cun equipo máis reducido que fai uns anos: «Cando marchei eramos dez ou doce, agora somos cinco. Pero con ilusión e axudándonos das novas tecnoloxías, poderemos tirar para adiante co que veña».

Quixo destacar tamén o esforzo dos seus compañeiros,como Fran Campos e Isa Durán, e especialmente de Pablo García, responsable da implantación dun novo software: «Foi un gran traballo o que fixo, e quero que todo o mundo saiba que é mérito seu. Adiantouse moitísimo». Igualmente sucedeu con Rafael Vázquez, responsable da área comercial, na que entrou fai máis de un ano en lugar de Marque, facendo tamén un gran traballo para a emisora estradense.

Unha das novas metas que asumirá Cortés está a mellora da calidade da emisora, e do relanzamento dun programa de deportes diario con compoñente social, no que espera poder contar co anteriormente nomeado comercial para que lle bote unha man.

Por último, o alcalde quixo darlle a benvida ao novo director e agradecer o legado de Pepe Rodríguez, quen formou xunto a José Manuel Marque e Perfecto Sangiao un «triunvirato histórico que levou a emisora a cotas insospeitadas nos anos 2000». A programación definitiva será presentada en setembro, aínda que xa desde esta semana Cortés asume a coordinación, onde intentarán facer melloras pouco a pouco: «O ideal sería ser algún máis, pero cos membros que temos e sobre todo coa súa ilusión, podemos facer unha moi boa tempada».

Tracking Pixel Contents