Entrevista | Baia Fernández Escritora
«Gustaríame que os homes o lesen, aínda que é feminino»
Inmersa no proceso de crowdfunding para publicar o seu último poemario, «O faiado das papoulas», Baia Fernández preséntanos esta obra íntima que, a través dos versos, aborda un profundo camiño de crecemento persoal e social

Baia Fernández, escritora de Cuntis que está a facer crowfunding para o seu último libro 'O Faiado das Papoulas'. / Marcello Santos
Baia Fernández é unha escritora natural de Cuntis que está a preparar a publicación do seu novo libro, O faiado das papoulas, un poemario intimista no que volca vivencias, reflexións e emocións persoais. A autora, que cumpre dez anos de experiencia na literatura, onde destacou na infantil, aposta agora pola poesía como ferramenta de transformación e benestar emocional, algo do que tamén entende dabondo. O libro atópase agora en proceso de financiamento a través dunha campaña de micromecenado ou crowdfunding.
-Canto fai xa dende que comezou vostede na literatura?
-Hai xusto dez anos publiquei o meu primeiro libro, Unha viaxe de rumiantes, que foi un proxecto totalmente artesanal, feito para min mesma, pero que sorprendentemente tivo moi boa acollida. Despois veu O conto de Laia, ilustrado por Leandro Lamas, co que tiven a sorte de traballar sendo eu unha grande admiradora súa. Máis tarde publiquei Caracol, cara de col, ilustrado por Tania Solla, que tamén tivo éxito.

Baia Fernández, na presentación do seu libro "Caracol, cara de col" nunha escola. / Cedida
- E como xurdiu a idea de escribir este poemario?
-Pois dende hai tempo fun volvendo á poesía, sobre todo a raíz dun proceso persoal de crecemento e transformación interior que me inspirou moito para escribir. Este libro fala precisamente desa memoria emocional que fun descubrindo en min, desas cousas que precisaba sacar e sanear. Escribir converteuse nunha maneira de sanarme tanto emocional como fisicamente.
-O título, O faiado das papoulas, parece moi simbólico. Que significa para vostede?
-O título chegoume de forma natural. O faiado é ese lugar das casas onde gardamos cousas das que non sabemos desprendernos, obxectos esquecidos ou que quedan para que as xeracións seguintes descubran. Algúns deses recordos deberían ser tirados e outros merecen ser recuperados e valorados. As papoulas teñen un significado especial para min porque en Cataluña, onde pasei parte deste proceso de cambio persoal, medran por todas partes. Para min representan esa forza delicada: son flores que semellan fráxiles pero que brotan nos camiños, nos arados, incluso nos lugares máis inhóspitos. Esa resistencia é o que quería transmitir. O faiado simboliza ese espazo interno onde gardamos as vivencias; ao abrir as fiestras e ventilar, agroman as papoulas como símbolo de renovación e sanación.
-Como está a ser a experiencia do crowdfunding?
-É un proceso intenso. Agora mesmo levamos o 65% conseguido. Son 40 días nos que tes que estar pendente de facer difusión, lembrar á xente que pode apoiar o proxecto... Como xa fixen outro crowdfunding no pasado, sabía onde me metía, así que estou a facer moita meditación para levalo con calma, pero recoñezo que é estresante. Non se trata de que o merquen por compromiso, senón de que chegue a xente que lle poida gustar e queira apoiar o proxecto.
-Que emocións ou temas principais percorren este poemario?
-É un poemario moi intimista, baseado en vivencias persoais, pero tamén ten unha parte reivindicativa e social. Hai situacións que vivín polo feito de ser muller e que creo que compartimos moitas. Falo de como normalizamos abusos ou comportamentos que non deberiamos aceptar. Ainda que é un libro moi feminino, gustaríame que os homes o lesen, para que entendan cousas que vivimos as mulleres.
-Ademais de escritora, tamén é adestradora emocional. Ten influencia iso nos seus teus textos?
-Curiosamente penso que foi ao revés. Non foi a profesión a que influíu na miña maneira de escribir, senón que a miña maneira de vivir e de escribir foi o que me levou a formarme nas emocións. Iso foi o que me fixo chegar á enxeñaría emocional e querer aprender máis.
-Ten moita demanda coma adestradora de emocións?
-Traballo tanto individual como en grupos, e cada vez hai máis interese neste eido, o cal é unha boa nova para a humanidade. As emocións son o que realmente nos goberna. Ter unha boa saúde emocional é fundamental para levar unha vida en harmonía. En ocasións colaboro con concellos que ofrecen formacións de dous, tres ou seis meses, e con colexios. É raro que tras dar unha charla non me pidan repetir (risas).
Suscríbete para seguir leyendo
- Rescatan en Vigo a un hombre desaparecido que llevaba 11 días oculto entre rocas en Tombo do Gato
- Multa de 10.000 euros y 3 meses sin licencia para el furtivo de los 800 kilos de pulpo
- El grupo de israelíes expulsado por un hostelero de Vigo: «Le dijimos que estaba manipulado por los medios, que no conoce la verdad»
- Detectan «barbaridades» en las embarcaciones de recreo
- Una asociación pedirá anular judicialmente la concesión de la Medalla de Galicia a Leonor
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- Muere Marta Jiménez, colaboradora de ‘El Hormiguero’, durante un salto base en Huesca con tan solo 34 años
- Las rampas de Gran Vía a Praza América serán semiabiertas y contarán con árboles