Os derradeiros anos da estradense Virxinia Pereira Renda

Virxinia Pereira e Alfonso Rodríguez Castelao
J. A. Porto
Conmemoramos neste 2025 os setenta e cinco anos do falecemento en Buenos Aires do político nacionalista galego Afonso Daniel Rodríguez Castelao, quen, como se sabe, casara en 1912 coa estradense Virxinia Pereira Renda. Xa viúva, Virxinia visitaría A Estrada nos derradeiros anos da súa vida, en 1968 e 1969, ano este do seu pasamento en Madrid.
Durante as súas estadías na Estrada, onde vivía coa súa cuñada Herminia Agulló Barral, viúva de Ángel Pereira Renda, é sabido que Virxinia foi visitada por varios galeguistas, circunstancia que está ben documentada. Así, no seu estudo “As dúas mulleres de Castelao” (A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, 1999), Olimpio Arca Caldas escribe: “Na Estrada visitárona Isaac Díaz Pardo, Méndez Ferrín, Porto Matalobos e un compositor arxentino.”
Tamén se refire a estas visitas o avogado vigués Xesús Sanxuás Formoso no traballo “A Agrupación Cultural O Galo” (Terra e Tempo, nº 180, 2019): “D.ª Virxinia morrería catro anos despois en 1969 na Estrada, onde está soterrada, esquecida practicamente de todos agás que eu saiba por tres galeguistas que en 1968 se achegaron á Estrada onde vivía na casa da súa cuñada, para saudala e mostrarlle os seu respecto: por unha banda Isaac Díaz Pardo que levou a Ferrín, xa que este ía desprazarse a Bos Aires e Montevideo para entrevistarse co Consello de Galiza, e por outra banda tamén o xornalista e correspondente de El Correo Gallego na Estrada, Porto Matalobos, xornalista co que eu tiña boa relación pola súa ideoloxía galeguista e de defensa do idioma».
Unha desas persoas que visitou á viúva de Castelao, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, ofrécenos no artigo “Virxinia Pereira” (FARO DE VIGO, 16/03/2020) o seguinte testemuño: “Virxinia recibiunos, a Díaz Pardo e a min en 1968, na Estrada. Eu ía a Bos Aires chamado polo Consello de Galiza e Isaac que desconfiaba moito da Institución, animoume sen embargo a aceptar a misión e levoume en coche de Padrón á Estrada para visitar e informar á viúva de Castelao, líder da Patria. Recibiunos e diunos de merendar na casa dunha súa cuñada. Virxinia fíxome un relatorio preciso e un mapa non menos veraz dos grupos e tensións políticas que eu encontraría en Bos Aires e en Montevideo. Cando se refería a algúns decía «os nosos». Para Virxinia «os nosos» eran «todos os galegos antifeixistas», como escribira o seu home en Sempre en Galiza.”

Tarxeta de Herminia Agulló (1969) // Fondo X. Porto Matalobos.
Canto a Xosé Porto Matalobos, xa publicara en 1976 o artigo “Virxinia de Castelao” (El Correo Gallego, 25/12/1976), aludindo igualmente a eses encontros na Estrada. A primeira visita a Virxinia fixéraa Porto, tal como conta, en compañía de Pepiña Camba, tamén estradense, cuñada de Olimpio Arca Caldas. Nese artigo apunta ademais o nome do compositor arxentino: “Poderían chegar alí, con unha aperta agarimosa, Isaac Díaz Pardo e máis seu mozo fillo, na compaña de Isidro Maiztegui, o músico arxentino, ou, como non, con Xosé Luís Méndez Ferrín.” Indiquemos a propósito, e sen máis comentario, o que nos di Xosé Neira Vilas no seu libro Vinte anos retornando (2006), referíndose ao 10 de xuño de 1978: “Con Isaac e Mimina marchamos ao Castro, Sada, onde nos agardaban os seus fillos Camilo e Xosé. Alí tamén se atopan Carme e Rafael Dieste e o compositor arxentino Isidro B. Maiztegui, a quen eu tiña tratado moitos anos atrás en Buenos Aires (presentáranos Emilio Pita); achegouse á cultura galega e dirixiu o coro Terra Nosa, do Centro Ourensán.”
Porto Matalobos non só visitaba a Virxinia, senón que tamén recibía as visitas da viúva de Castelao, a quen mesmo acompañou nalgunhas viaxes a diferentes cidades galegas, o que se conta igualmente no referido artigo de 1976. Visitaron Santiago, Ourense, A Coruña, Vigo co cemiterio de Pereiró, Pontevedra co Museo... “Certo día a Lugo fomos. Alí tiñas que cumprir coa familia de Luís Villamarín, crego residente na terra allea arxentina. E vimos ao profesor Alonso Montero, que andaba a voltas coa nova edición de Retrincos, publicada por edicións Celta.” Por referencias na prensa do momento e por unha carta do propio Xesús Alonso Montero, sabemos que esa viaxe se realizou en agosto de 1968. A edición de El Progreso do día 23, venres, inclúe unha entrevista con Virxinia Pereira, indicándose que “llegó a nuestra ciudad el pasado día 21, como invitada de unos familiares del sacerdote don Luis Villamarín.” Preguntada se ia permanecer en Lugo moito tempo, responde: “Non. Voume o sábado pra Vigo.”
En carta a Porto Matalobos con data de “Lugo, 14-8-68”, Alonso Montero escribe: “Meu querido amigo:/Rógoche arranxes a entrevista con D.ª Virxinia entre o 23 e o 1, pois eu regresarei denantes do que che dixen onte. Dos días que che indico son bos todos agás o 24 e 25. Dille a D.ª Virxinia que me acompañarán dous mozos do grupo «Castelao» que existe eiquí dende fai dous anos e pico. O noso gusto sería invitala a xantar – e tamén a ti –. / Unha aperta. / (Asinado) Xesús.”
No ano seguinte, Virxinia Pereira, de volta na Estrada, aproveitaría unha viaxe a Vigo para facer un alto en Pontevedra e visitar o Museo, onde foi recibida por Xosé Filgueira Valverde, director, e Alfredo García Alén, secretario, reencontrándose coa obra do seu marido alí conservada. Á saída foi retratada por Camilo Gómez, fotógrafo do Diario de Pontevedra, como indica Porto Matalobos, quen o 15 de xaneiro de 1976 coordina nese xornal unha páxina conmemorativa dos vinte e seis anos do falecemento de Castelao, con textos propios publicados anonimamente. Baixo a fotografía de Virxinia, entre outras cousas sinala: “Un día calquera do mes de setembro de 1969 aínda estivo en Pontevedra as súas derradeiras horas. Ía camiño de Vigo, por despedirse de familiares, pensando en facer unha nova viaxe a Buenos Aires. Aquela xornada valeu para poder visitar as salas de Museo. Á saída, Camilo Gómez tería a honra de obterlle este retrato.” É o mesmo retrato que publicamos nestas páxinas cando se conmemoraban os cincuenta anos do pasamento da ilustre estradense (“Unha lembranza a Virxinia Pereira”, Faro de Vigo, 10/11/2019).

Carta de Alonso Montero a Porto Matalobos (1968) / // Fondo X. Porto Matalobos.
Virxinia falecería ese mesmo ano de 1969, o día 23 de decembro, en Madrid, “entre o agarimo de familiares e amigos, como Álvaro Xil, que axudarían a pecharche os ollos que aínda gardaban a frescura da Terra, no teu mirar que ofrecía esperanza para nós, todos” (“Virxinia de Castelao”). En agradecida resposta ás condolencias de Porto Matalobos e da súa esposa, Socorro Taboada Ruza, Herminia Agulló envía unha tarxeta co seguinte texto: “Muchas gracias amigos Socorro y José: / Estoy consternada por la muerte de Virginia. La primera vez que fue al sanatorio volvió bastante bien, pero la segunda por atacarle de nuevo el edema ya falleció allí. Dios sobre todo. / Un abrazo.”
Os dous derradeiros anos de Virxinia Pereira Renda, coas súas estadías na terra natal da Estrada, foron, como vemos, fecundos en viaxes, visitas e entrevistas, sempre no ronsel de Castelao e o seu legado.
- El ave que se «come» a la velutina
- Entrar en los dobles grados de Matemáticas, Física e Ingeniería Informática, solo para alumnos sobresalientes: exige más de un 13
- Arrasado por un incendio un edificio en pleno centro de Pontevedra: «Creía que iba a explotar todo»
- La hostelería da una salida a los migrantes de Sanxenxo: «Es una satisfacción enorme ver cómo se abren camino»
- La Xunta dará bonos de 50 euros para comprar pescado a partir del 28 de julio
- Cuatro noches de música con Heredeiros da Crus y las orquestas Players y Los Magos en las Festas do Carme
- Vigo activa la venta de entradas para los conciertos de Castrelos: horarios, límites y consejos
- Se complica el fichaje de Bryan Zaragoza