Unha noite de San Xoán anticipada
Este ano a celebración do solsticio verán cae na noite de luns para o martes –días laborables– polo que moitas entidades e asociacións decidiron adiantar os festexos ás xornadas da fin de semana. Así, a meirande parte dos eventos desta tradicional festa terán lugar mañá, sábado 21 de xuño.

Fogueira de San Xoán na Bandeira en anos anteriores. / Bernabé/ Javier Lalín
A noite do 23 ao 24 de xuño celébrase cada ano a Noite de San Xoán, un encontro máxico co lume, a auga e as tradicións ancestrais que celebran o solsticio de verán. Mais este 2025, os días 23 e 24 cadran en luns e martes, o que levou a moitas entidades, asociacións e locais hostaleiros das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a adiantar os festexos ao fin de semana, para que a veciñanza poida desfrutar da noite meiga sen ter que madrugar ao día seguinte (consulta aquí toda a información).
Na Estrada, un dos primeiros en celebrar será Vinseiro, que organiza mañá sábado 21 un evento que comeza ás 17.00 horas con colchonetas de balde para os máis pequenos, e continúa ás 21.30 horas cunha cea a base de churrasco, patacas, ensalada e postre, por 25 euros. A música correrá a cargo do Dúo BL-Pop. Moi preto, tamén o sábado, Cereixo celebrará a súa festa con sardiñas, churrasco, pan, viño e queimada (18 euros os adultos, de balde para os nenos), animación musical de Os Ke Hai, e lumeiro para saltar á medianoite.
Na parroquia estradense de Nigoi, o San Xoán celebrarase tamén o sábado ás 22.00 horas, cunha cea por 25 euros os adultos e 10 os nenos, agás os menores de cinco anos, que participan de balde. A velada contará con música en directo. Mentres, no casco urbano da Estrada, a Praza da Feira acolle xa este venres unha sardiñada organizada pola Tapería O Lar e o Restaurante Samaná, e o domingo 22 serán os hostaleiros da Zona dos Viños os encargados de continuar co espírito da festa, cunha degustación de sardiñas e pan de millo desde as 19.00 horas.

Cartel do San Xoán de Nigoi. / FDV
Na comarca de Deza, Lalín tamén entra de cheo nos festexos. O barrio de Pena Aguda organiza a súa Festa do San Xoán mañá sábado 21, cunha sesión vermú ás 13.00 horas a cargo da Banda de Música Popular de Muimenta. Ás 21.30 horas terá lugar unha cea da veciñanza con sorteo de dous cabritos e dúas caixas de viño, e música da Mekanica e DJ Marcos Fernández desde a medianoite. No barrio da Cacharela, a festa será o luns 23, cunha misa ás 13.00 horas no baixo de Lela e cea popular á noite (6 euros os adultos, 3 os nenos), amenizada polo Pachi Show.
En Palmou, tamén no concello de Lalín, celebraranse festas na honra de San Xoán e San Antonio durante sábado e domingo, con sesións vermú, procesións, sorteo dun remolque de leña e música nocturna a cargo de Os Atrevidos e o Trío Manhattan. Por outra banda, en Cortegada, no concello de Silleda, a festa tamén se adianta a mañá sábado 21, cunha cea popular ás 21.30 horas cun menú pechado por 16 euros que inclúe empanada, panceta, criollo, costela, postre, café e bebidas.
A maiores, Silleda celebra este domingo unha das actividades máis singulares da contorna: o Paseo das Sete Fontes, organizado polos veciños das Baratas e SIC Iniciativas Culturais, unha camiñata que percorre sete mananciais da parroquia para recoller auga e herbas coas que preparar o tradicional cacho de San Xoán. O percorrido, de 8 km, comeza ás 19.00 horas no campiño do Sindical, xunto á Praza de Benito Rivas.
Na vila de Agolada, mañá sábado tamén se vivirá o San Xoán no marco incomparable dos Pendellos, con fogueira, torresmos, chourizo e música en directo a cargo de Bico da Balouta, nun ambiente tradicional e festivo.
Finaliza o prazo de permisos
A maiores de todas estas celebracións, entre o xoves e o venres finalizaba o prazo para solicitar nos concellos os permisos necesarios para acender os lumeiros. Neste sentido, a empresa estradense Irmáns Picaño anunciaba nas súas redes sociais que regala palés para seren queimados nas fogueiras de San Xoán, unha iniciativa que combina espírito festivo e apoio á tradición.
Cómpre lembrar tamén que, malia a tendencia de adiantar as festas, hai celebracións que se manteñen fieles á noite do 23 ao 24, como é o caso do San Xoán do Areal de Berres, o da Cañoteira ou o de Forcarei, onde haberá sardiñada de balde coa consumición, a partir das 20.00 horas no aparcadoiro detrás da igrexa, ata esgotar existencias.
Cerimonia do lume sagrado
Fóra das datas máis comúns, un dos eventos máis orixinais celébrase o domingo 22 ás 13.00 horas no Pico Sacro (Boqueixón): a Cerimonia do Lume Sagrado, promovida por Boqueixón Turismo. O acto inclúe un desfile protagonizado pola asociación O Castro da Fervenza de Callobre, música en directo a cargo de Son de Gaita e a posibilidade de recoller lume sagrado para levalo ás cacharelas particulares, dende a Capela de San Sebastián, cunha vela ou farol. Ademais, quen queira participar de forma activa no desfile pode solicitar traxe previamente no correo boqueixonturismo@gmail.com ou no teléfono 981 513 061.
Así, Deza e Tabeirós-Terra de Montes volven demostrar que manteñen vivo o espírito do San Xoán, combinando tradición, gastronomía, música e lume nunha fin de semana que se prevé intensa e chea de maxia.
A importancia das festas de San Xoán vai máis alá da celebración lúdica: son tamén un momento de encontro veciñal, de posta en valor das tradicións e do patrimonio cultural inmaterial. Os preparativos destas datas implican a toda a comunidade. A fogueira, elemento central do ritual, simboliza a purificación e a renovación, e saltares sobre ela é, segundo a crenza popular, unha forma de afastar as meigas e atraer boa sorte.
- Rescatan en Vigo a un hombre desaparecido que llevaba 11 días oculto entre rocas en Tombo do Gato
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- Multa de 10.000 euros y 3 meses sin licencia para el furtivo de los 800 kilos de pulpo
- Hachazo’ en las oposiciones de educación: eliminados en la primera prueba casi el 90% de los aspirantes
- Hosteleros divididos por la actitud de los peregrinos
- Un conductor ebrio atropella al alcalde de Sanxenxo
- El restaurante flotante de Roberto Vilar en Silgar
- El pueblo costero de Galicia donde se come muy bien en primera línea de playa: «El refugio del fin del mundo»